Pentecoste A. Manda, Señor, o teu Espírito e renova a cara da terra - Salmo 103

Pentecostés - ciclo A


O ESPÍRITO ENTRE NÓS

Visita as fonduras do teu corazón
e atoparás unha fonte de humor e de xustiza;
é o meu Espírito
que eu desde sempre puxen en ti.

Repara na vida da túa familia,
por aquí e por alá, neste e naquel,
descubrirás feitos dun corazón limpo e entregado;
é o meu Espírito
que forma parte da túa familia desde hai tempo.

Observa a vida do teu pobo un día calquera,
escoita a voz de protesta
cando a vida se torce ou nola torcen;
é o meu Espírito
que sempre coloquei á sombra
do berro do pobre, do triste, do aflixido.

Espalla a túa ollada
polo mundo adiante, ata ben lonxe,
fíxate nos loitadores do pan igualitario;
é o meu Espírito
valente el na valentía dos soñadores.

Chégate incluso aos lugares desprezados,
cabo da xente da que ti non esperas nada,
porque aínda non coñeces todos os meus mellores segredos;
limpa os ollos da alma para ver
a semente de esperanza que alí medra;
é o meu Espírito
que non ten coutos nin barreiras.

Observa e ve,
contempla e agradece,
canta e aprende,
obedece e practica
a forza do Espírito
coa que Deus quere envolver toda a túa vida. 



Comentarios

Publicacións populares