Misa en galego ciclo B - 3º Dom. Ordinario (22/1/12)
3º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XONÁS
Convertéronse os ninivitas da súa mala vida
Veulle de segunda vez a palabra do Señor a Xonás:
‑ Érguete, vai a Nínive, a gran cidade, e proclámalle a mensaxe que eu che dei.
Xonás ergueuse e marchou a Nínive, conforme á palabra do Señor. Nínive era unha cidade enormemente grande, de tres días para atravesala.
Xonás comezou a entrar na cidade o camiño dun día e predicaba así:
‑ Dentro de corenta días Nínive será destruída.
Os homes de Nínive creron en Deus e proclamaron o xaxún. Vestíronse de saco desde o máis grande ao máis pequeno.
Viu Deus as súas obras, como se convertían do seu mal camiño, e arrepentiuse do mal que dixera que lles ía facer, e non llelo fixo.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9
R/. (4a): Amósame, Señor, os teus camiños.
Amósame, Señor, os teus camiños,
ensíname os teus sendeiros,
diríxeme na túa verdade, apréndeme,
que ti es o meu Deus salvador:
todo o día te estou a esperar.
Lémbrate, Señor, da túa compaixón e da túa misericordia,
pois existen desde sempre.
Dos erros e das culpas da miña mocidade non te lembres:
acórdate de min segundo a túa misericordia,
pola túa bondade, Señor.
O Señor é bo e recto:
por iso lles ensina o camiño aos pecadores;
El dirixe na xustiza os humildes,
e amósalles o seu camiño aos pobres.
Segunda Lectura 1 Cor 7, 29-31
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS CORINTIOS
Pasou a configuración deste mundo
O que vos digo, irmáns, é que o tempo é contado. O que importa, é que os que teñen muller vivan coma se non a tivesen; os que choran, coma se non chorasen; os que están alegres coma se non se alegrasen; os que comercian, coma se non tivesen nada; os que gozan no mundo, coma se non gozasen.
Porque o mundo, na súa configuración actual, está a pasar.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Chega o Reino de Deus;
convertédevos e crede no Evanxeo.
Aleluia.
Evanxeo Mc 1, 14-20
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Facede penitencia e crede no Evanxeo
Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea e anunciaba o Evanxeo de Deus, dicindo:
‑ O tempo está cumprido e chega o Reino de Deus; convertédevos e crede no Evanxeo.
Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e mais a Andrés, o irmán de Simón, que estaban largando o aparello no mar, pois eran pescadores. Díxolles Xesús:
‑ Vinde comigo, e fareivos pescadores de homes.
Eles deixaron de contado as redes e seguírono.
Un pouco máis adiante viu a Santiago, o fillo de Zebedeo, e mais a Xoán, seu irmán; tamén eles estaban na barca arranxando as redes. E de seguida os chamou.
Eles deixaron a seu pai, Zebedeo, na barca cos xornaleiros, e marcharon con el.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
SOMOS PERSOAS VOCACIONADAS: XUNTÉMONOS E VAIAMOS
PÓRTICO
Hoxe, a nosa celebración ten como eixo fundamental o da vocación. Podemos dicir, sen medo a equivocármonos, que a presenza de Xesús, a forza da súa palabra, a orixinalidade dos seus comportamentos, o atractivo de toda a súa persoa, foi facendo que houbese xente contemporánea súa, que decidise seguilo no que facía e dicía. Hoxe, vinte séculos despois, cabería preguntármonos se nós tamén o seguimos polo que nos aporta ou se estamos diante dun seguimento simplemente costumista, sen ningún peso na nosa vida.
Porque, certamente, con algúns dos seus discípulos e discípulas, Xesús recorreu vilas e aldeas de Galilea, anunciándolle á xente un xeito novo de entender a Deus e de facer vida en comunidade. Pero onte, coma hoxe, non se trata só de falar: hai que achegarse á xente do pobo, principalmente a aquela que ten a vida máis ameazada e diminuída por pobrezas, enfermidades, marxinacións, desesperanzas ou depresións. A comunidade nova de Xesús é unha comunidade de xente vocacionada para facerlle a vida máis agradable aos demais.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a vivir esta vocación ao servizo desde a diversidade de dons e carismas.
O PERDÓN
« Porque son demasiadas as veces nas que carecemos de iniciativa, ilusión e imaxinación á hora de botar as redes, caendo na imposición e na vulgaridade,
SEÑOR, QUE VIVAMOS A NOSA VOCACIÓN CRISTIÁ.
SEÑOR, QUE VIVAMOS A NOSA VOCACIÓN CRISTIÁ.
« Porque moitas veces o noso individualismo, a nosa autosuficiencia e o noso afán de protagonismo fan que se rompa a unidade nas nosas familias, nas nosas comunidades, cos nosos veciños,
CRISTO, QUE VIVAMOS A NOSA VOCACIÓN CRISTIÁ.
CRISTO, QUE VIVAMOS A NOSA VOCACIÓN CRISTIÁ.
« Porque son moitas as cousas que na nosa vida nos atan e escravizan, impedíndonos dar pasos cara adiante no teu seguimento,
SEÑOR, QUE VIVAMOS A NOSA VOCACIÓN CRISTIÁ.
SEÑOR, QUE VIVAMOS A NOSA VOCACIÓN CRISTIÁ.
REMUÍÑO
O Deus revelado por Xesús é o Deus do Reino: bo, misericordioso, achegado aos pobres e aos necesitados de xustiza. Nós, coma seguidores seus, somos as súas mans, e debemos actuar do mesmo xeito cos nosos irmáns. Velaí a vocación á que todos nós estamos chamados. Porque moitas veces ao escoitar a palabra vocación rapidamente pensamos na vocación ao sacerdocio ou á vida consagrada; e así, mesmo dentro da nosa Igrexa estamos afeitos a pedir polas vocacións.... fundamentalmente polas vocacións sacerdotais, escudándonos en que cada vez son menos os varóns que escoitan e deciden responder libre e responsablemente á chamada a pertencer á xerarquía. E logo que pasará, que non haberá máis que unha vocación verdadeira? Cando falamos de que alguén ten vocación para un determinado traballo, de que alguén ten vocación de casado ou solteiro, é unha vocación de segunda categoría? A Palabra, que a diferenza de nós, está libre de prexuízos, indícanos que a vocación cristiá é universal, que Deus chama por todas as persoas (lembrábasenos a pasada semana) indistintamente de xénero, estado civil ou profesión... o que ocorre é que esa vocación se vive e se expresa de xeito diferente segundo a situación persoal, familiar, social, laboral de cadaquén; pero todos estamos chamados a ser nós mesmos, a vivir unha existencia humana e humanizadora, libre e liberadora polo camiño do servizo. Convén que non o esquezamos: a Igrexa é unha comunidade plural na que todas as persoas temos a mesma importancia e a mesma dignidade.
Pois só desde unha actitude de coherencia e compromiso fondo con aquel no que cremos, só se realmente a fe pinta algo na nosa vida, só se somos e actuamos como persoas vocacionadas, seremos quen de facer que os demais se cuestionen pola relixión, se cuestionen por Deus. Ás veces a Igrexa converteu a expresión e a chamada que escoitamos hoxe no evanxeo a sermos “pescadores de homes”, en sinónimo de imposición, facendo valer aquilo de que o importante é contar con moito número, sexa ao prezo que sexa. Deixamos entón de ser pescadores e pasamos a sermos arpoeiros. Porén, o camiño nunca pode ser o da obediencia cega, nin o do medo ou a obriga, porque ademais de ser vieiros contrarios á mensaxe de Xesús, son tamén armas que se volven na súa contra co paso do tempo. O camiño pasa logo pola invitación, non pola imposición; polo cuestionamento e pola fondura das nosas conviccións e non pola obediencia cega, o adoutrinamento ou o cumprimento de normas sen sentido; pola decisión libre, madura e autónoma, e non pola obriga, o infantilismo e o prestixio.
E todo isto vén coma anel no dedo nunha semana na que pedimos pola unidade. Unidade de todos os cristiáns, pero tamén unidade dentro da nosa Igrexa e mesmo dentro das nosas comunidades parroquiais. Unidade que non podemos confundir con uniformidade, pois somos conscientes da existencia de diferentes xeitos de pensar, de actuar, de distintas posibilidades, de distintos xeitos de expresar a vocación cristiá.... e somos conscientes tamén de que isto é algo que nos enriquece. Porén, moitas veces atopámonos con que a nosa intolerancia e a nosa autosuficiencia impiden que camiñemos na unidade evanxélica. Parapetámonos na nosa verdade e non estamos dispostos a escoitar e moito menos a aceptar aos que non pensan ou non actúan coma nós. En definitiva, todos queremos ser “machos dominantes da manada”, sen caermos na conta de que a mensaxe de Xesús non separa entre dominantes e dominados, senón que integra, acolle e ábrese a todas as opcións que respecten a dignidade da persoa. Hoxe é un bo día para mirar dentro da nosa vida, da nosa parroquia, da nosa Igrexa e botar fóra todo aquilo que supoña división, enfrontamento ou ruptura.
E todo isto vén coma anel no dedo nunha semana na que pedimos pola unidade. Unidade de todos os cristiáns, pero tamén unidade dentro da nosa Igrexa e mesmo dentro das nosas comunidades parroquiais. Unidade que non podemos confundir con uniformidade, pois somos conscientes da existencia de diferentes xeitos de pensar, de actuar, de distintas posibilidades, de distintos xeitos de expresar a vocación cristiá.... e somos conscientes tamén de que isto é algo que nos enriquece. Porén, moitas veces atopámonos con que a nosa intolerancia e a nosa autosuficiencia impiden que camiñemos na unidade evanxélica. Parapetámonos na nosa verdade e non estamos dispostos a escoitar e moito menos a aceptar aos que non pensan ou non actúan coma nós. En definitiva, todos queremos ser “machos dominantes da manada”, sen caermos na conta de que a mensaxe de Xesús non separa entre dominantes e dominados, senón que integra, acolle e ábrese a todas as opcións que respecten a dignidade da persoa. Hoxe é un bo día para mirar dentro da nosa vida, da nosa parroquia, da nosa Igrexa e botar fóra todo aquilo que supoña división, enfrontamento ou ruptura.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Cando Xesús chama, faino para que sexamos felices. Poñamos entón a nosa vida nas súas mans, para que a alente e a acompañe, e digámoslle:
QUE CAMIÑEMOS NA UNIDADE
Pola Igrexa para que deixando atrás os vellos e rancios tempos da imposición, saiba ser no medio do mundo testemuña do Deus amor e misericordia, tendendo a súa man, aberta a acoller a todas as persoas, sen exclusións de ningún tipo, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA UNIDADE
Polas nosas comunidades parroquiais, para que polos camiños evanxélicos do diálogo e do perdón, da tolerancia e da colaboración, da variedade e do compartir, sexamos quen de superar prexuízos e atrancos e cheguemos á verdadeira comuñón, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA UNIDADE
Por nós, para que con ilusión e coas redes do amor, da esperanza e do servizo aos irmáns, sexamos ante o mundo mensaxeiros do novo xeito de vida que vén dado pola chegada do Reino, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA UNIDADE
Grazas, Señor, por descubrirnos que construír o teu Reino é empeñarse en mellorar as cousas, e facer do lugar onde esteamos a casa de todos. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Señor, ti chamas por min
e eu teño medo a dicirche que si.
Búscasme, e eu intento esquivarte;
insistes, e calo;
achégaste, e resístome;
e así non acabo de entender que desexas de min.
Ti esperas de min unha entrega sen reservas,
chea de ilusión e de xenerosidade.
Eu, ás veces, estou disposto a realizala...
pero as mais das veces,
cando me dou conta do que teño que sacrificar,
de que teño que nadar contracorrente,
de que teño que renunciar ás miñas seguridades,
dubido, desconfío, plántome.
Señor, sufro na ansia, combato na noite.
Ás veces dubido; outras, quero.
Son así, Señor.
Ti sábelo.
Dáme forzas para non rexeitarte.
Ilumíname na vocación á que Ti me chamas.
Estou disposto, Señor.
Oriéntame e guíame.
CANTOS
· ENTRADA: Amigos nas penas
· LECTURAS: Amósame, Señor, os teus camiños
· OFERTORIO: Canta o sol, canta o mar
Comentarios
Publicar un comentario