SOLEMNIDADE DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO, REI DO UNIVERSO


Primeira Lectura   Dn 7, 13-14

O seu poder é eterno

LECTURA DO LIBRO DE DANIEL


            Proseguín ollando as visións nocturnas e, velaquí, sobre as nubes do ceo viña alguén semellante a un fillo de home, que se dirixiu cara ao ancián e se presentou diante del.

            Foille outorgado poder, maxestade e imperio, e servírono todos os pobos, nacións e linguas.

            O seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais será destruído.


                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus


 



SALMO RESPONSORIAL   Sal 92, 1ab. 1c-2. 5

R.: (1a) O Señor reina vestido de maxestade.


O Señor reina, vestido de maxestade;

o Señor está vestido e cinguido de poder.


O mundo está firme e non abalará.

Consolidado está o teu asento desde sempre,

ti es desde a eternidade.


A revelación do Señor é verdadeira,

a santidade é o ornato da túa casa,

polos séculos, Señor.


 


Segunda Lectura   Ap 1, 5-8

O soberano dos reis da terra constituíunos en reino, sacerdotes para o noso Deus

LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE DE SAN XOÁN


            Xesús Cristo é a testemuña que merece fe, o primeiro en renacer da morte e soberano dos reis da terra.

            A aquel que nos ama, que nos liberou dos nosos pecados co seu sangue e que nos converteu nun reino, en sacerdotes para o seu Deus e Pai, a el a gloria e mais o poder polos séculos dos séculos. Amén.


            Velaquí vén nas nubes,

e todo ollo o verá,

mesmo aqueles que o traspasaron;

por el baterán no peito todas as razas da terra.

Certo. Amén.


            Eu son o Alfa e o Omega, di o Señor Deus, o que é, o que era e o que está a vir, o que todo o sostén.


                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus


 


ALELUIA     Mc 11, 9. 10

Se non se canta, pódese omitir


Aleluia, aleluia.

Bendito o que vén no nome do Señor!

Bendito o Reino do noso pai David que vén!

Aleluia.


 


Evanxeo   Xn 18, 33b-37

Ti dis que eu son rei

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN


            Naquel tempo, díxolle Pilato a Xesús:

            — Es ti o Rei dos Xudeus?


            Xesús respondeu:

            — Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?


            Pilato replicou:

            — E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min, que fixeches?


            Xesús contestoulle:

            — O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase aos xudeus, pero o meu reino non é de aquí.


            Díxolle entón Pilato:

            — Logo ti es Rei?


            Xesús respondeu:

            — Tal como o estás dicindo, eu son Rei. Para iso nacín e para iso vin ao mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade escoita a miña voz.


      Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo      

Comentarios

Publicacións populares