FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO - DOMINGO XXVIII DE ORDINARIO C
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
Sermos agradecidos
(9 outubro 2022)
Sabemos,
polas moitas informacións que recibimos, das traxedias nas que se ven envoltas
tantas persoas que por exemplo do continente africano próximo a nós intentan
atopar en Europa unha vida máis digna cá que poden ter nos seus países de orixe,
ameazados pola pobreza e as guerras. Xente que intenta con dor fuxir dos seus
países atafegada pola necesidade e a angustia, mais que se atopan coa oposición
ou a indiferenza de diversos países europeos, que non ven con bos ollos acoller
esas persoas. Pola súa parte, o que polo menos a inmensa maioría destes
migrantes pretenden é poder seguir vivindo e dispoñer tamén de oportunidades pra
axudaren as súas familias.
Aseméllanse
eles en certa medida a aqueles impuros, gafos ou leprosos, dos que se nos fala
no Evanxeo. Nos tempos de Xesús debían vivir afastados dos lugares normais onde
vivían as persoas consideradas decentes. Era xente impura, enferma, pecadora,
pois o pecado estaba culturalmente asociado á enfermidade. De modo que ademais
de padeceren unha concreta doenza física eran considerados ritualmente impuros.
Con eles había que falar dende lonxe, a voces, tal como tamén eles o fan con
Xesús, para lle dicir: “Xesús, Mestre, ten dó de nós”. Non fose que a súa enfermidade
contaminase tamén Xesús ou algún dos seus acompañantes.
Unha
vez máis, é tamén o evanxeo de Lucas o único que nos deixa constancia deste
encontro dos gafos con Xesús no seu camiño cara a Xerusalén. Lucas, é dicir, o
evanxelista que sempre nos quere poñer diante dos ollos o Xesús liberador, o que
practica a misericordia e a bondade con todos, sexan como sexan, pensen como
pensen, falen como falen, sexa cal sexa a cor da pel do seu corpo. El fai, polo
tanto, con eles o que ten que facer como Salvador e Liberador: sandalos da súa
enfermidade, dicíndolles que vaian presentarse ós sacerdotes. Isto significaba que
antes de se presentaren ós sacerdotes ficarían libres da lepra. Pois o que os
sacerdotes facían non era máis ca certificar a curación para poderen ser admitidos
no grupo das persoas normais.
Naqueles
tempos non era tarefa doada acabar con esta forte discriminación cultural, social
e relixiosa que sufrían estas persoas. Mais os significativos xestos de Xesús con
elas foron poñendo as bases para a supresión desa inhumana discriminación. De
tódolos xeitos, nun sitio ou noutro, este tipo de discriminación segue vixente
aínda nos nosos tempos. Ós que teñen boa posición económica ou social
ábrenselles as portas, mentres que os necesitados, defraudados, endebedados, refuxiados
e xente semellante petan ás portas dos poderosos e estas portas non se lles
abren.
Sabemos
que o papa Francisco criticou duramente as repetidas traxedias e naufraxios de
persoas que buscan refuxiarse en Europa afirmando simplemente, sen paliativos e
sen utilizar unha linguaxe politicamente correcta, que iso “é unha vergonza”.
Éo sen dúbida, tendo en conta sobre todo a secular presenza (polo menos
cultural) do cristianismo nos países europeos.
De
tódolos xeitos, o acento principal do texto do evanxeo semella estar nun
aspecto complementario, aínda que non moi diferente, do anterior. Refírome á
actitude agradecida dun (dun só) dos gafos sandados da súa lepra. Porque
resulta que quen aquí é loado e bendicido por Xesús é tamén un discriminado, un
estranxeiro. Pois aquel que, ó se decatar da súa curación, deu volta antes de
chegar onda os sacerdotes era un samaritano. E un samaritano era para un xudeu un
“estranxeiro”.
Decatámonos
así como Lucas pon fortemente de relevo diante nosa que a graza de Deus, que se
nos manifesta en Xesús, está aberta, dirixida, a todos sen distinción de razas,
relixións, culturas ou calquera outra cualificación que aquí queiramos engadir.
Tódalas persoas do mundo enteiro (incluído calquera outro mundo descoñecido que
puidera aparecer no futuro, como o era no seu tempo por exemplo o continente
americano), todas elas recibiron, recibimos, dun mesmo e único Deus, o noso
ser, a nosa vida, a nosa común irmandade con Xesús.
Dado
que todos recibimos canto somos e temos deste único Deus, que se nos manifesta misericordioso
en Xesús, entón a nosa actitude principal e primeira con Deus debería ser a de
agradecemento. É o que tentamos facer nas reunións comunitarias dos domingos ó
celebrarmos conxuntamente a eucaristía, que etimoloxicamente quere dicir –como sabemos-
acción de grazas, agradecemento.
Sermos
agradecidos é sinal de madureza na vida. Ós nenos ou nenas non se lles pode
pedir tal cousa porque eles están felizmente convencidos de que todo o que
reciben dos demais é algo simplemente natural. Tanto os queren os seus pais, os
seus familiares e amigos. Pouco a pouco irán dándose conta do misteriosa que é
a vida, de que eles existen porque houbo unhas concretas persoas que quixeron que
vivisen, que medrasen, que fosen felices.
Nenos
fomos todos nalgún momento da nosa vida. E como adultos que somos agora en
idade, tentando selo igualmente tamén na fe, teriamos que amosar esta madureza agradecéndolle
a Deus ternos dado vida, a que chamamos física ou biolóxica e a que os teólogos
chaman sobrenatural, a vida da graza, a vida da nosa relación filial con Deus e
da nosa irmandade con todos.
Ó
gafo curado, o único que expresa o seu agradecemento, dille Xesús: “Vaite.
Salvoute a túa fe”. Pois ben, para que Xesús faga honor ó significado que este
nome ten de “Salvador”, tennos que dar antes esa fe sobre a que el nos di que
ela é a nos salva. Non pensemos que a fe
do gafo, loada por Xesús como causa da súa salvación, é unha fe que o mesmo
gafo tirou desde o interior de si mesmo, desde as súas propias capacidades
naturais. Non. Toda fe é un don de Deus. Igual cá curación da lepra que o gafo
acaba de experimentar. Isto quere dicir, xa que logo, que o que Xesús chama “a túa fe” é sempre e ante todo a graza da
fe que Deus mesmo pon por medio de
Xesús nos nosos corazóns.
Por
iso volvemos hoxe formular a súplica do anterior domingo. Pois só se acadamos o
que nela pedimos, poderemos comportarnos agradecidamente con Deus. É a mesma
petición que os apóstolos lle facían a Xesús: “Señor, auméntanos a fe”.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/28-tempo-ordinario-c-lucas-1711-19-3/
Comentarios
Publicar un comentario