DOMINGO XXVII DO TEMPO ORDINARIO B
LECTIO:
Domingo XXVII Ordinario
Amar. Só iso-6 outubro 2024
A
“boa nova”de Xesús ten como centro unha fermosa palabra que utilizamos con
frecuencia e que sabemos tamén manipular en moi diversos sentidos. É a palabra
“amor”.
Hoxe
fálasenos nas Lecturas do amor matrimonial, do amor ós fillos, ós pequenos, do
amor que se rompe e se adultera...O amor é unha experiencia complexa.Agora ben,
se Deus se define a si mesmo como Amor, entón a realidade, que vén del, non
pode ser entendida axeitadamente se non se lle dá unha importancia esencial ó
amor. Así. sen a unión e o amor entre varón e muller no podería existir a
humanidade. Non existirían fillos, nin sociedade, nin futuro. A historia
remataría e con ela a humanidade mesma. Mais Deus quere que o mundo siga, que a
humanidade avance cara ó seu futuro, aínda que pola nosa parte non poidamos
saber nin sequera sospeitar que formas adoptará esa futura humanidade.
O
famoso teólogo Karl Rahner, que foi profesor meu durante bastantes anos en
Innsbruck e Múnic, definía a Deus como “o futuro absoluto”. Pois ben, se nós
fomos feitos, creados, por ese Deus que é “futuro absoluto”, entón non pode ser
nada estraño que levemos tamén dentro de nós a semente do futuro. Existen por
iso en nós unhas fortes pulsións biolóxicas e psicolóxicas para que, segundo se
nos di no texto do evanxeo, “deixe o varón seu pai e mais súa nai e se una coa
súa muller, converténdose así os dous nunha soa carne”. E ser unha soa carne
vén sendo o mesmo ca ter uns mesmos sentimentos, entenderse e comprenderse; en
definitiva, amarse.
Algo
semellante ó que ocorre no mesmo Deus. Se Deus é amor -tal como se nos di no
evanxeo de Xoán-, amor mutuo e infinito entre Pai, Fillo e Espírito, iso quere
dicir que hai tamén en Deus un amor tan grande e fondo que non se pode falar
máis que dun só e único Deus. As tres persoas divinas son así tamén, coma quen
di, “unha soa carne”.
Pois
ben, a felicidade que, amándose mutuamente, atopan home e muller acrecéntase
coa felicidade que lles dan os fillos. Porque nos fillos están vendo os pais
directamente, en certo modo, o seu propio futuro. O futuro que eles mesmos
xeraron e produciron. Por iso Xesús amaba e apreciaba tanto os pequenos, que, igual
cás mulleres, eran pouco estimados no tempo de Xesús. Por iso era case normal
que tanto elas como eles recibisen reprimendas de parte dos discípulos de Xesús
cando elas ou eles querían achegarse a el. Marcos cóntanos, efectivamente, que
os discípulos lles “rifaban” ás nais e ós nenos por intentaren achegarse a
Xesús. Mais Xesús tomou moi a mal esta actitude dos seus discípulos.
“Indignouse” cos seus discípulos, dinos claramente Marcos, para comentarnos
seguidamente que Xesús non deixaba de abrazalos, de bendicilos e de impoñerlles
as mans sobre as súas cabezas.
Marcos
infórmanos claramente da actitude amorosa de Xesús cos pequenos. Lembrémolas: “Deixade que os
nenos se acheguen a min; non llelo impidades, porque deles é o Reino de Deus.
Dígovolo de verdade: Quen non reciba como un neno o Reino de Deus, non entrará
nel”. Lembrade aquí aínda os fermosos versos de Unamuno do outro día:
“Agrándame a porta, Pai / porque non podo pasar /. Fixéchela para os nenos, /
eu medrei ó meu pesar. / Se non me agrandas a porta, / achícame por piedá. /
Vólveme á idade bendita / onde vivir é soñar”...
Isto
quere dicir que os nenos deberían ser os nosos mestres. Porque eles son os que
nos aprenden a recibirmos coma eles o Reino de Deus. Eles apréndennos a termos
confianza en Deus Pai coma eles a teñen con seus pais. Eles son os que nos rnsinan
a vivirmos a vida con alegría, con liberdade e con entusiasmo, porque saben ou
esperan que alí haberá sempre alguén que coide deles e que os ame.
Por
iso é tan importante nas familias o amor ós pequenos. Todo o contrario daquilo
que dicía o famoso filósofo Kant. Cómpre que escoitedes algunha vez o que
chegou a escribir tan afamado pensador: "Pódese
afirmar con verdade -dinos el- que se educan moito peor os fillos da xente
vulgar que os da xente distinguida. Porque a xente vulgar xoga cos nenos, coma
os monos. Cántanlles cancións, aloumíñannos, bícannos, bailan con eles. Pensan
que lles fan ben ó neno cando, tan pronto como chora, corren cara a el e xogan
con el, etc.”.
O gran Kant seguramente estaba
pouco informado do acontecido co experimento realizado no século XIII porFederico II, emperador do Sacro Imperio
Románico Xermánico, ó que aludín hai só un
par de domingos.
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/27-tempo-ordinario-b-marcos-102-16-3/
Comentarios
Publicar un comentario