CORPUS CHRISTI - CICLO B

Oracional Galego en Spotify

LECTURAS


LECTIO:

PAN QUENTIÑO PRA XANTAR.

Santísimo corpo e sangue de Cristo

  

         O domingo pasado celebrabamos a festa da Santísima Trindade. Tomabamos conciencia do seu significado como manifestación de Deus a nós do que el mesmo é: un Deus que, desde sempre, é un e trino, unido e diferente en si mesmo.

         Diciamos tamén que ese Deus quere comunicarse a todos e facer de nós, en comuñón con el, algo semellante ao que el mesmo é: unha soa e incomparábel familia. Na que esteamos todos unidos entre nós e con Deus polo amor, sendo porén todos e cada un autónomos e libres.

         Pois ben, co Xesús visíbel, audíbel e tanxíbel estiveron en contacto os seus apóstolos. Mais cantos non tivemos esa experiencia ou vivencia directa de Xesús temos tamén a posibilidade de relacionármonos dunha maneira especial con el e por medio del co Pai e co Espírito Santo. Esta vén sendo a mensaxe da festividade do Corpo e Sangue de Cristo.

         Porque nas Eucaristías entramos en contacto especialísimo con Deus. En primeiro lugar, ó escoitarmos a palabra de Deus.

         Ben sabemos o ben que nos fai cando alguén nos dirixe agarimosamente a palabra. E tamén como nos doe cando alguén que nos coñece pasa á nosa beira sen dicirnos ren. Medramos e fortalecémonos internamente coas boas palabras e cos agarimos dos demais.

         Lembro que unha vez camiñaban algo diante miña pola beirarrúa un matrimonio que levaba consigo unha nena pequeniña. Pasaron ao lado dun mendigo con moita barba sentado na beirarrúa sen lle faceren moito caso, mais a nena reviraba a cabeciña cara ao mendigo e non paraba de saudalo coa manciña e co seu sorriso. O mendigo reloucaba de ledicia ó ver que ela o ollaba e saudaba con agarimo.

         Pois ben, coa súa palabra amorosa, o Deus que se fixo neno en Xesús para aprendernos como nos debemos comportar, diríxenos tamén a súa palabra de xeitos moi diversos. A través da propia conciencia, do bo exemplo que nos dan os demais, tamén e de maneira especial a través da palabra que se nos fai presente nas lecturas da eucaristía, sendo así elas para nós verdadeira comida. Porque nos dá azos e sentido para a vida.

         O segundo xeito de entrarmos en contacto con Deus sería por medio da comuñón trala escoita da súa palabra. Ó iso facermos, non realizamos un rito baleiro. Sabemos e cremos que na comuñón do “corpo de Cristo” recibimos un forte impulso de vida. Xesús definiuse a si mesmo moitas veces como “Vida”: “Eu son o camiño, a verdade e A VIDA”. “Eu son o pan VIVO”. “Se alguén come deste pan, VIVIRÁ para sempre”. “O pan que eu darei é ... para a VIDA do mundo”. “Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, TEN VIDA ETERNA E EU RESUCITAREINO no derradeiro día”. “Quen come este pan VIVIRÁ para sempre”.

         Por iso a festividade de hoxe debería ser para nós unha nova ocasión de agradecermos a Deus pola súa xenerosidade infinita, fornecedora de vida. Pois cremos nun Deus que se deixa comer por nós para podermos participar así da súa forza e da súa vida.

         Un Deus que quere que vivamos todos. Que participen da súa vida cantos se senten ameazados por necesidades materiais ou espirituais.

         Por iso a celebración eucarística ha ser sempre non só íntima ou devota, senón tamén e sobre todo comunitaria e social. De xeito que así como Deus nos ofrece e dá a súa vida a cada un de nós, así deamos tamén nós polo menos algo da nosa vida, do que somos ou temos, aos demais. Con tal comportamento non perdemos nada, senón que gañamos e medramos na nosa propia vida.

         No texto do evanxeo refírensenos os acontecementos da derradeira Cea do Señor, cando el lles di aos seus Apóstolos: “Isto é o meu corpo”, “Isto é o meu sangue”.

         A festividade do “Corpo e do Sangue de Cristo” é, pois, a grande e viva lembranza sobre ata onde pode chegar o amor de Deus na súa entrega agarimosa a todos co fin de nos comunicar a súa vida.

         É por iso polo que a festividade de hoxe está tradicionalmente unida ao día da Caridade. Por iso tamén as colectas das nosas eucaristías adoitan realizarse neste día por esa intención.

         Queiramos, pois, os demais como Deus nos quere a nós! Esta é a gran mensaxe da festividade que hoxe celebramos do Santísimo corpo e sangue de Cristo.

 

 Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/corpo-e-sangue-de-cristo-b-marcos-1412-16-22-26-4/

FICHAS






Comentarios

Publicacións populares