MISA EN GALEGO ciclo B - Epifanía (06/01/12)
EPIFANÍA DO SEÑOR
Día 6 de xaneiro 2012 - B
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Primeira Lectura Is 60, 1-6
A gloria do Señor resplandeceu sobre ti
Levántate, brilla, que a túa luz xa chegou;
si, a gloria do Señor resplandece sobre ti.
Pois, olla, a escuridade cobre a terra
e a negrura os pobos,
pero sobre ti resplandece o Señor
e a súa gloria faise ver sobre ti.
Certo que os pobos camiñarán coa túa luz
e os reis co resplandor do teu alborexar.
Levanta os teus ollos arredor,
todos estes xuntáronse, viñeron a ti.
Os teus fillos veñen de lonxe
e as túas fillas son traídas no colo.
Entón, cando o vexas, estarás radiante
e o teu corazón latexará e ensanchará,
pois as riquezas do mar traeranse a ti
e os bens dos pobos virán para ti.
Estarás cuberta dunha chea de camelos,
de dromedarios novos de Madián e de Efah.
Todos eles virán de Sabá.
Virán cargados de ouro e incenso,
e proclamarán ledos a loanza do Señor.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 71, 2. 7-8. 10-11. 12-13
R/. (cf. 11): Hante adorar, Señor, todos os reis da terra.
Que rexa o teu pobo con xustiza,
e os teus pobres con equidade.
Florecerá a xustiza nos seus días,
unha prosperidade duradeira coma a lúa.
Dominará de mar a mar,
desde o gran río ata o cabo da terra.
Ofreceranlle regalos os reis de Tárxix e das illas,
os reis de Saba e de Sebá pagaranlle tributo.
Prostraranse perante el todos os reis da terra,
servirano todas as nacións.
El librará o pobre que suplica,
o aflixido que está sen axuda.
Terá piedade do feble e do indixente,
e salvará a vida dos pobres.
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Segunda Lectura Ef 3, 2-3a. 5-6
Xa se nos revelou que os pobos son coherdeiros da promesa
Irmáns:
Coido que oístes falar da encomenda que a graza de Deus me fixo en favor voso: xa que por medio dunha revelación se me deu a coñecer o misterio, que noutras xeracións non se lle dera a coñecer á humanidade como agora llelo manifesta o Espírito aos seus santos apóstolos e profetas: que os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo e copartícipes da promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Mt 2, 2
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Vimos a súa estrela en oriente,
e viñemos para adorar o Señor.
Aleluia.
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Evanxeo Mt 2, 1-12
Viñemos de oriente adorar o rei
Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:
‑ Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saí-la súa estrela alá no Oriente, e vimos para lle render homenaxe.
Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse, e con el toda Xerusalén. Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. Eles responderon:
‑ En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:
E ti Belén, terra de Xudea,
de ningún xeito es a máis pequena,
entre as vilas de Xudea,
que de ti ha saí-lo guía
que será o pastor do meu pobo Israel.
Entón Herodes, ás agachadas, chamou polos magos, para se informar ben de cando lles aparecera a estrela. Logo mandounos a Belén, dicíndolles:
‑ Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a lle render homenaxe.
Eles, despois de oíren o rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. Grande alegría sentiron ao veren saír de novo a estrela.
E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe; logo, abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle como regalo ouro, incenso e mirra. Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para a súa terra por outro camiño.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
NON QUEDES NA XERUSALÉN DA OPULENCIA... CAMIÑA CARA Á BELÉN DA SINXELEZA... A SÚA ESTRELA GUIARÁ O TEU CAMIÑO
TOMADO DE: www.remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
A estrela que guiou aos reis parou diante daquel portal no que estaban María, Xosé e mailo neno. Parou para mostrarnos que a presenza daqueles reis se convertera en signo de universalidade da mensaxe do Deus que se fai coma un de nós. Deus non quere quedar á marxe de canto nos pasa, por iso asume a nosa humanidade dun cabo ao outro do mundo. A festa de hoxe, a Epifanía, volve lembrárnolo: alí onde haxa un ser humano está o Deus de Xesús para dicirlle: es importante, quero estar ao teu lado, non te vou deixar so, a túa dignidade faite igual aos demais, por riba de mundos e situacións económicas, nin o poder nin a imposición de ninguén cha vai quitar. Celebremos esta nova que nos lembra que a presenza de Deus faise vida en todos os recunchos da terra e nos chama aos seus seguidores a estar atentos para que ninguén vexa esmagada a súa dignidade.
O PERDÓN
· Señor, que non esquezamos nunca que por riba de fronteiras, linguas e culturas está sempre o respecto que merecen as persoas, SEÑOR, QUE A TÚA ESTRELA NON NOS ABANDONE.
· Cristo, que nunca perdamos a memoria do agradecemento a cantas persoas nos acolleron e axudaron cando estabamos lonxe da nosa casa, CRISTO, QUE A TÚA ESTRELA NON NOS ABANDONE.
· Señor, por ter reducido este tempo de Nadal a un puro consumismo e derroche, baleirándoo de todo contido, SEÑOR, QUE A TÚA ESTRELA NON NOS ABANDONE.
REMUÍÑO
· Dinos a lectura da carta aos efesios que Deus se revelou aos xentís, é dicir, que o Deus que se mostra na persoa de Xesús superou a barreira de ser só o Deus dos xudeus para converterse en Deus de tod@s, no Deus que loita contra a exclusión. E a celebración de hoxe o que busca é que nós, os que hoxe nos consideramos seguidores deste Deus, asumamos tamén este compromiso, e non nos deixemos levar do que din os que consideran que o norte, o norte rico, inda que agora non o pareza tanto, é superior aos outros mundos, sen ter en conta nin valorar que por riba de como se ten desenvolvido a historia da humanidade, hai un principio que para a fe cristiá é irrenunciable, inda que ela mesma no actuar dos seus membros teno esquecido moitas veces: tod@s posuímos a mesma dignidade, sen exclusións, polo tanto somos iguais e merecedores do mesmo respecto, falemos a lingua que falemos, teñamos a cor da pel que teñamos ou nos expresemos en formas culturais diversas. A pluralidade de formas non exclúe a unidade no fundamental: tod@ persoa merece a mesma dignidade. Por iso Paulo, que fora capaz de romper o círculo no que crecera e se formara, o círculo do xudaísmo, llelo transmite aos efesios como a gran novidade da fe na que foran bautizad@s. Deus revélase, e faino sen exclusións. Temos aquí nós unha liña de reflexión desde a que poder rezar e entender a razón da celebración de hoxe.
· E se a estrela levou a aquelas persoas ao portal, hoxe quere guiarnos a nós a todos os portais nos que é necesario iluminar a cantos neles viven: o portal dos maiores a quen os fillos deron as costas, o portal dos enfermos que necesitan palabras de esperanza e cariño ante a dureza da enfermidade, o portal da superación de rancores, envexas e malas falas nas que temos convertido as relacións cos veciños ou familiares. Como vemos, hai moitos portais diante dos que a estrela se para hoxe para que tamén nós, como fixeron os magos, levemos os nosos presentes de cariño, dispoñibilidade, tempo compartido e esforzo por empezar de novo e non deixar que o noso corazón se endureza diante do sufrimento dos que temos a redor.
· Pero claro, para iso non temos que quedar na Xerusalén da opulencia, da rutina, do sempre se fixo así, do relixiosamente correcto ou do culto baleiro. Non. Porque unha vez que te deixas guiar pola súa estrela, de certo que toda a túa vida colle un rumbo novo, que moitas veces non sabemos onde nos levará, pero no que atopamos a Deus como caxato no camiño. Se non nos deixamos vencer polo desalento, polo andazo ou pola rutina.... chegaremos a Belén, a esa Belén que nos ensina a vivir na sinxeleza, lembrándonos unha vez máis que a Deus non lle van os fastos, os palacios ou a publicidade. Que deixemos que a luz da estrela, que nos mostra novos portais que xorden no noso mundo de hoxe, entre no noso corazón e non cale ante estas situacións que moitas das veces son froito do abuso, a falta de transparencia, a imposición e o engano dos que mandan e toman decisións respecto de nós. Calar, permitir, deixar que outros decidan e fagan por nós é apagar a luz da estrela e impedir que a mensaxe de Xesús, que é para tod@s, non só para os que mandan, dirixen, calle no noso corazón. Que na celebración dos Reis, o noso cofre estea cheo, non de ouro, incenso e mirra, senón de canto leva a que a xustiza agrome e a dignidade das persoas se respecte.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Co Deus que non exclúe a ninguén, senón que nos chama a respectar e aceptar que tendo unha mesma dignidade son múltiples as formas de vivila, digamos:
AXÚDANOS A CAMIÑAR ATA O PORTAL DE BELÉN
* Para que no día da Epifanía, a Igrexa sinta que a universalidade da fe non está en impoñer os criterios do primeiro mundo, senón en integrar a pluralidade de visións, linguas e culturas, enriquecendo a mensaxe e facendo presente a Xesús e a súa Boa Nova no medio do mundo, OREMOS.
AXÚDANOS A CAMIÑAR ATA O PORTAL DE BELÉN
* Polas nosas parroquias, para sempre esteamos dispost@s a agasallar a todas aquelas persoas que piden a nosa man, necesitan a nosa compaña ou agradecen a nosa visita, OREMOS.
AXÚDANOS A CAMIÑAR ATA O PORTAL DE BELÉN
* Para que nós nos deixemos tamén iluminar pola estrela que nos marca o camiño no que se nos mostra que é mellor facer o ben que buscar o enfrontamento; que é mellor tratar de unir que crear fendas que separan; que é mellor tender pontes cos membros da familia dos que nos temos apartado, cos veciños ou cos amig@s, que construír muros que separan e illan, OREMOS.
AXÚDANOS A CAMIÑAR ATA O PORTAL DE BELÉN
Que esta nosa oración comunitaria nos axude a abrir os ollos e descubrir a estrela que nos guía polos teus vieiros de entendemento, solidariedade e xustiza. P. X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Señor, coma os Magos
queremos buscarte neste mundo insolidario e frío;
queremos atoparte nos barrios marxinais e nos arrabaldes;
queremos verte nas persoas que esta sociedade esconde e esquece;
queremos descubrirte nas persoas que non contan para os dominantes;
queremos acollerte nas persoas que non teñen o básico e necesario;
queremos darche unha aperta nos que viven nas tebras da desesperanza.
Nas persoas pobres e marxinadas de sempre,
nos emigrantes e parados sen horizonte;
nos drogadictos e alcohólicos sen presente;
nas mulleres maltratadas,
nos anciáns abandonados,
nos nenos indefensos,
na xente estrelada,
en todas as persoas feiras e abandonadas á beira do camiño...
queremos buscarte,
atoparte,
verte,
descubrirte,
acollerte
e abrazarte.
CANTOS
PANXOLIÑAS
Comentarios
Publicar un comentario