FICHA E LECTIO: DOMINGO IV DE ORDINARIO C
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
Un Deus liberador
(30. I. 22)
No evanxeo de hoxe cóntasenos a reacción da xente de
Nazaret, a aldea na que se criara Xesús, ó seu programa “liberador”, que el
acababa de poñer en relación co profeta Isaías. Unhas palabras, as de Xesús,
que contiñan un decidido anuncio de Boa Nova para os pobres e de liberación ou
liberdade para secuestrados ou asoballados.
Ó final do comentario do anterior domingo viamos xa como
os veciños e coñecidos de Xesús non acababan de comprender esa súa mensaxe
alegre e “liberadora”. As razóns fundamentais eran porque Xesús, por moi
diferente que fose dos demais na intensidade da súa fe e no seu compromiso práctico
coas necesidades e problemas da xente, non deixaba de ser un máis entre os veciños
ou compañeiros.
¿Quen era, pois, el, o fillo dun carpinteiro de aldea,
para proclamar cun mínimo de autoridade tales ideas liberadoras? Na cultura, no
modo de pensar e de actuar da xente da súa aldea, a autoridade só podía residir
en quen fose sacerdote, escriba, ancián ou pai de familia. Mais nada diso era
Xesús e, polo tanto, non podía menos de provocar estrañeza e desconfianza un
tal anuncio aínda que só fose polo mero feito de vir de quen viña. Respecto da
autoridade da que puidera estar revestido, Xesús era xa que logo un ninguén.
Pero hai aínda algo máis. Xesús falaba programaticamente
de boas noticias para as persoas, de que deberían vivir libremente, felices e non
sometidas a tiranías ou sometementos de ningún tipo. E todo isto era proclamado
por el ademais nunha sinagoga. É dicir, precisamente nun lugar onde os seus
conveciños ían aprender e se instruír sobre normas, leis e preceptos que había
que cumprir para poderen ser considerados xustos e así non estaren expostos á
ira e ós castigos de Deus.
En realidade, o que na súa lectura fixo Xesús foi
transformar o texto de Isaías para incluír nel a súa propia visión e
experiencia de Deus como Pai bondadoso e misericordioso. Por iso omitiría el na
súa lectura do texto a frase de Isaías sobre o “día da vinganza” de Deus (Is.
61, 2), para insistir en cambio exclusivamente na “graza” de Deus, non na
condena. Será isto precisamente o que provocou a reacción en contra del dos
asistentes á sinagoga. Pois dese modo convertíase Xesús en persoa perigosa para
os costumes, as crenzas e as ben detalladas leis que rexían a vida familiar,
social e política da xente. E do cumprimento das normas legais e relixiosas
viña depender a subsistencia mesma do pobo en canto tal.
Ademais, a realización do anuncio de Xesús esixía romper
cos límites ou fronteiras da xudaísmo. Pois a
mensaxe de liberación ía dirixido a tódolos asoballados, secuestrados ou
oprimidos. Polo tanto a salvación de Deus non precisaba pasar antes polos ritos
e leis do xudaísmo. Por iso, Xesús, ante a estrañeza e incipiente oposición dos
seus oíntes, aludirá precisamente á liberación da fame ou da gafura (da lepra)
que os profetas Elías ou Eliseo realizaran con persoas que non pertencían ó pobo
xudeu. Pois a viúva de Sarepta era fenicia e Naamán era sirio.
O programa liberador e universal de Xesús era algo que o
exclusivismo e elitismo xudeu non podía, xa que logo, aturar. Se comprendemos
todo isto, non nos estrañará que a reacción da xente ante o dito por Xesús fose
a que foi. A xente entendera moi ben que o proclamado por Xesús trala súa lectura
do texto de Isaías acababa coas tradicións e supuña unha verdadeira revolución
na concepción relixiosa do xudaísmo e do mesmo Deus. Un Deus que se manifestaba
agora en Xesús como Pai de todos, creando irmandade entre todos e unha fonda
relación de amor tan concreto coma universal. Por iso Xesús tiña que ser
eliminado e, se fose posíbel, alí mesmo. Para eles a relixión da lei e dos
minuciosos preceptos estaba claramente por enriba dos que hoxe chamamos “dereitos
humanos”.
No texto de Lucas dísenos que os que oíron o que dicía
Xesús “se puxeron feitos unhas feras” e que intentaron precipitalo desde o alto
dun monte. En realidade, este frustrado episodio de Nazaret vén sendo case un prenuncio
do que lle ocorrerá a Xesús ó final da súa vida, cando os gardiáns da pureza
relixiosa e legal se ergan xa definitivamente contra el, para eliminalo, esta
vez si, de verdade.
Neste contexto comprenderemos tamén, e case como contrapunto
do ocorrido en Nazaret, que Paulo se sentise impulsado a falar do amor tan belamente
como o fixo na súa primeira carta ós Corintios da lectura de hoxe. Porque se
hai algo central na mensaxe de Xesús é o amor. Deus Pai é amor e maniféstase en
Xesús como Amor mutuo entre el e o Pai e como amor dirixido a tódalas persoas
do mundo enteiro, convertidas en irmáns e irmás que se queren, que se aman. Por
iso para Paulo, se nos falla o amor, aínda que teñamos sobresaliente ou matrícula
de honor noutras materias, suspenderemos sen remedio o curso, o curso da vida.
Para Paulo non é abondo con ter notas moi altas no coñecemento de Deus, na
elocuencia relixiosa, na paciencia ante as adversidades, ou incluso en virtudes
tan importantes, chamadas por iso “teologais”,
como son a fe ou a esperanza. Porque se nos falla a terceira das tres, o
amor, o esforzo por sacar peito nas anteriores materias non acadará en
definitiva bo resultado.
Por que o amor é tan importante? Pois porque sabemos ben que
onde hai amor, non hai sometementos, non hai asoballamentos, non hai
secuestros, non hai escravitude. Paulo mesmo dicía neste seu canto ó amor que o
amor “non simpatiza coa inxustiza”. Nunha palabra: o amor é importante porque
alí onde hai amor, hai liberdade. Esa liberdade ou liberación, que Xesús
colocara precisamente como firme alicerce do seu programa de Nazaret e que
tanto enfurecera os seus veciños e coñecidos.
O “medo á liberdade” do que falaba no século pasado o
psicólogo e filósofo Erich Fromm existe, como vedes, desde hai moito tempo. E
non deixa realmente de sorprender como podemos ser tan teimudos para
opoñérmonos a algo que tan unido está á nosa felicidade.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/4-tempo-ordinario-c-lucas-421-30-3/
Comentarios
Publicar un comentario