Domingo XIII do Tempo Ordinario B

 Oracional Galego en Spotify

LECTURAS DO DÍA


LECTIO:

FE QUE SANDA

(Domingo XIII T. O. – 30 xuño 2024)

         O evanxeo de hoxe vólvenos lembrar os problemas da xente normal e corrente, ameazada unha e outra vez pola enfermidade ou pola morte dos seus seres queridos. A carón deles está sempre Xesús, que por algo é Salvador e Redentor.

         Hoxe son dúas mulleres, tradicionalmente marxinadas ou discriminadas naqueles tempos, as que van recibir a misericordia de Xesús. E alédanos saber que hoxe en día son as propias mulleres as que comezan por si mesmas a espertaren deste mal soño secular da súa discriminación social.

         Pois ben, en relación con estas mulleres, dunha sabemos que era a filla de Xairo, un xudeu devoto e xefe da sinagoga. Por algunha enfermidade acababa ela de morrer sendo aínda unha rapaza con só doce anos. Da outra muller, que andaba de médicos dende había xa tempo, non sabemos máis ca que estaba doente e polo tanto nada podemos deducir sobre a súa posición social ou sobre a súa idade.

         Hai que facer algún esforzo para nos situarmos dalgunha maneira na cultura relixiosa e social xudía daquel tempo e para sabermos avaliar así na súa xusta medida o que supuña a relación de Xesús coas persoas necesitadas. A filla de Xairo finara xa, por máis que seu pai, cando se dirixe a Xesús pedíndolle a súa curación, aínda non o sabía. E hai que ter en conta que daquela aos defuntos non se debía un achegar nin moito menos tocalos, porque como cousa impura convertían tamén en impuros tamén os que facían iso. En canto á outra muller enferma, a súa mesma enfermidade convertíaa tamén en impura, ademais de facer impuros cantos a tocasen ou cantos ela tocase. De maneira que a pobre estaría nunha situación persoal e social lamentábel.

         Pois ben, en ámbolos dous casos Xesús achégase á defunta e á enferma impuras, sen ren se preocupar por quebrantar con iso preceptos ou normas sociais e relixiosas. A nena defunta cóllea directa e persoalmente pola man, pronunciando a frase que os evanxeos nos conservaron no seu son orixinal: “Talitha, qumi”, rapaza, érguete. A outra muller enferma non a toca directamente, mais déixase tocar por ela nunhas circunstancias nas que a xente o aperta a el por todos os lados, tal como o constatan os seus discípulos ao el lles preguntar quen o tocara: “Ti ben ves a xente preméndote e aínda preguntas por quen te tocou?”...

         Xesús era unha persoa do seu tempo e estaba en consecuencia moi ao tanto, desde cativo, dos inevitábeis condicionamentos culturais que se convertían en algo natural para cantos participaban da súa mesma cultura. Mais el tiña ao tempo unha experiencia moi fonda e forte de como son as cousas, do que é e como é a realidade, e tamén da nosa dignidade humana en canto derivada da nosa filiación divina pola nosa irmandade con Xesús.

         Na súa íntima e especialísima relación co seu Pai Deus, vivida durante o día e dialogada con El en longas horas da noite, sabía el ben cales eran as cousas importantes e cales non. En tal sentido, se os costumes sociais chocaban con esas fondas experiencias e saberes, peor para tales costumes.

         El sabía e vivía a experiencia de ser Fillo de Deus e de ser ao tempo “fillo do home” nunha inconcibíbel e misteriosa unidade. Este Xesús, don insuperábel do Pai Deus á humanidade, era polo tanto tamén un de nós, ser humano coma nós, irmán noso. Mais el viña transmitirnos que todos somos fillos dun mesmo Pai. Somos todos polo tanto irmáns del e así nos sentía e percibía. Para el as prescricións ou prohibicións rituais non tiñan, en consecuencia, valor ningún no caso de se opoñeren a esta experiencia fundamental súa de ser e se sentir irmán de todos.

         A práctica vital de Xesús foi sementar arreo vida e esperanza, devolvese a vida ou non, curase ou non fisicamente unha concreta persoa. El non curou nin resucitou de feito cantos no seu tempo enfermaban ou morrían. El non viña destruír as leis dunha natureza creada así por Deus mesmo. Tampouco Deus Pai liberou o seu Fillo Xesús das dores e da morte na cruz. Sen contabilizar as diversas curacións realizadas por Xesús das que nos falan os evanxeos, no que se refire aos relatos de resurreccións realizadas por El, é dicir, da volta á vida normal dun defunto ou dunha defunta, non nos contan en realidade os evanxelistas máis ca tres casos: o do fillo da viúva de Naín (do que nos fala só Lucas), o de Lázaro (que só nos é presentado por Xoán) e, finalmente, o relato de hoxe da filla de Xairo, descrito por Marcos, Mateo e Lucas, pero non por Xoán.

         Por iso, o que sobre todo Xesús nos ofrece, antes e hoxe, é unha vida e unha esperanza, que se basean na fe nel en canto Fillo de Deus e irmán noso. Pois el mesmo identifícase coa Vida mesma e co Amor sen límites. Diranos nalgún momento que o seu Pai Deus non é “un deus de mortos, senón de vivos, porque para el todos viven”.  El coñece perfectamente, por así dicilo, a face oculta desa lúa que somos todos e cada un de nós. Aínda que a xente faga riso del, sabe el perfectamente que os que nós chamamos mortos non o son de verdade. A todos os defuntos pásalles en certo modo o mesmo que el indica sobre a nena morta: “A meniña non morreu, está a durmir”.

         Esta mensaxe de vida que nos trae Xesús debería ter unha proxección comunitaria e social nas concretas vidas nosas e neste noso tempo presente. Paulo dánolo a entender hoxe na súa carta aos Corintios. A vida, non só a do alén senón tamén a do aquén, ten que ser para todos e non só para os que dispoñen de riquezas e de poder. Deberiamos escoitar así, nesta clave presente e actual que afecta a tantas persoas, o que Paulo escribe nesa carta: “Coñecedes ben a xenerosidade do noso Señor Xesús Cristo: sendo rico, fíxose pobre por vós, para nos enriquecer coa súa pobreza. Non se trata de que pasedes apuros por aliviardes a outros, senón de que haxa equilibrio [...] Así haberá igualdade”.

 

Manuel Cabada Castro

 

VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/13-tempo-ordinario-b-marcos-521-43-4/


FICHAS B


Comentarios

Publicacións populares