FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO XXIX DE ORDINARIO A
FICHAS ANTERIORES:
Deus non impón tributos
(22 outubro 2023)
Se
metedes a man no moedeiro ou no peto, cun pouco de boa sorte igual atopades
algunhas moedas. Xunto ás moedas de varios céntimos, podedes se cadra atopar
algunhas moedas máis xeitosas. Por exemplo, algunha de cincuenta céntimos, que
pode ter por un lado a efixie de Cervantes. Outras poden levar a imaxe da aguia
imperial alemá. Ou pode que haxa outras coa imaxe do rei de España ou algunha
outra na que estea a face dunha raíña de Holanda.
Dende
hai séculos os países e imperios gravan nas moedas as imaxes dos persoeiros de
máis sona, sobre todo as dos seus dirixentes, democráticos ou non.
Polo que parece, cando os emisarios dos fariseos foron
onda Xesús para lle poñer, segundo acostumaban, a consabida trapela, seguramente
non levaba ningunha moeda no peto ou, polo menos, fixo como se non a levase. É
lóxico que dos poucos cartos dos que disporían conxuntamente el e mailo grupo
dos apóstolos alguén se encargase deles en nome dos demais. Sabemos, por
exemplo, concretamente que Xudas, nalgún momento polo menos, cumpriu mellor ou
peor con tal función.
En calquera caso, o protagonista da escena, que axiña se
dera conta da trapela que lle querían montar, soubo tamén (como non?) a maneira
de se comportar pola súa parte como cumpría ó iniciar a súa resposta, é dicir,
o desenleo da trapela que lle acababan de tender con estas palabras:
“Mostrádeme a moeda do tributo”.
Naquel tempo, a moeda que circulaba no país de Xudea era
a moeda dun imperio colonizador e asoballante, o de Roma. Se hoxe en día
algunha das nosas moedas teñen gravada, por exemplo, a efixie de Filipe VI,
actual rei de España, o denario que lle presentaron tería gravada por un lado a
face de Tiberio, o emperador romano, que ía acompañada destas palabras: “fillo do
divino Augusto, digno de veneración, pontífice máximo”.
A teor destas palabras da moeda, o emperador romano
aparecía perante os seus súbditos, cidadáns romanos ou colonizados (a estes
últimos pertencía Xesús e mailos seus apóstolos), como un ser sobrehumano,
divino, aureolado co poder civil e mais co relixioso.
O dilema no que Xesús se atopaba viña ser o seguinte. Se
dicía que estaba ben pagarlle o tributo ó César, ó emperador romano, entón quedaba
moi mal co seu propio pobo asoballado e, sobre todo, coa súa propia relixión
xudía, que sostiña que só a Deus se ha de adorar e render tributo. De feito, no
espazo interior do templo de Xerusalén circulaba outra moeda propia (non a romana)
para simbolizar alomenos dese xeito que a estrutura relixiosa do xudaísmo no
podía estar sometida ó poder romano. Por iso operaban alí os encargados do
cambio, xustamente aqueles que Xesús noutra ocasión quixo botar fóra do templo
derrubándolles as mesas nas que exercían tal función. Eran como modestas
entidades bancarias nas que se cambiaba o diñeiro relixioso polos denarios
romanos.
Agora ben, se nese dilema Xesús se inclinaba pola outra
alternativa, a de dicir que non era lícito pagarlle tributo ó emperador romano,
entón convertíase nun revolucionario ou activista político contra as forzas
ocupadoras, os romanos.
Non se trata propiamente de que el non quixese enfrontarse
coas forzas de ocupación (os romanos), mais a súa misión, tantas veces posta de
manifesto por el, non era política, senón moito máis fonda e universal.
A resposta de Xesús ós emisarios dos fariseos manterase seguramente
en tódolos tempos como algo que servirá de eficaz orientación para cantos a
escoiten ou lean sen prevencións. Concretamente para nós e para os que veñan
despois de nós, pois como crentes profesamos fe en Xesús e ó tempo pertencemos
a unha sociedade civil, na que rexen normas e disposicións que en principio non
teñen por que colidir coas crenzas relixiosas: “Dádelle ó Cesar o que é do César, e a Deus o que é de Deus”.
Sepárase deste xeito netamente, contra calquera tipo de
confusión, a Deus de autoridades ou instancias políticas. E se algunha vez
tivésemos que escoller entre a obediencia a Deus e a obediencia ó poder
político, entón xa sabemos por onde ha ir a nosa elección. E case poderiamos engadir
incluso que isto vale tamén cando se trata de autoridades ou mandos relixiosos.
Ningún poder civil nin relixioso pode suplantar a Deus ou aquilo que na conciencia
persoal consideramos como procedente de Deus, ó que nos sentimos obrigados a
escoitar e seguir.
Porque Deus só hai un, tal como nolo recorda o profeta
Isaías, na primeira Lectura, cando no século VI antes de Cristo puña el en boca
de Deus as palabras que el lle dirixía ó rei Ciro II de Persia: “Eu son o Señor
e non hai outro, fóra de min non hai Deus [...] Eu son o Señor e non hai
outro”.
Mais este mando ou poder de Deus non é para nos asoballar
ou converter en escravos, senón para construír fraternidade e igualdade entre
todos. Un reino –tal como adoita proclamar a liturxia- de xustiza, de amor e de
paz. E por iso tamén toda a nosa xusta dependencia do poder político ou
relixioso non ha ter outro motivo nin outra finalidade senón colaborarmos ó ben
de todos. Pois, como ben sabemos, máis alegría produce “dar” que “recibir”.
“Dar a Deus o que é de Deus” redúcese por iso en último
termo a esta outra fórmula: “dar ó próximo, ós demais, o que esperan de nós”.
Deus non precisa dos nosos dons. El teno xa todo. En cambio, os demais si que
poden precisar e precisan da nosa atención. E Deus quere que amemos os demais
como nos amamos a nós mesmos. Só así daremos de verdade a Deus o que é de Deus.
Neste sentido, como hoxe celebramos a “Xornada Mundial da
Evanxelización dos Pobos” ou “das Misións”,
é esta unha boa ocasión para lembrarmos na nosa oración e no noso compromiso
persoal tantas persoas, elas e eles, que se entregan de por vida a anunciar a
boa nova de Xesús por todo o mundo.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/29-tempo-ordinario-a-mateu-2215-21-2/
Comentarios
Publicar un comentario