FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO XXI DE ORDINARIO A
FICHAS ANTERIORES:
A vida plena dun de tantos
(27 agosto 23)
Non é posíbel maxinar Xesús ensimesmado,
por dicilo así, retirado e ocupado nos seus pequenos ou grandes asuntos particulares.
Á maneira como procedemos tantas veces nós na nosa vida, intentando resolver os
pequenos ou grandes problemas relacionados coas nosas doenzas corporais, co
noso éxito profesional, calculando con coidadiño as vantaxes ou inconvenientes
que neste sentido esta ou outra decisión nos poidan aportar.
El non se dedicou propiamente
á súa vida privada e particular. En tal sentido podemos dicir que era unha
persoa pública, que estaba aí para os demais. Foino xa nalgún momento cando era
aínda moi novo. Basta con lembrar o episodio aquel de se quedar no templo,
sendo aínda un rapaz e sen que os seus pais o soubesen. Serao naturalmente
sobre todo na súa idade adulta, por ben mozo que aínda fose. Falo de persoa
pública non no sentido que se lle dá hoxe en día, por exemplo, ós que se
dedican á política, á administración pública ou cousas semellantes.
Xesús era un home público
simplemente porque non vivía illado dos demais, porque non estaba enredado ou
obsesionado cos seus asuntos particulares ou co seu éxito persoal. Preocupábase
máis ben por estar atento ós problemas dos demais. Buscaba facer feliz a xente,
dándolle esperanzas de vida e comunicándolle a boa nova de todos sermos irmáns,
fillos dun mesmo Pai Deus, destinados a resucitarmos no alén desta vida.
O que precisaben este tipo de
noticias eran o común das persoas, cantos tiñan que loitar e traballar por
mantérense a si mesmos e as súas familias... Certamente, non tiñan por que
estaren atentos ás palabras de Xesús cantos se atopaban satisfeitos nos seus
pazos reais ou dispuñan de cartos abondo para non teren que preocuparse polo
seu presente ou polo seu porvir... Isto explica por que tivo como oíntes,
acompañantes ou discípulos xente sobre todo das clases que chamamos “baixas” ou
humildes: pescadores, traballadores, enfermos, pecadores, mulleres etc.
Para todos eles era el un
incríbel e inesperado acontecemento. Naturalmente, o seu discurso, a súa
chamada era para todos –non excluía ninguén-, mais había xente, os que podemos
chamar “poderosos”, que se excluían a si mesmos, que se consideraban exentos de
lle conceder importancia. A non ser como mera curiosidade, tal como lle pasaba
por exemplo ó rei Herodes, que desexaría telo diante ou saudalo coma personaxe
famoso do que a xente tanto falaba. N imaxinario de Herodes estaría, pois, máis
ou menos na liña do que hoxe en día sería un cantante, un futbolista ou algún
político famoso.
Agora ben, Xesús era unha
persoa pública polo que era, polo que dicía, porque tiña cousas importantes que
lles dicir a persoas e colectivos con problemas e necesidades, porque se lle
notaba ben que canto dicía ou facía procedía dunha fonda e íntima experiencia
persoal. Notábase nel ademais que procedía cunha estraña e desacostumada
autoridade, a diferenza dos meros repetidores de normas ou textos sagrados, tal como adoitaban facer escribas e
fariseos.
Por iso ós seus discípulos
non lles tivo que estrañar a pregunta que lles dirixiu un bo día: “Quen di a xente que é o Fillo do Home?”.
O Fillo do Home, é dicir, esa persoa que aquí tedes diante de vós, que é coma
vós, un ser humano incardinado plenamente na historia humana e polo tanto na
vida concreta dos seus veciños e veciñas da Palestina do seu tempo.
Non. El non foi un personaxe
público ó estilo do noso tempo, onde por exemplo os políticos saben analizar
con coidadiño as enquisas que se publican sobre a estima ou desestima existente
sobre eles. O que el en realidade quería era realizar unha transmisión
auténtica e verdadeira da mensaxe recibida do seu Pai Deus para o mundo. Por
iso pasa axiña da pregunta ós seus discípulos polo que a xente di sobre el á
directa pregunta a eles mesmos: “E vós,
¿quen dicides que son eu?”
A resposta de Pedro (“Ti es o Mesías, o Fillo de Deus vivo”) é
tan incríbel que Xesús ten que lle confesar a Pedro que unha tal resposta non
pode ter outra orixe ca terlle sido suxerida polo mesmo Deus Pai. Incríbel
digo, porque cando Xesús fala de si mesmo como “Fillo do Home”, Pedro responde que el (xunto cos demais condiscípulos) cre
firmemente que el é nada máis e nada menos que “o Fillo de Deus vivo”. Algo que
semella mesmo contrastar coa expresión “Fillo do Home”, utilizada por Xesús.
En realidade, este é o grande
e definitivo misterio de Xesús. El mesmo coidarase por iso de lles advertir ós
seus discípulos que non o anden dicindo por aí, para evitar así malentendidos
ou interpretacións en clave simplemente política. Refírome ó gran misterio de
que Xesús é ó tempo “Fillo do Home” e “Fillo de Deus”. Desde logo, para Pedro
poder crer e para nós mesmos poder crer nesta gran marabilla realizada por Deus
Pai no seu incríbel achegamento á humanidade fai falla unha fe que non pode
proceder sen máis do noso pequeno mundo. Tal como el lle di a Pedro: “Ditoso
ti, Simón, Fillo de Xonás, porque non cho revelou nin a carne nin o sangue,
senón meu Pai, que está nos ceos”.
Ben nos fala Paulo na súa
carta ós Romanos sobre a incríbel grandeza da mente e dos plans de Deus: “¡Que
fondura é a da riqueza, da sabedoría e do coñecemento de Deus! ¡Que
inescrutábeis son os seus xuízos e inexplorábeis os seus camiños”.
Este tipo de “boas” novas
-fundamentais, grandes e alegres- son as que estamos chamados a agradecer
íntima e comunitariamente a Deus e a comunicar á humanidade do noso tempo.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario