6º DOMINGO DE PASCUA - CICLO B
LECTIO:
APROBAR NO AMOR.
Domingo VI de Pascua
Xoán, no evanxeo, mais tamén na segundalectura, amósasenos coma un autor
denso, fondo, que vai ao cerne dos problemas. Alén da descrición dos
acontecementosen relación con Xesús, a el gústalle profundar, reflexionar e
sintetizar. Poderiamos dicir que procede xa case como un teólogo sistemático dos
tempos posteriores. Por iso Xoán é simbolizado en forma de aguia, pois á aguia
gústalle voar a grande altura e ten ademais visión aguda e penetrante. Disto dános boa proba cando nos fala do amor:
da súa centralidade cristiá. Empregamos tantas veces a
palabra amor que ás veces pode ela converterse en moeda gastada. E non debería
ser así. Porque en realidade sen amor non pode vivir un nin poden tampouco os
demais.
Cal é a orixe do amor para
Xoán?Nesta súa primeira carta dinosel que “o amor vén de Deus”, que “Deus é amor”. Isto para Xoán como para
calquera cristián é algo moi claro, porque ben sabemos que a única maneira de
saber como é Deus é vendo como se comporta o seu fillo unixénito Xesús. Este
dixera de si mesmo: “Quen me ve a min, ve o Pai”, é dicir, ve a Deus. Pois ben,
a experiencia que van tendo os apóstolos e discípulos de Xesús con el é a de
alguén que os estima e quere de verdade, que os desculpa, que os perdoa, que dá
a súa vida por eles e por todas as persoas e que resucita para lles dar e
garantir a eles e a todos vida e resurrección.
Os discípulos de Xesús van aprendendo así a ver a Deus como alguén que, sobre
todo, ama sen límites. De cando en cando lémbrovos, para que non o deades a
esquecemento, que Deus é trindade de persoas que se aman: Deus-Pai, Deus-Fillo
e Deus-Espírito. Pero isto non pode converterse en algo abstracto, nunha
especie de invento ou entretemento de teólogos que non tivesen nada que facer.
Non. A Trindade de Deus é a conclusión á que xa chega a primeira reflexión
cristiá, cando os seguidores de Xesús se van dando conta de que el fala de si
mesmo como Fillo, como o Fillo único e infinitamente querido de Deus-Pai. Pola
súa parte, Xesús enténdese a si mesmo como a imaxe perfecta do Pai, como manifestación
divina do mesmo Pai. De modo que en Deus hai polo menos, para dicilo dalgunha
maneira, unha dualidade de persoas: o Pai e o Fillo. E esta dualidade
converterase en trindade cando Xesús nos fale despois de que el e mailo Pai nos
van mandar aínda un terceiro, que nos encherá de consolación e que estará
sempre connosco, alegrándonos e amándonos como presenza viva en nós do Pai e do
Fillo. É a persoa divina que chamamos Espírito Santo.
Deus vén sendo así como un círculo de amor e nese ámbito de amor quere que
entremos tamén nós, por máis que Deus se bastaría plenamente a si mesmo sen que
nós entrásemos nel. Mais des que Deus decidiu irmandarse coa humanidade toda no
seu Fillo Xesús, pertencemos todos a esta atmosfera de amor da Trindade de
Deus, que vén sendo algo así coma o aire que respiramos. Se nos fallase ese
aire non poderiamos seguir vivindo. Por iso cando alguén percibe que non é
querido, que non é amado, deixa case automaticamente de querer seguir vivindo.
Volvendo ao texto de Xoán e tendo en conta que nos discípulos de Xesús estamos en
certo modo presentes todos nós, póñense
en boca de Xesús estas palabras: “Como me amou o Pai, así vos amei eu”. O
comportamento de Xesús connosco non fai senón prolongar ou repetir o amor que
Deus-Pai lle ten a el. Deste modo, en Xesús e con el somos todos queridos
infinitamente por Deus-Pai. Isto é algo que supera a nosa comprensión.
Velaquí vedes por que ten tanta importancia o de amármonos mutuamente. Ata tal
punto que se converte no verdadeiro e único mandamento de Xesús: “Este é o meu
mandamento: que vos amedes uns a outros como eu vos amei”. “Mándovos isto: que
vos amedes uns a outros”.
Polo tanto, se queremos ser “cristiáns” de verdade, non nos vale en modo algún presumir de cousas como
estas: eu sonche moi relixioso, moi amante de Deus, rezo moitísimo, eu cumpro
con todas as normas, eu son moi obediente, etc. Todo isto está moi ben, mais
mentres non poidamos anotar, sen mentir, no currículo da nosa vida: “eu quero
ben a todos, eu amo a todos, eu son amigo de todos”, se non podo dicir isto con
verdade, entón nada do anterior nos será de proveito para podermos aprobar o
curso, refírome ao curso longo ou curto da nosa vida. Seguramente lembrades
aquilo que dicía o santo carmelita Xoán da Cruz: “ao atardecer da vida
examinarante do amor”. Examinaranme, xa que logo, sobre se arredor de min fun
creando erroneamente na vida un círculo de “servos”, aduladores e dependentes e
non en cambio –como debería ser– un
círculo de “amigos” de verdade, libres e independentes, tal e como fixo Xesús
cos seus apóstolos e discípulos aos que lles dicía: “Xa non vos chamo servos...
A vós trateivos de amigos”.
Non se entende ben como se nos
fai tan complicado o que en principio semellaría fermoso e doado. Porque quen ama recibe normalmente tamén amor e séntese
así querido e feliz. Por iso, cando nos fala aquí Xesús deste “mandamento”de amarnos
uns a outros, engádese aínda: “Díxenvos estas cousas para que a miña alegría
estea en vós e a vosa alegría sexa plena”.
Así, pois, quen ama fai
felices os demais e é feliz el mesmo.
Nunlibriño de “Conversas” co padre Seixas preguntáballe o entrevistador por que
todos llequerían ben. E el dicía: “É certo que teño moitos amigos e moita xente
marabillosa que demostra terme estima... O ter capacidade de amar os demais,
incluso sensibelmente... repercute nunhas boas relacións... Eu sempre procuro
tratar ben a xente, con agarimo e, polo xeral, son ben correspondido. Esta é
unha faceta da miña vida da que estou plenamente satisfeito, sempre tiven
moitos e moi bos amigos”.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/6-pascua-b-xoan-159-17/
Comentarios
Publicar un comentario