ASCENSIÓN DO SEÑOR - CICLO B
LECTIO:
CHAMADOS A ASCENDER.
Ascensión do Señor
A festividade da Ascensión abrangue mensaxes
e ideas grandes e sublimes. Porque nela, neste Cristo do que se nos di que
“ascende”, veñen xuntarse dalgunha maneira ceo e terra. Entendidos naturalmente
ámbolos dous de maneira simbólica, en tanto que coa terra asociamos o imperfecto
mentres que, pola contra, co ceo o que non remata, o totalmente bo.
Non se trata, con todo, de dúas realidades, o ceo e maila terra, totalmente diferentes ou opostas.
Pois, por unha parte, en Deus Pai atópase a síntese e a razón de ser das dúas; porque
el, “o Pai omnipotente”, tal como confesamos no Credo, é o “Creador do
ceo e máis da terra”. E, por outra parte, no seu Fillo Xesús encarnado, a terra
e a humanidade toda están e estarán sempre presentes. Porque el é e será sempre
un de nós, por máis que sexa e será para sempre o Fillo único e benquerido de
Deus.
Xesús “ascende”, pois, nesta festividade a un novo e definitivo nivel.
Amósanos así cal é tamén o noso “camiño”. De si mesmo xa dixera que non só é a Verdade
e a Vida, senón tamén o “Camiño”. Un camiño, xa que logo, que todos estamos
chamados a percorrer. Nunha peregrinaxe na que non nos fallarán as forzas do
seu Espírito, do Espírito que Xesús nos promete hoxe: “Recibiredes a forza do
Espírito Santo, que virá sobre vós”.
Trátase, pois, dunha peregrinaxe, dunha “ascensión”, a de cada un de nós, que
non facemos en solitario. Ben sabemos que unha peregrinaxe se fan máis doada
cando se vai con outros que dan azos ou que fornecen axuda cando se precisa. El
vai connosco. E non de calquera maneira. Vai sempre diante, facendo o meirande
esforzo e abríndonos o camiño.
Todos formamos unha unidade
con el. Segundo Paulo, na carta aos Efesios, os
cristiáns formamos con Cristo un só corpo, sendo el a “cabeza” do mesmo. É Deus
Pai quen someteu todo a Xesús e quen “o puxo por riba de todo como cabeza da
Igrexa, que é o seu corpo”. Nós somos, xa que logo, membros deste corpo misterioso
no que Xesús é a “cabeza” que dirixe e estimula os membros do corpo místico que
somos nós.
E a este Xesús Cristo que ascende ao ceo están unidos os seres humanos todos
do pasado, do presente e do porvir, sexan da ideoloxía ou crenza que sexan.
Todos estamos, chamados e convidados a este esforzo común con el cara a unha
meta grandiosa e fermosa, que ninguén no fondo pode deixar de apetecer. Pois
quen non quere vivir ou non busca a verdade?. Quen non quere acertar co camiño
que leva á felicidade?
Pois ben, quen teña eses desexos (e témolos todos dunha ou doutra maneira) debería saber que
Xesús está con el. Non podemos converter Xesús en alguén que está reservado a
certas persoas que fagan certas cousas ou realicen certos ritos. Él está aí
para todos, pois el non é nin máis nin menos cá imaxe fiel e perfecta para
todos do Deus Pai de todos.
Por iso Paulo, na súa carta de hoxe, ao nos falar de que a Igrexa é o corpo de Cristo e sabendo
que Cristo é a imaxe viva do Pai de todos, non deixa de dicir sobre a Igrexa (e
non só sobre Cristo) que ela é “a plenitude daquel que o enche todo en tódalas
cousas”. Por iso a Igrexa enténdese a si mesma como “católica”, é dicir, como
“universal”.
Isto pode relacionarse tamén co mandado que lles fai Xesús aos seus apóstolos: “Ide polo mundo enteiro e anunciade a Boa Nova a toda a
creación”. A anunciar esa Boa Nova, esa gran noticia, estamos chamados todos e
cada un dos cristiáns e todas e cada unha das cristiás na súa vida familiar,
comunitaria e social, dando así testemuño da nosa fe e sobre todo do noso amor
a todos. Así o entendía, por exemplo, o fundador dos chamados Misioneiros e Misioneiras
Identes, un Instituto Relixioso fundado polo madrileño Fernando Rielo no ano
1959, ao lles pór o nome de “Identes” (non “Videntes”) aos membros do seu
Instituto. “Identes” procede deste mandado de Xesús: “Ide polo mundo enteiro
e anunciade a Boa Nova a toda a creación...”.
Decatádevos ademais de que aquí se fala de toda a “creación” e non só da
“humanidade”. A Boa Nova de Xesús ten que se estender a toda a natureza:
animais, árbores, plantas, paisaxe etc. Temos que respectar e coidar da
fermosura desta “creación” de Deus que con frecuencia convertemos case en lixo
polos intereses sen límites das industrias ou polo noso individual desleixo.
Unha tarefa importante sobre todo para os que nacemos ou vivimos nunha terra
tan fermosa como a nosa, que tantos nos envexan. Porque a terra, o mar e o aire
son os mesmos daquel Xesús que viviu connosco e que seguirá sendo para sempre
un de nós. Se os estragamos, enturbamos ao tempo a imaxe e a mensaxe de Xesús.
Coa Ascensión de Xesús, que vén sendo o cumio da súa Resurrección, estamos, pois, todos
chamados a agradecer a grandeza de Deus Pai e dos seus plans sobre nós. De
feito, Paulo fálanos hoxe de que deberiamos abrir os ollos para intentar comprender
“o vigor da potencia e da forza” de Deus Pai en relación connosco. Como se nos amosa este “vigor”? Paulo dinos
que Deus Pai exerceu o seu vigor e a súa forza “resucitando Cristo de entre os
mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e
potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra
recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro”.
Tendo en conta que toda
Eucaristía é agradecemento, debería selo hoxe de
maneira especial á vista destes grandes plans de Deus sobre nós.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/ascension-do-senor-b-marcos-1615-20-3/
Comentarios
Publicar un comentario