Domingo XI do Tempo Ordinario B

 Oracional Galego en Spotify

LECTURAS DO DÍA


LECTIO:

SEMENTAR SEMENTAREI

Domingo XI ordinario      

           Continuamos co que chamamos o tempo “ordinario”, volvendo así, coma quen di, “ao rego” despois da longa interrupción deste tempo “ordinario” coa Coresma, a Pascua etc. e tamén coas posteriores festividades da Trindade e do Corpo e Sangue de Cristo.

         E para “volvermos ao rego”, que ten que ver coa labranza e coa sementeira, nada mellor ca unha parábola de Xesús coma a de hoxe sobre a semente que cae na terra. O modo de vivirmos nas grandes cidades agáchanos moitas veces cousas fundamentais da vida: de como nacen as plantas, as árbores e outros seres vivos. Dun gran pequerrecho e intranscendente á primeira vista sae un mundo de vida, de frondosidade, de beleza... Menos mal que nos pisos das cidades aínda podemos coidar nos balcóns ou nas terrazas unha ou varias macetas con plantas que nos gustan. E iso fainos presente, aínda que sexa a pequeno nivel, o que ocorre na natureza en grandes proporcións.

      Cando eu era rapaz nacera nunha pequena parroquia da nosa verde terra galega (coma o Balbino da novela de Neira Vilas, a que coñecín e tratei) unha das cousas que me gustaba facer, á parte de seguir niños de paxaros e apolitar nas árbores, era sementar castañas nun pequeno recipiente de lata con terra dentro e poñerme despois a esperar o día no que os primeiros gromos do futuro castiñeiro farían acto de presenza. Coido que non tiña que ver coa Trindade de Deus, que festexamos hai un par de domingos, pero, si, metía tres boas castañas na terra (non eran nin dúas nin máis de tres) e xa non lembro ben se saían despois un, dous ou ata tres cativos xermolos do futuro e rexo castiñeiro. Logo, cando eran xa algo grandiños, levabámolos a unha veiga ou leira, para replantalos alí. Cos anos os castiñeiros, xa bos mozos ou adultos, devolvíannos nun só ourizo, dos moitos que o castiñeiro tiña, as castañas das que nos desprenderamos anos antes para sementalas na terra.

         Estas marabillas da natureza que Deus puxo a andar están aí simplemente diante nosa. Para que aprendamos a vermos como é a realidade e como é tamén Deus, aínda que non sexan máis ca pequenos sinais, vagalumes, para orientármonos no escuro camiño da vida.

          Xesús recorre moitas veces a este tipo de realidades da natureza para que aprendamos a comprender o que el chama “o Reino de Deus”. Pois o estilo de Deus, o seu modo de facer as cousas non pode ser moi distinto nun caso e noutro, quero dicir no eido natural e no que chamamos sobrenatural ou espiritual. Á fin e ao cabo, Deus é o autor común e único destas dúas dimensións da realidade, que nós máis dunha vez separamos demasiado. É un estilo que sempre ten que ver co marabilloso, co inesperado, co que nos abraia. É dicir, co divino.

         Xesús descríbenos de maneira moi fermosa o proceso do gran de trigo desde que se sementa na terra ata que a espiga xa está a tempo para ser recollida e se converter en pan tenro e quente que nos alimenta. Ou apréndenos a ver tamén o que lle pasa ao gran de mostaza, que malia ser tan pequerrecho, é quen de se converter despois en preferido obxectivo dos paxaros para construíren alí na primavera os seus niños.

       As comparanzas de Xesús coa flora e a fauna que temos diante dos ollos por pouco que nos debrucemos na natureza, fálannos de que Deus, o creador da realidade toda e grandioso sementador de vida, de bondade e de amor, é un sementador que non quere queimar etapas, que dá tempo ao tempo, que non exerce violencia endexamais con ninguén. O que si fai é sementar arreo e de moitas maneiras a súa palabra, acochándoa co seu coidado e co seu agarimo para que no seu tempo produza froito.

        Teñen moita importancia na evolución da humanidade os bos sementadores e sementadoras. Aquelas e aqueles que coa súa palabra, co seu modo de se comportaren cos demais, van facendo coa súa vida e coa súa constancia e paciencia que outros acollan e deixen medrar en si a semente de vida recibida.

          Isto ten a súa aplicación non só no eido relixioso ou cristián, senón tamén no social e político. Convivín durante bastantes anos cun compañeiro meu xesuíta que era fillo dun relevante político galeguista chamado Antón Losada Diéguez (+1929). Nun acto público sobre este importante político ourensán un dos que alí interviñeron comentaba sobre Antón Losada que fora un gran “sementador”:  que escribira pouco, pero que sementara moito en conversas con persoas que despois serían, grazas a el, moi decisivos no eido concreto do galeguismo, como por exemplo Otero Pedrayo, Risco ou Castelao.

           Pois ben, se pola nosa parte non nos sentimos moi satisfeitos con nos mesmos porque non acabamos de vernos a nós mesmos tan bos cristiáns como desexariamos, tentemos polo menos sementar coas nosas pobres palabras e coas nosas humildes obras a frutífera palabra de Deus e as súas grandes obras e marabillas. E esperemos, teñamos paciencia, ata que agrome ao seu tempo a semente transformándose en nova e vizosa árbore, pois Deus ten os seus propios ritmos, que non teñen por que se identificar cos nosos.

        Porque, á fin e ao cabo, non somos nós os verdadeiros sementadores. É sempre Deus quen, polos seus sorprendentes camiños, continúa a sementar a súa misteriosa palabra no mundo. El segue a facer sempre, xunto con nós, o traballo da sementeira. Nós non temos por que coñecer de antemán os froitos concretos que el quere acadar por medio de nós, na nosa época, ou por medio de cantos vaian vir despois de nós, nunha historia que endexamais deixará de se presentar en cada tempo concreto como nova e sorprendente.

         Mencioneivos hai un chisco as castañas de cando eu era cativo. Agora léovos anacos soltos dun poema, do que é autor un xesuíta, o P. Seixas,  sobre o que hai tempo publiquei un par de escritos. Cando escribiu o poema tiña 33 anos e dedicábao ós seus pais, lembrándose con fondo agradecemento a Deus, da súa infancia no colo agarimoso da natureza deste xeito:

                 Que tempos os de Gonzar! /Aínda era eu moi neniño! / Cando brincaba na herba, / cando ollaba os paxariños [...] / Que tempos os de Gonzar!, / tempos que foron tempiños! / Mazás da Santa Mariña / pasadas dos paxariños, / con que gozo eu vos comía, / caladiño, caladiño! / Abeleiras do abeleiro / da leira do meu paiciño, / que de cote eu atopaba / a carón do meu camiño! / Silvas cheas de amoriñas / remexidas cos espiños, / con que gusto eu vos comía / ao pasar polos camiños! /  [...] Tempos de Gonzar ditosos / fuxiron por seu camiño! / Non vos esquezo anque morra, / aínda que deixe o corpiño. / Foron os primeiros gromos / da miña espiga de millo. / [...] / Mais agora que fuxiron / cal foxe o tempo dos niños; / agora que xa son home / dimpois de moito camiño; / agora bendigo a Deus / que alá naqueles tempiños, / coma o orballo que repousa / nas follas do treboliño, / así puxo nesta i-alma / deste probe picariño / a fogueira da súa gracia / que aluma no meu esprito. / Por iso ollando hoxe a Deus / e aos meus pais queridiños: / Que tempos os de Gonzar!, / tempos que foron tempiños!

 

CREDO / ORACIÓN DOS FIEIS

         Dirixímoslle a Deus Pai a nosa oración dicindo: Escóitanos, Pai. TODOS:  ESCÓITANOS, PAI.

- Dános, Pai, fe na túa palabra, semente de vida e de felicidade. TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

- Fai, Pai, que a túa palabra feita carne en Xesús, produza en nós froitos abondosos de fe, esperanza e caridade. TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

- Axúdanos, Pai e Sementador de vida, a respectar e amar os teus misteriosos ritmos na construción do teu Reino. TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.


Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/11-tempo-ordinario-b-marcos-426-34-3/









Comentarios

Publicacións populares