Domingo XII do Tempo Ordinario B
LECTIO:
TER UN COLO QUITAMEDOS.
Domingo XII ordinario (23 xuño 2024)
O texto do evanxeo atribuído a Marcos agacha en si na súa brevidade fonduras misteriosas e
conmovedoras. Semellantes ás que adoitamos asociar coa vivencia do mar fondo e
inmenso, onde ocorre a escena que acabades de escoitar.
Voume limitar a facer algún curto
comentario que poida servir quizais para unha mellor comprensión da mensaxe que
se nos anuncia. Pois nós sabemos algo da grandiosidade do mar, do seu perigo e
dos temidos e violentos fenómenos que se producen cando o vento e as ondas do
mar se enfrontan conxuntamente á cativeza humana. Respecto hai que lle ter
sempre ao mar. Malia ser el por outra parte
abondosa fonte de posibilidades e de vida.
No centro da escena está Xesús, aínda que semelle non estalo polo menos durante o tempo en que
está a botar unha cabezadiña na barca. El é o amigo de pecadores e de
pescadores, pois sempre estará alí onde haxa xente precisada de compañía e de
compaixón. O cansazo tamén o acompaña. Sabemos que Xesús estaba de día á
disposición da xente necesitada e que pola noite dedicaba aínda abondoso tempo
á conversa tranquila e a soas co seu pai benquerido.
Durante o día era moi forte no seu corazón o lume interior que o levaba e empuxaba a
manifestar a todos a boa mensaxe, chea de consolo, alegría e esperanza. Mais
hoxe, “á tardiña” (tal como se nos di), proponlles aos discípulos deixar a
concorrencia da xente para se trasladar á outra banda do mar. Era un bo
momento, próximo xa ao solpor, para que botase unha soneca. Falta lle faría
tras as tarefas do día. O sono vénceo alí axiña, deitándose sobre un cabezal na
popa da lancha. Sono fondo o de Xesús, semellante ás fonduras do mar que ao
comezo o arrola mansamente coas ondas. Estas, ó logo se encresparen, non chegan
a perturbar a paz infinita dun Xesús que dorme tranquilo, sentíndose como se
sente sempre benquerido polo seu Pai do ceo. No quente colo do seu Pai-Nai,
dorme Xesús confiado e seguro.
Marabilloso sería poder dispor hoxe dun vídeo que reflectise esa actitude confiada e
serena dun Xesús que dorme así, tranquilo coma un neno, na popa dunha lancha
amiga. Por moito ruído de voces e berros que haxa arredor dun neno que dorme,
sabemos que non é doado espertalo do seu sono tranquilo e confiado. Para el
seus pais son coma deuses, todopoderosos e bos sen límites. El non ten el nada
que temer.
No caso de Xesús, é moita desde logo a entrega que o Pai lle pide ao seu fillo benquerido
no anuncio e na práctica da boa nova, mais el é ben consciente de que está nas boas
e seguras mans do Pai. Do mesmo xeito que os nenos sacoden e escorrentan medos
e pantasmas, deixando que o sono e mailos soños veñan a eles desde a plataforma
segura do colo dos seus pais, así ocorre con el. Con razón lles dirá nalgún
momento aos seus discípulos: “Se non vos facedes coma nenos, non entraredes no
reino dos ceos”.
Se queremos, pois, durmir e
soñar en paz, teremos que aprender tamén a
vivirmos en paz connosco, cos demais e, polo tanto, co Deus pai de todos. É
dicir, teremos que chegar a acadar aquela “confianza básica”, tamén a nivel
relixioso, da que falan os psicólogos a nivel simplemente humano e que tan
necesaria é para o desenvolvemento da nosa vida.
O mar era no imaxinario do
tempo de Xesús un lugar onde habitan os monstros, os
monstros mariños, que poderían pór en perigo os que se achegaban a el. Foi esta
ameaza, propiciada polos ventos enfurecidos, a que encheu de inseguridade e
angustia aos compañeiros de Xesús que non podían comprender como o seu mestre
podía estar aínda tan tranquilamente durmido tendo como leito unha lancha
fortemente azoutada polo turbillón.
Os discípulos de Xesús están, efectivamente, atenazados polo medo e vano estar
tamén trala intervención de Xesús, aínda que entón os vaia afectar un tipo de
medo moi distinto. Cando Marcos, ou algún outro descoñecido autor deste evanxeo
atribuído pola tradición a Marcos, fala dos medos dos que viaxaban con Xesús na
barca, utiliza de feito palabras gregas distintas para se referir ao primeiro
medo (o medo de afogaren todos) e, despois, ao medo, ao “medo enorme” (tal como
se di no relato), co que quedaron afectados os discípulos trala calma do mar
producida polas palabras de Xesús.
O primeiro medo era o medo
dos que estaban temerosos e acovardados (“deiloí”) ante a furia do mar e do vento. Sentíanse efectivamente incapaces
de lle facer fronte a unha situación angustiosa. En cambio, o segundo “medo”
(“fóbos” en grego) resulta ser algo semellante ao que os estudosos da historia
e fenomenoloxía das relixións (Rudolf Otto sobre todo) chaman o “tremendum”,
aquilo divino que fai tremer e suscita ao tempo respecto e admiración.
Os discípulos pasan, pois, dun tipo de medo –medo aos elementos da natureza–
a outro medo de tipo superior e distinto (“medo enorme”) ante quen se presenta
como aínda máis poderoso ca eses elementos naturais. Un medo, ou máis ben
pasmo, producido agora nos discípulos por alguén que non parece diferenciarse
deles en nada especial, pois ata había ben pouco estaba el a durmir vencido
polo sono na propia e indefensa barca. “Quen será este ao que mesmo o vento e o
mar obedecen?”, comentan abraiados e cheos de temeroso respecto os discípulos.
Atopámonos unha vez máis ante o misterio de Xesús, un que é coma nós, mais en
quen o Pai Deus puxo todas as súas compracencias. Non nos queda outra opción
senón crer ou non crer nel, na súa persoa. Xesús, na súa crítica ás angustias e
medos dos discípulos contrapón nidiamente tales medos á “fe”, na que non
parecen aínda abondar os seus discípulos: “Por que tendes tanto medo? Seica
aínda non tendes fe?”. Se para Xesús a fe é aquela que é capaz de mover
montañas, tamén é aquela que é capaz de paralizar perigosos movementos de
ventos e mares.
Nesta opción entre crer ou non crer, entre ter fe ou non tela, está en xogo, alá no
fondo, a nosa felicidade ou infelicidade, a nosa esperanza ou desesperanza,
unha vida dominada por medos e angustias ou pola confianza filial e fraternal.
Xesús preséntase ante nós como unha verdadeira “graza”, é dicir, como unha
grande, alegre e gratuíta noticia para a humanidade toda.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/12-tempo-ordinario-b-marcos-435-40-3/
Comentarios
Publicar un comentario