A Transfiguración do Señor

 

PRIMEIRA Dn 7, 9-10. 13-14

O seu vestido era branco como a neve

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE DANIEL


9Eu estaba fitando, cando se colocaron uns tronos e un ancián tomou asento. O seu vestido era branco coma a neve, e os cabelos da súa cabeza coma pura lá; o seu trono eran labaradas de lume; as súas rodas, lume ardente. 10Un río de lume corría e derramábase por diante del; miles de milleiros servíano, e dez mil miríadas estaban de pé diante del. O tribunal abriu a sesión, e abríronse os libros.

13Proseguín ollando as visións nocturnas, e, velaquí, sobre as nubes do ceo viña alguén semellante a un fillo de home, que se dirixiu cara ó ancián e presentouse diante del. 14Foille outorgado poder, maxestade e imperio, e servírono tódolos pobos, nacións e linguas. O seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais non será destruído.


 


SAL. RESP. Sal. 96, 1-2. 5-6. 9

R/ (1a e 9a) O Señor reina, soberano de toda a terra


1O Señor reina, alégrese a terra,

exulten tódalas illas.

2Rodéano nubes e néboa,

xustiza e rectitude sosteñen o seu trono.


4Os seus lóstregos aluman os espacios,

e, ó velo, estarrécese a terra,

5Os montes derrétense coma cera,

diante do Señor, dono do mundo.


6Os ceos pregoan a súa rectitude

e tódolos pobos contemplan a súa gloria.

9Ti, Señor, e-lo soberano de toda a terra,

no cumio de tódolos deuses.


 


SEGUNDA 2 Pe 1, 16-19

Esta voz escoitámola desde o ceo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PEDRO APÓSTOLO


Benqueridos irmáns e irmás:

16Se vos demos a coñece-la vinda poderosa do noso Señor Xesús Cristo, non foi guiándonos por contos argallados con habilidade, senón porque fomos testemuñas oculares da súa grandeza. 17Pois recibiu honor e gloria de parte de Deus Pai, cando desde a sublime Gloria lle chegou aquela voz tan especial: ''Este é o meu fillo, o meu predilecto, o fillo do meu contento''. 18Esta voz oímola nós vir do ceo, estando con El no monte santo. 19Deste xeito temos confirmación da palabra profética, á que facedes ben en estardes atentos, coma un candil aceso en lugar escuro, ata que alboree o día e o luceiro da alba naza nos vosos corazóns.




ALELUIA Mt 17, 5c

Este é o meu Fillo benquerido,

o meu predilecto: escoitádeo



EVANXEO A]: Mt 17, 1-9

Resplandeceu a súa faz coma o sol

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO


Xesús colleu a Pedro, a Santiago e a Xoán seu irmán, e subiu con eles sós a un monte alto. 2Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos como a luz. 3Nisto apareceron Moisés e mais Elías falando con el. 4Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:

-¡Señor, que ben estamos aquí! Se queres farei aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.


5E aínda estaba falando cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e unha voz saíndo da nube dixo:

-Este é o meu Fillo benquerido, o meu predilecto: escoitádeo.


6O escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor. 7Xesús achegándose, tocounos e díxolles:

-¡Erguédevos, non teñades medo!


8E levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús.

9Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles:

-Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos.



Palabra do Señor

Comentarios

Publicacións populares