DOMINGO DE PASCUA DE RESURRECCIÓN - CICLO C
LECTIO:
Vida infinda
(Domingo
de Pascua–20 abril 2025)
O ano litúrxico vainos levando pouco a pouco polas diversas
experiencias cristiás da fe. Vainos poñendo en contacto co Xesús que nace coma
nós, aínda que máis pobremente, no Nadal. Preparabámonos na Coresma para
sentirmos con el as súas tentacións, as súas renuncias e a súa vida adulta de
anuncio da boa nova a todos, de maneira especial ós máis necesitados e carentes
de bens deste mundo. E nestes días pasados viviamos con dor e compaixón os
padecementos e a morte de Xesús.
Mais sabiamos tamén que tras deste aparente fracaso absoluto
da súa vida, deste afundirse o sol no horizonte e na noite, ía acontecer un
novo rexurdimento. Un amencer do Xesús resucitado que en adiante non morrerá xa
máis, converténdose así nun sol radiante que non volverá ter máis solpores. No
evanxeo de Xoán cóntasenos que a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, “cando
aínda era escuro”. Cousa que podemos entender tamén simbolicamente. María
Magdalena, e con ela todos nós, camiñamos ou corremos cara á Luz do Resucitado
porque a escuridade non nos vai. Somos bolboretas inquedas que voamos cara á
luz na noite escura.Non hai cousa que máis queiramos cá luz e a vida. E isto
sempre e para sempre. Deus púxonos esta querenza no corazón e coa resurrección
do seu fillo e irmán noso esta fonda querenza atopa o que busca. A luz e a vida
aquí e no alén da morte están así en boas mans. Pois El resucitou e é así o
“Señor” de todo.
Este é o significado da Resurrección. Xesús e con el a
humanidade toda estamos destinados, alén das nosas particulares mortes
biográficas, a sermos inmortais. Finaremos, si, pero para non volvermos
experimentar xa nunca máis angustias mortais. O noso pasamento coincidirá co
comezo dun novo e definitivo vivir. Por isoos primeiros cristiáns loaban a
Deus, ó celebraren a Resurrección, dicindo e cantando “aleluia”. Así o fixemos
tamén nós trala Primeira Lectura. E “aleluia” quere dicir “loado sexa Deus”.
“Loado sexa Deus” pola súa grandeza, polos seus grandes
plans sobre nós. Porque os pequenos ou grandes padecementos da nosa vida veñen
sendo en definitiva pouca cousa en comparanza co destino que nos espera. Por
iso dicía Pedro en relación coa resurrección de Xesús que a alegría debería
rebordar en nós: “Loado sexa Deus –dinos el-, que pola súa gran compaixón
resucitou Xesús Cristo da morte facéndonos renacer a unha vida nova que se nos
dá en esperanza [...] Por iso brincades de alegría, aínda que agora, se fai
falta, teñades que sufrir, por un pouco tempo, diferentes probas”.
A alegría debería ser, pois, un sentimento normal e estábel
na vivencia da nosa fe. Unha fe, que ten os seus alicerces no acontecemento
pascual. O domingo de Resurrección é así o modelo do que copian tódolos
domingos do ano litúrxico. Pois “domingo” quere dicir día do “Señor”, é dicir,
de quen “domina” sobre todo. Coa súa resurrección converteuse Xesús en “Señor”
de toda a creación e dos tempos todos: pasado, presente e vindeiro.Nel ten
firme alicerce a nosa confianza, pois El é o noso irmán. Da súa Resurrección
provén a nosa alegría. Así o repite a liturxia pascual: “Este é o día que fixo
o Señor. Alegrémonos e relouquemos nel”. E ese é tamén o contexto cultural do dito popular de estarmos alegres “como
unhas pascuas”.
Agora ben, se os discípulos creron porque “viron”, a nosa
crenza no Resucitado terá que basearse na nosa “fe”. Non na nosa “visión”. Mais
trátase dunha fe que, pola súa parte, está baseada no testemuño dos apóstolos e
da Igrexa que nace con eles. Pola nosa parte, podemos dicir tamén que, como
compensación de non termos vivido a forte experiencia dos discípulos de Xesús,
podemos en cambio sentir a alegría das palabras que dalgunha maneira nos dirixe
Xesús a todos nós: “Benia os que creron sen veren!”.
Cómpre ademaister presente que a ledicia que sentiron os
discípulos pola resurrección de Xesús non era unha alegría intimista ou
particularque cadaquén en certo modo gardaría para si mesmo. Era, polo
contrario, unha alegría comunitaria, compartida, que ía alén dos propios
intereses e preocupacións. Da mesma maneira que Xesús non se pechara endexamais
en si mesmo, senón que vivira sempre para os demais, os seus discípulos non
podían proceder doutro xeito. En consecuencia,estaban abertosás necesidades dos
demais. Porque a todos viña dirixida a súa mensaxe: a de sermos, con el en
primeiro lugar, fillos dun mesmo Pai e destinados, alén dos límites da nosa
existencia particular, a unha resurrección para sempre.
Todo isto ten aplicación non só a nós, os que nos
consideramos cristiáns, senón á humanidade toda, pois Deus Pai quixono Xesús
resucitado Deus dar vida para sempre, alén da morte, a todos. Os cristiáns
estamos así convocados a encher o mundo enteiro da esperanza dunha vida inmortal.É
isto o que fan os apóstolos e discípulos ó teren a experiencia do Resucitado. E,
antes aínda ca eles, as mulleres que foran moi cedo visitar o sepulcro do Señor,
volvendo axiña para lles anunciar ós apóstolos a resurrección do Señor.Algo
semellante realizarán os diversos apóstolos e discípulos ao se comunicaren
mutuamente as apariciónsdo Señor resucitado.
Pois ben. A través dos tempos e dos
séculos recibimos tamén nós por medio do anuncio do evanxeo esta grande e boa
nova.Por iso os que recibimos tal nova temos que anunciala coa palabra e cos
feitos, no noso tempo e aquí onde vivimos, a cantos ou non saben dela ou non
son quen de crer na mesma quizais incluso por ser tal nova algo tan incríbel e
marabilloso. E é xustamente así por ser algo que procede de Deus, é dicir, daquel
que é sempre meirande ca canto poidamos maxinar del.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/pascua-de-resurreccion-c-xoan-201-9-2/
FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4
Comentarios
Publicar un comentario