FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO XXV DE ORDINARIO A
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
Unha bondade alén da xustiza
24 setembro 2023
Velaquí a grandeza da inimaxinábel
personalidade de Xesús. Ela consiste en que nos vai transmitindo coa súa
palabra e cos seus feitos como é Deus, como é aquel de quen el se sabe e sente
coma o seu fillo benquerido. Posuía xa que logo unha experiencia única, fonda e
íntima, para nós inconcibíbel, de como é
Deus. Unha experiencia sobre a que el non podía ter dúbidas ou escuridades que
o puidesen abalar.
Non se trata, en consecuencia, dunha
experiencia semellante á de moitos filósofos, pensadores ou místicos de toda a
longa historia humana, que só puideron achegarse a Deus con tenteos persoais e
conxecturas humanas. A nós resúltanos totalmente inconcibíbel como podería ser
aquela súa marabillosa experiencia interior, a de se saber o fillo benquerido de
Deus. Unha experiencia única e exclusiva a del. Desa experiencia fonda e íntima
rebordaba el.
El non fai polo tanto outra cousa ca
comunicarnos de maneira sinxela esa súa fonda experiencia de Deus, de xeito que
a puideramos dalgún modo comprender. Por iso é sempre sorprendente e
emocionante asistir a esta escola do seu saber sobre o misterio amoroso de
Deus. De aquí que el nos fale directa e limpamente, sen libros e sen axudas eruditas
doutros mestres ou autores, sobre esa súa íntima experiencia de Deus.
Aprendemos así tamén a ver simultánea e
conxuntamente o Pai Deus e o seu Fillo Xesús. Porque este non é máis cá
presenza viva e actuante de Deus entre nós. Non esquezamos aquilo que lle dicía
a un dos seus apóstolos: “Filipe, quen me ve a min, ve o Pai”.
De maneira que el non é, nin fai, nin
fala outra cousa máis có que é, fai ou a el lle fala seu Pai. Dado que o máis
fundamental da revelación de Xesús é o de que seu pai Deus é tamén verdadeiro
pai noso, non nos debería estrañar que hoxe se nos fale no evanxeo da
xenerosidade e esplendidez dun Deus que nos chama e convida tamén a nós a traballarmos
na súa viña.
Como ocorre xa dalgún xeito con
calquera boa nai ou bo pai nas nosas familias, a xenerosidade e esplendidez de
Deus connosco están por enriba de calquera apelación á estrita xustiza ou a
supostos méritos persoais. O Amor que Deus nos ten supera, xa que logo, calquera
comportamento supostamente debido ou simplemente xusto.
Na parábola do evanxeo de hoxe maniféstasenos
así un Deus que busca a nosa colaboración no traballo que el mesmo está a facer
no mundo. Mais el sabe da nosa preguiza, dos nosos problemas, das nosas indecisións
e dos nosos cansazos. En definitiva, el coñece a febleza das persoas e trata por
iso tamén tan bondadosamente estas coma aquelas que pola súa parte fachendean
de seren as máis dilixentes ou espelidas.
Así, coa súa xenerosidade e co seu amor
é quen de sorprendernos, chegando a proclamar, fronte ás pequenas e curtas xustizas
humanas, que “os últimos serán os primeiros”. Os traballadores da primeira
hora, aqueles que se ergueron cedo do leito e axiña foron contratados, non
teñen en consecuencia razóns para se consideraren a si mesmas mellores ou
merecedores dunha meirande recompensa cá dos que se retardaron en comezar a súa
tarefa.
Apréndenos así a sermos comprensivos,
xenerosos e espléndidos cos demais. Por que? Pois porque o seu Pai Deus é así e
así procede el tamén. Por iso é el así tamén. E por iso deberiamos tamén nós ser
así. Non sen razón se ten dito neste sentido que esta parábola dos
“traballadores da viña” é sen dúbida unha das máis revolucionarias do Novo Testamento.
O que si é tamén importante nesta
mensaxe do evanxeo é que cada un de nós saibamos agradecer e aceptar o concreto
convite que Deus nos fai -cando el queira e como el queira- a traballarmos con
dilixencia e entusiasmo na súa viña. Grazas a este traballo poderán os seres
humanos degustar e beber ese viño -cunha denominación de orixe insuperábel, pois
é divina- co que Deus quere aledarnos e facernos “benaventurados”, é dicir felices,
a todos.
Quero rematar cunhas palabras do
coñecido teólogo José Antonio Pagola en relación con esta parábola de Xesús. Son
estas:
“Nunca esquecerei o impacto que me
produciu, hai xa moitos anos, o descubrir que non foi o rigor ou a radicalidade
de Xesús o que provocou irritación e rexeitamento, senón o seu anuncio dun Deus
‘escandalosamente bo’. A parábola dos traballadores da viña é particularmente
significativa. O seu contido é tan revolucionario que aínda non nos atrevemos a
asumilo. E, porén, a mensaxe de Xesús é clara: o mesmo que ‘o Señor da viña’
dá a tódolos seus obreiros o seu ‘denario’, merézano ou non, sinxelamente
porque o seu corazón é grande, así Deus non fará inxustiza a ninguén, mais pode
ofrecer a súa salvación incluso ós que, segundo os nosos cálculos, non a
merecen [...] Deus é bo con tódalas persoas, merézano ou non, sexan crentes ou
sexan ateos. A súa bondade misteriosa desborda tódolos nosos cálculos e está
máis alá da fe dos crentes e do ateísmo dos incrédulos. Ante este Deus o único
que cabe é o gozo agradecido. Esquecernos dos nosos esquemas, facer silencio
dentro de nós e abrirnos confiadamente á súa bondade infinita”.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/25-tempo-ordinario-a-mateu-201-16-2/
Comentarios
Publicar un comentario