PENTECOSTÉS - CICLO B

 Oracional Galego en Spotify

LECTURAS DO DÍA


LECTIO:

PENTECOSTE 

Lume ardente no peito

 

         Pentecoste é o nome de orixe grega da festividade da vinda do Espírito Santo onda nós. Fai referencia aos “cincuenta” días posteriores á Resurrección do Señor. Un número de días que non se ha entender literalmente senón de maneira simbólica. Un día emocionante, grandioso, o da vinda do Espírito Santo onda nós, para se facer presente no mundo enteiro: no pasado, no presente e nos tempos vindeiros.

         Esta festividade está en paralelismo e, ao tempo, á maneira de contrapunto coa festa da Ascensión do Señor do domingo pasado. Aledabámonos entón e dabámoslle grazas a Deus Pai polo ascenso glorioso de Xesús aos ceos despois da súa Resurrección. Coa Ascensión de Xesús estaba simbolicamente sinalado o camiño e construída a ponte, entre terra e ceo, para acadarmos así vida e felicidade definitivas.         

         Agora, nesta festa do Espírito Santo, o que ocorre non é unha vez máis un “ascenso”, unha “Ascensión”, senón un “descenso”, unha vinda onda nós do Espírito Santo. Por mediación de Xesús ascendido aos “ceos”, é dicir, ascendido a esa nova situación gloriosa de Xesús, anticipo do que será a nosa, baixa o “Espírito” de Deus onda nós. Un “Espírito” que está e estarao sempre onda nós. O Espírito de Deus veu onda nós, está connosco e estarao sempre. A súa vinda non ten data de caducidade. Veu para se quedar. De modo que se hai Ascensión de Xesús aos ceos, non a hai do Espírito Santo. Este está no corazón mesmo de cada un de nós e de toda a humanidade e connosco quere estar sempre como en casa propia.

         Deste xeito, o Espírito Santo vén sendo algo así como a presenza de Deus entre nós máis alá do tempo histórico ou biográfico en que Xesús estivo connosco. Precisamente por iso, é dicir, grazas á vinda do Espírito Santo, enviado onda nós por Xesús e polo Pai, podía dicir Xesús, a pesar da súa “Ascensión”, que el, é dicir Xesús, “estará sempre connosco ata a fin do mundo”. E se Xesús é a imaxe, o retrato vivo de Deus Pai, o Espírito Santo vén sendo pola súa parte a presenza invisíbel, mais viva e actuante no mundo enteiro deica a fin dos tempos, do Xesús ascendido aos ceos.

         Nos Feitos dos Apóstolos, o Espírito de Deus énos presentado, na súa vinda onda nós, coma “ruído dun forte golpe de vento” que o enche todo, coma “linguas de lume” que se pousan sobre tódolos presentes. Ocorre así unha transformación fonda nos apóstolos, que os fai sentirse como “cheos do Espírito Santo”. De tal maneira que son capaces de se daren a entender por tódolos que os escoitan. Dísenos alí que todos os comprendían perfectamente, coma se falasen na súa propia lingua, sendo así que de feito os que os escoitaban eran de moi diferentes linguas e nacións.

         Tanto nos comezos do espallamento da boa nova de Xesús coma nos tempos de hoxe e de mañá o que nos fai falla aos cristiáns é ese sentírmonos “enchidos do Espírito Santo”, tal como ocorreu cos apóstolos na primeira Pentecoste. Un sentirmos en nós a presenza viva do Espírito Santo, que nos dá vigor e azos para o anuncio da mensaxe de Xesús con liberdade, alegría e agradecemento. Anuncio que se realiza coas palabras, aínda que mellor cos feitos, porque, no fin de contas, as palabras sen os feitos non son máis que algo baleiro.

         De que falaban os apóstolos, transformados en si mesmos pola presenza neles do Espírito Santo? Dísenos nos Feitos dos Apóstolos que falaban “das grandezas de Deus”. Eles sentían en si mesmos o “grande” que era ese Deus que se nos dera a si mesmo no seu Fillo Xesús e que agora se facía presente coa forza e o poder transformador do Espírito Santo.

         Por iso, é hoxe sobre todo un día no que deberiamos repetir aquela petición que a “Secuencia” formula deste xeito: “Ven, Espírito divino..., Ven, hóspede desexado... Entra ata o fondo da alma, divina luz, e enriquécenos... Ven, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis...”.

         Teriamos que nos concienciar de que este Deus que se nos comunica no Espírito Santo e que está na mesma orixe da igrexa é un Deus impetuoso, forte, como é forte un vento impetuoso capaz de derrubar carballos ou castiñeiros. Un Deus libre e que ama a liberdade. Un Deus que se comunica e que se fai comprender en calquera lingua e cultura. Un Deus que non se ata a límites, prescricións ou ritos concretos. Porque a súa “grandeza” (aquela da que falaban os apóstolos aos alí presentes) é unha grandeza divina. Por ser tal, actúa o Espírito de Deus en nós non só coma un vento forte, senón tamén como brisa ou alento suave que nos dá paz e alegría. Así o expresaba ou simbolizaba Xesús cando no evanxeo de Xoán se nos di que, despois de lles dar a paz aos seus discípulos, o Xesús resucitado “alentou sobre eles”, dicíndolles: “Recibide o Espírito Santo”.

         Un “alento” que liberará os discípulos dos seus “des-alentos” e medos para anunciaren con afouteza a boa nova da Resurrección de Xesús. Espírito, pois, forte e maino, ao que lle gusta a unidade, mais tamén a diferenza das persoas, culturas e linguas, e polo tanto que está lonxe de estreitos dogmatismos e uniformidades. Que quere portas abertas ao mundo, tal como nolo pide insistentemente o papa Francisco, para que xentes e pobos poidan así chegar ao coñecemento das grandezas de Deus.

         Sobre esta festa de Pentecoste lin algunha vez isto: “Na Igrexa somos moi pouco devotos do Espírito Santo. Emporiso, só no Espírito somos os cristiáns capaces das cousas que no noso falar e no noso obrar nos distinguen como cristiáns. Sen o Espírito nin seriamos adoradores do Pai, nin seguidores de Xesús, nin servidores dos pobres. Non seriamos nada”.

 

Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/pentecostes-b-xoan-2019-23-3/

FICHAS PASCUA B

Comentarios

Publicacións populares