29 de xuño - S.Pedro e S. Paulo
SOLEMNIDADE DE SAN PEDRO E SAN
PAULO
13º TO. A
Primeira Lectura Feit 12, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Agora sei de certo que o Señor libroume das mans de Herodes
Naqueles días, o rei
Herodes botou man dalgúns membros da Igrexa, para os maltratar. Mandou matar
con espada a Santiago, irmán de Xoán, e, vendo que iso lles agradaba aos
xudeus, mandou prender tamén a Pedro.
Era a semana da
Pascua. Prendeuno, logo, e meteuno na cadea, gardándoo con catro piquetes de
catro soldados cada un. Quería presentalo diante do pobo despois da Pascua.
Mentres Pedro estaba retido no cárcere, a Igrexa rezaba intensamente a Deus por
el.
A noite antes de que
Herodes o presentara diante do pobo, estaba Pedro durmindo entre dous soldados,
ligado con dúas cadeas, e unhas sentinelas facían a garda diante da porta da
prisión.
De súpeto, presentouse
o anxo do Señor, e unha luz resplandeceu na cela, tocándolle no costado,
espertou a Pedro e díxolle:
- Érguete correndo!
E caéronlle as cadeas
das mans.
Entón díxolle o anxo:
- Pon o cinto e calza
as sandalias.
E así o fixo. Despois
díxolle:
- Bota o manto por
riba e sígueme.
Pedro saíu e seguiuno,
sen se dar conta que era realidade o que se facía por medio do anxo, pois
coidaba que era unha visión. Atravesaron a primeira garda e logo a segunda, e
chegaron á porta de ferro que daba á cidade e abriu de seu. E ao saíren á rúa,
logo o deixou o anxo.
Entón Pedro, volvendo
en si, dixo:
- "Agora
realmente vexo que o Señor mandou o seu anxo, para me librar das mans de
Herodes e de todo o que esperaba o pobo xudeu".
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 2-3.
4-5. 6-7. 8-9
R/. (5): O Señor líbrame de todos os meus temores.
Bendigo o Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa loanza.
Eu gloríome no Señor:
que escoiten os humildes e se alegren.
Exaltade comigo o Señor,
loemos xuntos o seu nome.
Eu busquei o Señor, El respondeume,
libroume de todos os temores.
Contempládeo, e quedaredes radiantes,
os vosos rostros non os cubrirá a vergonza.
Este pobre clamou, e o Señor escoitouno,
librouno de todos os apuros.
O anxo do Señor acampa entre os seus fieis
e dálles seguridade.
Probade e vede o bo que é o Señor:
feliz quen a El se acolle.
Segunda Lectura 2 Tim 4, 6-8.
17-18
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Finalmente impónseme a coroa de xustiza
Benquerido irmán:
A min xa me queda
pouco para derramar o meu sangue e o meu pasamento está a chegar.
Combatín unha boa
loita, rematei a miña carreira, conservei a fe.
O que me resta é a
coroa da xustiza que me está reservada. E o Señor, que é xuíz xusto, hama
entregar aquel día.
E non só a min senón a
todos os que arelan a súa vinda gloriosa.
Pero o Señor asistiume
e deume forza para que eu rematase a predicación e todas as nacións a
escoitasen. E libroume da boca do león.
O Señor hame librar de
toda obra perversa e hame manter salvo para o seu reino celestial.
Para El a gloria polos
séculos dos séculos. Amén.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Mt 16,18
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Ti es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa,
e as portas do inferno non prevalecerán en contra dela.
Aleluia.
Evanxeo Mt 16, 13-19
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Ti es Pedro, e dareiche as chaves do Reino dos Ceos
Naquel tempo, chegou
Xesús á comarca de Cesarea de Filipo e facíalles esta pregunta aos seus discípulos:
‑ Quen di a xente que
é o Fillo do Home?
Eles responderon:
‑ Uns din que Xoán
Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
El insistiu:
‑ E vós, quen dicides
que son eu?
Respondeu Simón Pedro:
‑ Ti es o Mesías, o
Fillo de Deus vivo.
E Xesús contestoulle:
‑ Ditoso ti, Simón,
Fillo de Xonás, porque non cho revelou nin a carne nin o sangue, senón meu Pai,
que está nos ceos.
E eu dígoche:
"Ti es Pedro, e
sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa, e as portas do inferno non
prevalecerán en contra dela.
Dareiche as chaves do
Reino dos Ceos; todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos; e todo o que
desates na terra, ficará desatado nos ceos".
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
DEUNOS AS CHAVES NON PARA PECHÁRMONOS CON ELAS E
FACER DEFENSAS NUMANTINAS, SENÓN PARA ABRIR PORTAS E VENTÁS QUE FAN POSIBLE O
DIÁLOGO CUN MUNDO PLURAL NO QUE TODOS SOMOS IMPORTANTES...AÍNDA QUE NINGUÉN É
IMPRESCINDIBLE
ESCOITA ACTIVA
A imaxinería relixiosa
sempre representa a Pedro cunhas chaves na man. Esta representación ten a súa
orixe no Evanxeo que hoxe imos proclamar na celebración: Xesús entrégalle as
chaves. Pero contra o que moitas veces se ten interpretado, estas chaves non
son para pechar portas e ventás e atrincheirarse fronte ao mundo, senón todo o
contrario: son as chaves que abren portas e ventás para permitir o diálogo, o
encontro e a comunicación con outras maneiras de pensar, con outras concepcións
antropolóxicas ou con outras propostas morais. O Evanxeo, porque é alegría e
gozo, ofrécese sempre como camiño de encontro e entendemento, é comunicación e
diálogo. Que mellor día ca hoxe, no que celebramos a festa de Pedro e Paulo,
para tomarmos conciencia de que o noso ser cristiáns é unha chamada a saír ao
encontro e comunicar coa nosa vida e feitos que Deus nos chama a construír unha
sociedade asentada sobre a rocha, non da imposición, senón do diálogo, a
fraternidade e a colaboración!.
Dispoñamos logo o noso corazón a participar
desta celebración con este ánimo que nos une a achega uns aos outros.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û Porque moitas chaves na
nosa vida serviron para pecharnos nos nosos medos, e non para abrirnos a
colaborar cos demais, SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS RENOVAR POR TI.
û Porque facemos
pouco para achegarnos e preocuparnos uns polos outros, CRISTO QUE NOS
DEIXEMOS RENOVAR POR TI.
û Porque nos sobran
prexuízos e nos falta capacidade de unir, perdoar e traballar xuntos, SEÑOR,
QUE NOS DEIXEMOS RENOVAR POR TI.
PALABRA ENRAIZADA
* UN
DEUS QUE NOS COIDA: A celebración deste día debe axudarnos a
que nos preguntemos se de verdade a imaxe que temos de Deus é a que nos
presenta o Evanxeo ou é máis ben unha imaxe herdada e chea de prexuízos e
falsas comprensións de Deus. Unha das cousas que mellor nos axudan a entender
que se esconde detrás da palabra Deus non son os ritos nin tampouco os
costumes, senón a lectura e a escoita, repousada e atenta, dos textos da
Palabra que proclamamos nas celebracións. Deus non aparece como aquel que o
sabe todo, que o quere todo ou que o pode todo. Non, todo o contrario. Deus
preséntasenos como un “alguén” (é importante distinguir aquí que non é algo,
senón alguén; un Deus persoal) que terma e coida de nós. Vén sendo ese Pai/Nai
capaz de agarimar, escoitar, comprender e acompañar aos seus fillos/as. Un
Deus, que coma a maioría dos nosos pais e nais, son capaces de respectar as
nosas decisións -inda que moitas veces non lles gusten– porque valoran a
liberdade e a capacidade de elixir sobre o intento, a tentación, de dirixir,
mandar ou impoñer o seu propio criterio. Do mesmo xeito que entendemos a nosa
relacións cos nosos pais/nais, así debemos tamén entender a nosa relación con
Deus. Cóidanos, quérenos, preocúpase..., pero deixa que sexamos nós os que
tomemos as propias decisións; mesmo se nos equivocamos. El invítanos a seguir
un camiño; pero é unha invitación, non impón. Tócanos a nós responder si ou
non. Os primeiros cristiáns foron entendéndoo, inda que tamén lles custou. A
lectura do libro dos Feitos dos apóstolos vainos mostrando como é esta
pedagoxía de Deus: unha pedagoxía que segue a ter vixencia porque non pasou de
moda. Deixémonos educar por ela, e non permitamos que ninguén, nin no nome de
Deus nin no nome dos homes, nos domestique. Segue a haber moitos Herodes no
mundo de hoxe!
* UN
DEUS QUE ACOMPAÑA: Quen é capaz de coidar de alguén non pode
desentenderse do que pasa ao seu redor, do que lle pasa aos que quere, do que
precisan. Por iso, outra das imaxes que axuda a entender que queremos dicir os
cristiáns cando utilizamos a palabra Deus, é a de que é compaña. Si, non nos deixa
sós, está ao lado, camiña ao noso paso, non busca adiantarse para chegar antes.
Con isto queremos afirmar que o Deus que se nos revela en Xesús é un Deus sen a
pretensión dos seres humanos. Nós loitamos por ser os primeiros, por destacar,
por presentarnos coma os mellores, por... Porén, El limítase a estar
acompañando, a facer connosco o camiño, a non pasar de largo –“queda connosco”
dixeron os de Emaús-. Esta experiencia viviuna Paulo na súa propia carne. El,
que se presentaba na súa seguridade coma o que tiña todo moi claro, vive unha
experiencia transformadora que leva a que a súa intolerancia dea paso á
constancia e á sinxeleza, a verse necesitado dos demais, e sentir como aqueles
mesmos aos que perseguía para denuncialos, eran os mesmos que na súa limitación
ao quedarse cego, coidaban del e se preocupaban por axudalo. Este testemuño foi
o que levou a Paulo a saír da súa pretendida seguridade para poñerse no camiño
do risco, da dificultade, mesmo da incomprensión dos que ata había ben pouco
foran dos seus. O que o fai madurar e comprender, de aí que sexa este o
testemuño que lle transmite ao seu discípulo Timoteu, cando o invita a non
precipitarse, senón a ser paciente e perseverante, porque as présas non son
nunca boas compañeiras na viaxe das decisións que temos que ir tomando na vida.
Só quen é capaz de entender isto será tamén capaz de descubrir que a vida non
ten o final no efémero dos aplausos que logo se esquecen, senón na coroa de
xustiza e plenitude que nos ofrece Xesús. E para isto..., tampouco o medo é bo
compañeiro!
* UN
DEUS DE DON E GRATUIDADE: E coidado e compaña
non poden darse senón é na gratuidade e no don. Son estes dous aspectos
fundamentais na vida de quen queira levar con dignidade o nome de seguidor de
Xesús. El non garda para si, comparte a súa experiencia. Pona ao servizo de
quen queira acollela e vivila. Pero entendamos ben, compártea, non a impón. As
chaves que lle entrega a Pedro son unhas chaves que, desde o don e a gratuidade
que El ofrece, pasan a ser chaves que abren e invitan a entrar. Non son chaves
que serven para pecharse na intolerancia e no fundamentalismo de quen se cre
mellor cós outros, e vai xulgando e condenando a quen non pensa, non di ou non
fai coma el. Xesús non pide que sexamos imitadores -imitador é quen repite o
que outro fai–. El pídenos que sexamos seguidores creativos, renovadores e
sempre dispostos a poñer a orella en disposición de escoitar o que outros
poidan dicirnos. Só así poderemos, tamén nós, abrir as pechaduras coas chaves
que fan que o reinado de Deus se vaia desenvolvendo xa desde aquí co gozo de
facer do Evanxeo vida chea de esperanza. Aos ollos de Deus nós non somos
xuíces, senón irmáns. O xuíz xulga e dita sentencia. O irmán e a irmá escoitan,
axudan, perdoan... e sempre tenden a súa man.
FRATERNIDADE ORANTE
Recemos como Igrexa que
se sabe en comuñón co proxecto de salvación que nos ofrece Xesús, e digamos xuntos:
QUE ABRAMOS PORTAS Á ESPERANZA COAS TÚAS CHAVES DE
XUSTIZA E MISERICORDIA
*
Para que a Igrexa de Xesús, hoxe presidida na comuñón
polo Papa Francisco, estea sempre disposta a abrir portas que traian aire de
renovación e creatividade pastoral, OREMOS.
QUE ABRAMOS PORTAS Á ESPERANZA COAS TÚAS CHAVES DE
XUSTIZA E MISERICORDIA
*
Para que saibamos tamén nós renovar as nosas
comunidades parroquiais, ofrecendo propostas ilusionantes, novas e renovadoras,
que sirvan de testemuño para os que están afastados pola nosa falta de
convencemento e de alegría evanxélica, OREMOS.
QUE ABRAMOS PORTAS Á ESPERANZA COAS TÚAS CHAVES DE XUSTIZA
E MISERICORDIA
*
Para que non calemos diante das inxustizas que vemos
cada día ao noso redor, e non deixemos que novos manipuladores volvan
enganarnos con mensaxes que só buscan xogar con nós como se fosemos
monicreques, aproveitando sacar á nosa conta os mellores réditos para eles,
OREMOS.
QUE ABRAMOS PORTAS Á ESPERANZA COAS TÚAS CHAVES DE
XUSTIZA E MISERICORDIA
Señor,
que as chaves que lle entregaches a Pedro sexan sempre chaves que abran portas
e renoven o aire das nosas comunidades, e nos forcen a tomar iniciativas
pastorais novas, solidarias e non excluíntes. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Estás nas mans de Deus.
Por que perdes a paz? Teslle medo a El? Onde poderías estar máis seguro?
Esperta a túa confianza. El está en todo momento. Sínteo: o Señor
sostenme (Sal.3). El vela por min (Sal 30).El coida de min (Sal 39).
Tes amigos. Persoas que te queren. Goza da súa compaña e amizade. Pero ti sabes
que Deus é o mellor que tes. Repíteo unha e outra vez: Ti es o meu ben
(Sal.15).Ti a defensa da miña vida (Sal 26).Ti es a miña forza salvadora (Sal
17).
De cantas cousas te
preocupas. Todo é pouco para sentirte ben. Só en Deus atoparás paz. Con
El nada che falta (Sal 22). El sabe o que o teu corazón desexa. Fala
con El: Canto te quero, Señor (Sal 17). Só ti me fas
vivir tranquilo (Sal 4).
Mira o futuro con
confianza. Que che poden facer? Que é o peor que che poida pasar? Abandónate a
Deus. Ninguén te quere coma El: Señor, nas túas mans poño a miña vida
(sal 30).
(J.Antonio Pagola, Salmos para rezar desde la vida, p.43)
CANTO GOZOSO
LECTURAS:
Como che cantarei?
OFERTORIO:
Misioneiro
COMUÑÓN:
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario