2º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO – CICLO C

 

PRIMEIRA Is 62, 1-5

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Alégrase o esposo pola súa esposa

 

62 1Por Sión non quedarei en silencio,

e por Xerusalén non ficarei quedo,

ata que a súa xustiza saia como un resplandor

e a súa salvación alume coma unha lámpada.

 

2Os pobos verán a túa xustiza e tódolos reis a túa gloria,

chamaráseche cun nome novo, o que indique a boca do Señor.

3Serás coroa preciosa na man do Señor

e turbante rexio na palma da man do teu Deus.

 

4Non se che volverá chamar "Abandonada",

nin á túa cidade se lle volverá dicir "Ruína",

senón que a ti se che chamará "Ti e-lo meu amor"

e á túa cidade se lle chamará "A casada".

Si, o amor do Señor estará en ti,

e a túa cidade casará.

 

5Como casa un mozo cunha virxe,

así casará contigo o teu Constructor.

O gozo que sente o noivo pola noiva,

sentirao o teu Deus por ti.

 

 

 

 

 

SALMO RESP. Sal 95, 1-2a. 2b-3. 7-8a. 9-10a e c

R/ (3): Cantade ante tódolos pobos as marabillas do Señor

 

1Cantádelle ó Señor un cántico novo,

cántalle ó Señor, terra enteira;

2cantade ó Señor e bendicide o seu nome,

pregoade tódolos días a súa salvación;

3cantade entre as xentes a súa gloria;

ante tódolos pobos, as súas marabillas.

 

7Tributade ó Señor, pobos todos,

tributade ó Señor honor e forza,

8tributade ó Señor a gloria do seu nome.

9adorade o Señor con vestido sagrado,

treme na súa presencia a terra enteira.

 

10Dicide entre as xentes:

-"O Señor reina,

goberna os pobos rectamente".

 

 

SEGUNDA 1 Cor 12, 4-11

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMAIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

Un e o mesmo Espírito repartindo a cada un como a El lle parece.

 

Irmáns e irmás:

4Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. 5Hai diversidade de servicios, pero un mesmo Señor. 6Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.

7A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común. 8A un o Espírito dálle palabra de sabedoría; a outro dálle palabra de ciencia o mesmo Espírito; 9a aque-loutro o mesmo Espírito concédelle fe. 10A un este mesmo Espírito dálle o don de curacións; a outro, o don de facer milagres; a outro, o don da profecía; a outro, discernimento de espíritos. A un, don de falar distintas linguas; a outro, o saber interpretar esas linguas.

11Pero todo isto é un e o mesmo Espírito quen o realiza, repartindo a cada un en particular, como a El lle parece.

 

 

ALELUIA Cf. 2 Tes 2, 14:

Deus chamounos por medio do Evanxeo

para adquiri-la gloria

do noso Señor Xesús Cristo


 

 

EVANXEO Xn 2, 1-11

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea

 

2 1Houbo un casamento en Caná de Galilea, e estaba alí a nai de Xesús. 2Tamén foi convidado Xesús e mailos seus discípulos ó casamento. 3Chegou a falta-lo viño e a nai de Xesús díxolle:

-Non che teñen viño.

 

4Replicoulle Xesús:

-Muller, que ten que ver iso comigo e contigo? Aínda non chegou a miña hora.

 

5Súa nai díxolles entón ós servidores:

-Facede o que el vos diga.

 

6Había alí seis tinas de pedra para as purificacións dos xudeus, que levaban ó pé de cen litros cada unha. 7E ordenoulles Xesús:

-Enchede de auga as tinas.

 

Eles enchéronas de todo.

 

8Díxolles entón:

-Collede agora e levádelle a proba ó mestresala.

 

Eles levárona. 9E, cando o mestresala probou a auga volta viño, sen saber de onda viña (os servidores si que o sabían, que eles colleran a auga) falou co noivo 10 e díxolle:

-Todo o mundo pon de primeiras o viño bo e, cando xa están bébedos, o máis cativo; ti, en troques, deixáche-lo viño bo para agora.

 

11Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea; manifestou a súa gloria, e creron nel os seus discípulos.

 

Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares