FICHA E LECTIO: DOMINGO XXXII ORDINARIO B

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2




LECTIO:

Mulleriñas pobres da aldea

(7. XI. 2021)

            Están hoxe presentes na nosa lembranza litúrxica dúas mulleres que actúan como protagonistas e animadoras da nosa fe. Polo feito de seren mulleres estaban daquela socialmente marxinadas e á parte diso ó seren viúvas levaban unha vida pobre e máis desprotexida.

            Pois ben, se nalgún momento proclamou Xesús que se non nos facemos coma nenos non entraremos no reino dos ceos, algo así nos podería dicir el hoxe tamén: se non vos comportades como estas dúas mulleres, non entraredes no reino dos ceos. É dicir, non participaredes da felicidade que leva consigo sermos xenerosos e sabermos confiar esperanzadamente na bondade de Deus.

            Porque estas veñen ser as mensaxes que nos chegan este domingo ó recuncho das nosas conciencias. De maneira coherente, a liturxia ponnos en relación a mensaxe da viúva pobre e xenerosa do evanxeo coa viúva do Antigo Testamento coa que se atopa o profeta Elías. A viúva de Sarepta ía apañar uns guizos para acender o lume, facer un panciño para ela e mais para o seu fillo e despois morrer, pois non tiñan máis reservas para poderen seguir vivindo. Así e todo, a confianza en Deus, suscitada polo profeta, fai que se realice o milagre da xenerosidade de Deus con eles da mesma maneira que eles, nai e fillo, foran tamén xenerosos pola súa parte co profeta.

            En canto ó texto do evanxeo, o contraste no interior da escena non pode ser meirande. Por unha banda a grandeza, magnificencia e riqueza do templo de Xerusalén, no que os letrados e xefes relixiosos se deixan ver con fachenda e autocompracencia, e por outra esa pobre mulleriña viúva que entrega ó Deus que se fai presente no templo de Xerusalén o pouco que ten para ela poder seguir vivindo. Dicir que esta muller botou no peto do tesouro do templo todo o que precisaba para vivir quere dicir que entregou a súa vida enteira ó servizo de Deus, non reservándose nada para si mesma. É o sinal da suprema e máxima xenerosidade.

            Se relacionamos este xesto co que comentabamos no anterior domingo sobre que para Xesús os verdadeiros “templos”, é dicir, os lugares nos que Deus se encontra a gusto, non son precisamente os construídos con pedra, mármore ou ladrillos, senón as “persoas” concretas que no modo de se comportaren se asemellan a Xesús, entón  -digo- comprenderemos por que Xesús se fixa tanto nesta mulleriña, nesta “viúva pobriña” (tal como nola describe Marcos).

            A Xesús o templo, admirado polas multitudes que a el acoden, non lle suscita atención especial. O que si admira Xesús é esta muller, cara a que ninguén ollaría por ir pobremente vestida e seguramente con claros sinais na súa face de estar deficientemente alimentada. Albiscaría quizais el nesa muller unha certa semellanza coa súa propia nai, que sen dúbida sería tamén pobre? A Xesús, o fillo do Deus vivo, váiselle en cambio o corazón, sen podelo remediar, cara a este tipo de persoas. Os seus son os pobres, os de abaixo. Eles son os seus preferidos. Unha anécdota en relación con isto. Nos anos sesenta do século pasado houbo moita discusión entre nós sobre o tema da introdución da lingua galega na liturxia, nas eucaristías e demais. Tratábase da lingua do pobo, da xente normal e corrente, aquela dos que algúns chaman a lingua da “Galicia profunda”... O Concilio Vaticano II aprobara o uso destas linguas, por máis que non fosen aínda oficiais. O caso é que, a diferenza do que ocorreu entón coa introdución do euskara ou do catalán, co galego houbo moitos problemas. De feito, tívose que esperar ata comezos do ano 1969 para podermos falar publicamente con Deus en galego no interior das nosas igrexas, porque algúns pensaban que o galego non era unha lingua suficientemente digna para ser utilizada no interior dunha igrexa. Pois ben, por algún lado anda escrito, entre a documentación sobre esta polémica, que unha alta dignidade eclesiástica argumentara naquel entón, para apoiar a súa postura contraria ó uso do galego na liturxia, deste xeito: “Yo no me presentaría ante Dios en alpargatas”...

            Non podemos saber desde logo se a mulleriña loada por Xesús calzaba ou non alpargatas. Do que si en cambio podemos estar ben seguros é de que era ben pobre e que polo tanto, igual ca Xesús, falaría en arameo, a lingua do pobo, e non en hebreo ou moito menos no latín dos invasores romanos.

            Por outra parte, sabemos que Xesús dixera sobre si mesmo que quen o ve a el ve o Pai, é dicir, a Deus, e que polo tanto que el é o retrato fiel e auténtico de Deus. Pois ben, ¿podemos imaxinar Xesús (que vivía entre os pobres) vestindo ou calzando de maneira distinta ca eles? De modo que, ó revés do mencionado dito de que “yo no me presentaría ante Dios en alpargatas”, teriamos máis ben que dicir e desexar que oxalá tivésemos a sorte de podérmonos presentar algún día perante Deus Pai dunha maneira que lle recordase a el o seu fillo Xesús ou aquela mulleriña do evanxeo de hoxe.

            Os que traballan cos pobres, pra acompañalos e dignificalos a moi distintos niveis, falan con frecuencia do moito que aprenden e reciben deles: da súa xenerosidade e do seu desprendemento. De cando en vez oímos ou lemos tamén que algunha importante persoa (pola súa riqueza ou polos seus negocios) ten doado a algunha institución benéfica ou caritativa unha considerábel suma de diñeiro. Está moi ben, mais, a teor do que se nos di no evanxeo, podemos estar ben seguros de que aquela mulleriña pobre deixou no peto do tesouro do templo máis ca esa persoa rica, porque xunto coas poucas moedas de que dispuña para ela poder seguir vivindo deixou alí, no peto do templo, o seu corazón, a súa persoa enteira.

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/32-tempo-ordinario-b-marcos-1238-44-3/



Comentarios

Publicacións populares