Domingo X do Tempo Ordinario B

Oracional Galego en Spotify

LECTURAS



LECTIO:

 

TER O DEMO NO CORPO

Domingo X ordinario (9 xuño 24)

                                   

         Atopámonos hoxe ante un significativo texto do evanxeo de Marcos sobre o xeito de se comportar Xesús na sociedade en que vivía e sobre os modos de as xentes reaccionaren ante o seu modo de falar e de se comportar. Marcos preséntanos neste texto un Xesús moi “encarnado”, moi “humano”, moi igual en todo a aqueles cos que convive e aos que lles dirixe a palabra do Pai, do seu Pai Deus. Tendemos ás veces a pensar un Xesús falsamente “idealizado”, como se se tratara de alguén que procede de non sei que estraños e sublimes ámbitos suprahumanos. Xa a nacente Igrexa tivo que frear tales modos de ollar a humanidade de Xesús.

         Marcos preséntanos aquí un Xesús que necesita comer e beber coma calquera. El e os seus discípulos non son anxos, que non comen nin beben, senón seres humanos normais que, ao se veren rodeados pola xente que os acompaña querendo escoitar a palabra de Xesús, nin tempo atopan para comer. “Nin podían comer”, dinos Marcos. Ese Xesús humano ten loxicamente tamén os seus “parentes”, que en canto tales están pendentes dos ditos e dos feitos dun tan especial e ao tempo tan normal parente seu que as xentes sinxelas e humildes escoitan abraiadas, con ledicia e admiración. Nas familias digamos tradicionais todo e canto lle pasa a calquera dos seus membros aféctalles tamén a cantos a compoñen. Compréndese ben así a preocupación dos parentes de Xesús sobre canto se di ou comenta verbo del, sobre os seus ditos e os seus feitos. Nos poucos anos da súa chamada “vida pública” convertérase el en centro ou signo de contradición ou disensión porque o seu anuncio dun reino de paz, xustiza e amor, alén do simple e baleiro cumprimento das normas e preceptos legais, semellaba ser para moitos algo incomprensíbel ou inaceptábel.

         Neste sentido resulta comprensible que houbese xente que pensase que Xesús “perdera o sentido” (como se nos di no texto de Marcos), que no fin de contas fose unha persoa anormal, pois non se comportaba nin falaba como alguén do que dicimos que é “normal”. Os seus parentes viñan, polo tanto, “buscalo á forza”, tal e como refire Marcos. Os entendidos nas leis e costumes tradicionais dos xudeus, é dicir os “letrados”, alí estaban tamén como garantes e ilustradores do que era ou non correcto, do que se podía ou non se podía dicir ou facer. Digamos que algúns dos parentes de Xesús e mailos letrados formarían unha sorte de piña crítica respecto do anuncio de Xesús da súa “boa nova”. Efectivamente, para os letrados Xesús tería o demo no corpo ou, tal como eles se expresaban, tería dentro del “Belcebú”, o “príncipe dos demoños”.

         Xesús obxectaralles, pola súa parte, aos seus acusadores que, se as cousas foran tal e como os letrados pensaban, sería entón absurdo e contraproducente que el mesmo –catalogado como demo polos letrados se dedicase pola súa parte a botar demos fóra das persoas posuídas por eles, pois en tal hipótese serían súbditos ou compañeiros seus. En tal caso operaría el en realidade en contra de si mesmo. Esta cegueira voluntaria –teórica e práctica dos letrados e dalgúns dos parentes de Xesús, encirrados tamén seguramente polos primeiros, é cualificada por Xesús como “blasfemia contra o Espírito Santo”. Unha “blasfemia” que non pode ter perdón de Deus,  porque pecharse á luz é pecharse fronte a Deus, fronte ao “Espírito” dun Deus que non se nos manifesta senón como verdade, bondade e amor.

         E volvemos agora de novo ao sentido “encarnatorio” –por así dicilo da persoa de Xesús. El encárnase e faise próximo, “parente”, non desde logo na fachenda ou cegueira de letrados ou fariseos, mais tampouco no pequeno ámbito ou entorno dunhas relacións familiares concretas e limitadas. El ábrese e faise familiar e próximo a cantos humildes ou marxinados se abren pola súa parte tamén á verdade, á luz, ao amor, á misericordia etc., é dicir, ao “Espírito Santo”. Por iso é moi significativo que, no remate do texto do evanxeo e ante o anuncio que lle fan a Xesús de que “alí fóra están súa nai e mais os seus irmáns, que o veñen buscar”, reaccione el dun xeito que poderiamos considerar case como distante e desapegado. Xesús comenta, en efecto: “Quen é miña nai e quen son meus irmáns?”. Para engadir a continuación, ollando cara aos seus abraiados e agradecidos oíntes: “Velaí a miña nai e mais os irmáns: pois o que cumpra a vontade de Deus, ese é o meu irmán, a miña irmá e miña nai”.

         Divinas e fundamentais “toleiras” as de Deus, poderiamos comentar pola nosa parte. Pois o fillo de Deus nace, coma todos nós, nunha concreta familia humana, mais non se limita ou restrinxe a ela ao se facer irmán de todos, emparentando así todos os seres humanos con el e co Deus Pai de todos, Pai de Xesús e Pai de todos nós.

         E remato cunha que o seu autor, Manuel Regal Ledo, chama “Pregaria: para ser tolo como Xesús foi tolo” e que el engade precisamente ao final dun seu comentario ao evanxeo de hoxe: “Todos nos invitan ao común, Xesús, / todos nos invitan ao normal, ao comprensible, ao razoable, / ao que fai todo o mundo. / Todos menos ti./ Todos nos invitan a andar polos camiños feitos, / polos vellos camiños de sempre, / segundo as vellas doutrinas de sempre. / Todos menos ti./ Todos nos invitan a buscar a aprobación dos sabios, / a congratularnos cos desexos do pobo, / a rendernos ante a urxencia do moderno. / Todos menos ti./ Todos nos invitan a entrar nos ámbitos de influencias, / a desenvolvernos coa xente de prestixio, / a arrimarnos ao que ten poder. / Todos menos ti./ Todos nos invitan a aplaudir o rico, / a evitar as inseguridades, / a fuxir do provisional. / Todos menos ti./ Ti, Xesús, segues coa túa vella teima de sempre, / gañando así, tamén hoxe,/ a ollada colérica dos teus adversarios / e a ollada compasiva dos teus seguidores./ Con todo, Xesús, nós preferímoste a ti”.

 

Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/10-tempo-ordinario-b-marcos-320-35/


FICHAS B





Comentarios

Publicacións populares