FICHA E LECTIO: BAUTISMO DO SEÑOR
LECTIO:
Pousou
sobre el a pomba
(9 – I – 22)
A
meirande parte dos que estamos aquí recibimos o bautismo cando eramos moi
pequenos. Eu, concretamente, tiña só cinco días cando ocorreu tal
acontecemento, ás seis da tarde do día 20 –moi feliz supoño- dun mes de outono
de hai xa moitos anos...
Os
nosos pais e padriños leváronnos no colo á fonte bautismal e as augas do
sacramento recibido -sen sermos conscientes do que alí ocorría-
transformáronnos oficialmente en cristiáns e uníronnos ó corpo místico de
Cristo, á súa Igrexa.
O
bautismo do Señor que celebramos hoxe foi moi distinto deste noso bautismo
infantil. Xesús era un mozo adulto, que se estaba a abrir paso na vida. No seu caso
foi, pois, un acto moi consciente e persoal. Sentiuse atraído, como tamén
outros compañeiros ou coñecidos seus, pola figura, o comportamento e as
palabras do Bautista que chamaba á conversión e a se preocupar por facer o ben
desde o persoal testemuño de vida. Moito do atractivo do Bautista consistía en
que aquilo que el predicaba ou proclamaba estábao a levar á práctica el mesmo
na súa vida. Porque o Bautista era unha persoa consecuente e con fonda
experiencia de Deus no seu interior.
Pola
súa parte, Xesús percibía en si unha íntima e inigualábel experiencia de se
sentir querido por Deus, por un Deus que se lle manifestaba dun xeito moi fondo
como o seu paiciño querido. Falaba con absoluta confianza co seu Pai. E Deus Pai queríao a el de maneira inimaxinábel:
“Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto. En ti me comprazo” (así nolo refire
Lucas no evanxeo de hoxe)
Ó
mesmo tempo, Lucas preséntanos Xesús
como fillo tamén do seu pobo ó nos indicar que foi bautizado “durante un bautismo
xeral”. El era un máis dos que se achegaban ó Bautista para se deixar
interpelar por el. Poderiamos dicir que Xesús estaba así tan unido ó seu Pai
Deus coma ó seu pobo, á súa relixión, á súa cultura, á súa lingua, ós seus
costumes. Mais dentro del había tamén un lume devorador, un lume divino e
espiritual que el quería que servise pra lles dar luz e calor a todos. Era o
lume interior que procedía de se sentir Fillo moi “benquerido” de Deus e irmán
de tódalas persoas do mundo enteiro. Era a luz e a calor que el viña esparexer
entre todos: a de sentírmonos todos fillos de Deus e, xa que logo, mutuamente
irmáns uns dos outros.
Esta
unión de Xesús con Deus-Pai e con toda a humanidade foi a que fixo que o seu
achegamento ó Bautista non fose máis có comezo da súa propia misión
evanxelizadora, dadora de boas noticias. Será decisivamente máis fonda e ampla cá
do Bautista. El cumpre, pois, ó ser bautizado polo Bautista, cun rito
relixioso, mais non para ficar fixado a el, petrificado coma quen di, inmóbil e
satisfeito co rito cumprido. A través deste acto penitencial realizado co
Bautista vai el converterse nunha persoa definitivamente libre para se deixar
levar, polo Espírito e polo Pai, onde queiran levalo durante o resto da súa
vida.
O
propio Bautista apunta a este contraste entre o que era ou facía el, o
Bautista, e o que era ou ía facer Xesús, cando, antes de el bautizar Xesús,
anuncia ós alí presentes que el, o Bautista, bautizaba “con auga”, mais que
Xesús, bautizaría “con Espírito Santo e con lume”.
Inmensa
grandeza a deste Espírito Santo, ó que quizais poucas veces invocamos
persoalmente e que porén é aquel co que tamén nós fomos bautizados e somos cada
día en certo modo rebautizados para nos convertermos en cristiáns máis
consecuentes!
Dentro
do misterio que é e seguirá sendo sempre a Santísima Trindade, din os teólogos
que o Espírito Santo é o “amor” persoal co que se aman o Pai e o Fillo. Un amor
tan grande, tan infinito, que é el mesmo igual ó Pai e ó Fillo, e que é tan
persoa coma o son o Pai e mailo Fillo. Palabras e conceptos misteriosos, pero
que para nós están cheos de grandeza e nos deberían encher de fondo contento. O
de sabérmonos mergullados, bautizados, no Espírito de Deus.
Un
Espírito que, coma o vento ou o aire que respiramos (pois diso vén o nome de
“espírito”), está cheo de liberdade e de plenitude. Coma aquel vento forte do
día de Pentecoste, cando os discípulos de Xesús comezaron a falar, coma se
estivesen borrachos, en linguas
estrañas, mais que eran intelixíbeis para os que as oían. Ou coma esas aves do ceo, as pombas, que voan
libremente por onde lles peta, sen se someter a vías ou camiños fixos e
acostumados polos que tivesen que se mover no seu voo.
Non
será por iso polo que o Espírito Santo é representado como unha pomba? No evanxeo
de Lucas dísenos en calquera caso que despois de ser bautizado Xesús polo
Bautista, “se abriu o ceo e baixou sobre el o Espírito Santo na aparencia
corporal dunha pomba”.
Agora
ben, se o Bautista lles di ós seus oíntes (e neles estamos tamén nós en certo modo
representados) que Xesús (a diferenza del) nos bautizará “co Espírito Santo”,
iso quere dicir que, por medio de Xesús e grazas a El, estamos todos chamados á
liberdade, á alegría, ó amor, á bondade e a tantas outras cousas boas e
fermosas ás que adoitamos designar co nome dos “dons” do Espírito Santo. Este
Xesús, que empezou a súa andaina connosco no día de Nadal, é o que ó final da
súa vida terrea nos mandará o Espírito de Deus. Un Espírito, o Espírito Santo,
que nos liberará de toda “escravitude” ou angustia e nos fará libres coma
“pombas”. Pombas de tódalas cores, como ben advirte sorprendido o apóstolo
Pedro ó proclamar na Segunda Lectura de hoxe que “Deus non fai distinción de
persoas, senón que acepta quen lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación
que sexa”.
Xa
vedes, pois, como o Bautismo de Xesús é algo que, afectándoo fonda e persoalmente
a el, nos afecta tamén a todos en canto irmáns seus e fillos adoptivos pero
reais de Deus Pai.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/bautismo-do-senor-c-lucas-315-16-21-22-2/
Comentarios
Publicar un comentario