FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO XXII DE ORDINARIO A
FICHAS ANTERIORES:
Paradoxas do vivir cristián
(3 setembro 23)
O estraño da escena que hoxe
nos describe Mateo é o feito de que estea en directa continuidade coa incríbel
resposta que lle dá Pedro pouco antes á pregunta do seu Mestre sobre quen era
el. Para Pedro, el non é nin máis nin menos que “o Fillo de Deus vivo”.
Resposta que era sen dúbida, para dicilo dalgunha maneira, unha alusión á súa
orixe divina. Ninguén sobre a terra lle podía ter suxerido a Pedro unha
declaración tan sobrehumana e ó tempo tan axustada.
O estraño, digo, en relación
con esta resposta, unha resposta máis divina ca humana, é que Pedro pase tan
rapidamente de ser considerado fiel e atento auscultador da inspiración divina
a el de Deus Pai a ser censurado e rebaixado nada menos que á condición de Satanás.
Pois ben sabemos que Satanás vén sendo o símbolo mesmo do mal, da perfidia ou
do engano.
Como se pode pasar tan de
présa do máis alto ó máis baixo na apreciación respecto dunha mesma persoa?
Ademais, quen está aquí a xulgar sobre a actitude de Pedro é o propio Xesús,
sobre o que Pedro tan correctamente dixera que era “o Fillo de Deus vivo”. Está
claro que para o seu Mestre se están xogando aquí asuntos moi importantes.
O feito é que Pedro, ó que
non se lle pode negar grandes doses de amor ó seu Mestre, debeu de quedar
totalmente bloqueado co negro futuro que Xesús anunciaba verbo de si mesmo. El,
que para Pedro e os demais apóstolos significaba o máximo de grandeza, de
bondade e de plenitude moral ía ser tratado pola cúpula mesma dos dirixentes
relixiosos -segundo o seu anuncio- coma un malfeitor ata o punto de rematar
sendo eliminado ignominiosamente do mundo dos viventes. É verdade que anunciaba
tamén que “ó terceiro día había resucitar”. Mais isto último non lles dicía
practicamente nada ós seus discípulos. Pois o significado concreto desta
resurrección viña ser algo situado alén de calquera experiencia concreta. En
definitiva, o que Pedro percibía era o fracaso do seu Mestre e o triunfo da
maldade sobre a bondade e a xustiza. ¿Como podía permitir quen tanto poder tiña
xa mostrado contra toda clase de doenzas, enfermidades e incluso contra a morte
mesma permitir que a súa propia persoa chegase a se converter en vítima das
meirandes inxustizas e vilezas? Non, iso non podía ocorrer. E así Pedro llo fai
saber.
Con todo, esta humana
sabedoría de Pedro non está aquí ó nivel da súa primeira resposta, na que,
inspirado, confesaba que o seu Mestre era “o Fillo de Deus vivo”. Pedro recibe
aquí efectivamente un “suspenso” en sabedoría divina. El pensa e fala aquí a un
nivel puramente humano. “Non te deixas guiar por Deus –amoéstalle Xesús- senón
polos homes”.
O seu Mestre vese así obrigado
a sentar cátedra para lles comentar ós seus discípulos unha serie de paradoxos
fundamentais da súa mensaxe, que se converterán no eixo ou estrutura
fundamental da vida cristiá. E ó dicir isto, “vida cristiá”, non deberiamos
esquecer a primeira palabra: “vida”. Porque se hai algo básico na mensaxe cristiá
é xustamente, contra non poucos malentendidos históricos, o de “vida”. Xesús sempre
afirmou e con contundencia que el é a “vida”, que el vén darnos vida e vida
abonda, que o seu pai Deus non quere saber nada de mortos, porque “para el
todos están vivos” etc. De modo que se hai algo, neste sentido, que un cristián
nunca debería practicar é unha vida lánguida, apagada, insulsa ou anódina.
Xustamente por iso, porque a
“vida” cristiá ha ser vital, plena, afouta e animosa, non lle deberiamos ter
medo a renuncias que haxa que practicar ou a cruces que nos carguen sobre os
ombreiros cando elas estean en relación co noso compromiso co evanxeo, esa boa
nova que intentamos practicar e anunciar. Comportármonos doutro xeito
significaría, aínda que non o pareza, térmoslle medo a vivir, a vivir
plenamente, aínda que pensemos que si, que queremos vivir. Hai algo fondamente
paradoxal, cargado de misterio e de aparente contradición nesta afirmación:
“quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda por min, encontraraa”.
Certamente, para asumirmos
estas palabras e deixar que xermolen de verdade na propia vida, precísanse
altas doses de fe e de confianza naquel que as pronunciou e ter ademais moi en conta que para un cristián a vida non
remata aquí senón que se prolonga no alén prometido. Testemuñas deste modo de
vivir e de finar hainas abondo na historia do cristianismo e de tantas outras
persoas que, aínda que non se considerasen a si mesmas cristiás, portaban
secretamente, sen elas mesmas sabelo, o lume interior e vital de Xesús. Non se
buscaban a si mesmas, senón que axudaban decididamente os demais.
Vivir a fondo, pois, a nosa
fe cristiá debería levarnos a adoptar actitudes que estean en consonancia con
esta mensaxe cristiá, esixente si, mais cargada de plenitude e de futuro.
Na súa carta ós Romanos
pídenos Paulo que “non nos axustemos ó mundo presente”. É dicir, que non nos
deixemos levar polas proclamas do consumismo (como nos advirte tamén nos nosos
días o papa Francisco), da comodidade ou do desinterese egoísta polos problemas
e dificultades dos demais. Temos, pois, que ser entusiastas da vida, da vida de
todos, aínda que iso supoña termos que levar sobre nós as nosas propias cruces e
as que portemos tamén dos demais.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario