FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO - DOMINGO XXX DE ORDINARIO C

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2


LECTIO:

Recoñecérmonos pecadores

(23 outubro 2022)

         Outra fermosa parábola de Xesús a de hoxe, unha vez máis referida por Lucas e só Lucas, o infatigábel compañeiro do apóstolo Paulo. A el lle debemos, pois, este galano que nos fai para entendermos como ha ser o noso comportamento con Deus, o noso falar con el, o noso desafogarmos o corazón con el.

         No anterior domingo expúñanos el a parábola daquela teimuda muller que acadou que o xuíz inxusto se erguese por fin do leito para lle facer xustiza, pretendendo con iso pór ante nós de relevo, como se nos dicía, “a necesidade de orar sempre, sen cansar”. Hoxe o tema é o modo como dirixirnos ó noso Pai Deus cando oramos.

         O fondo da cuestión é acadar clara conciencia de quen somos nós e de quen é e como é o noso Deus. Xesús descúbrenos a Deus, ben o sabemos, como un Deus-Pai-Nai que nos quere, que nos ten agarimo, que nos leva consigo no colo. Non hai nena ou neno que se sintan máis felices e seguros que cando o pai ou a nai os levan no colo. Esa protección amorosa crea nos fillos confianza e fai tamén medrar neles a liberdade.

         Ante este Deus-Pai-Nai, que é amor e poder infinitos, somos durante toda a nosa vida nenas e nenos pequenos. Mais isto non nos converte en temerosos, pusilánimes ou apoucados, senón ó revés. É precisamente dese modo como podemos arriscarnos ante as dificultades, loitar por espallar o ben, crear fraternidade etc. Por que? Porque ese Deus amoroso está sempre connosco. Ou mellor, porque nós estamos sempre con el, sostidos por el, guiados por el.

         Podemos así entender bastante ben por que na parábola de hoxe non se lle ten boa lei ó particular modo de proceder do fariseo. Este, efectivamente, ó se dirixir a Deus, non se comporta con el coma un fillo cun pai-nai que o quere e que o está a soster en todo intre. El (ou calquera de nós se nos comportamos ó seu xeito) só se apoia en si mesmo, nos seus presuntos méritos, na súa suposta valía, no seu fiel cumprimento ata das minucias máis pequenas da lei, na súa loada e ben vista competencia nos complicados asuntos das prescricións legais. Diriamos que o fariseo é un convencido de que el é un especialista sobre Deus, sobre canto Deus quere e ordena. Por iso ten clara conciencia de ser distinto dos demais, de ser máis ca todos eles. É xustamente por iso polo que fachendosamente, desde o interior de si mesmo, lle dá grazas a Deus dicindo: “Douche grazas porque non son coma os demais”. Pois estes, os demais, non son para el máis que borralla, o lixo do mundo. Eles non fan máis ca contaminar e deshonrar a suprema dignidade de Deus e o modo puro de proceder de xentes sabias e acrisoladamente relixiosas coma el mesmo.

         O fariseo (e calquera que se deixe atrapar por ese modo de se ver a si mesmo e os demais) está totalmente cego para ollar o interior das persoas, o corazón. Tanto para afondar no seu propio corazón coma no do humilde recadador de impostos, que case ó seu lado non fai máis ca petar no propio peito, pedíndolle a Deus compaixón polo seu mal comportamento. O contrapunto do fariseo, é dicir, o recadador de impostos non é, oficial ou publicamente, senón un pecador máis dos moitos que andan por aí adiante e ós que o presuntamente especialista en Deus, o fariseo, non se achegará máis ca para tomar renovada conciencia da súa propia grandeza  e da súa distancia e diferenza respecto deles.

         Falando de diferenzas, hai evidentemente unha gran diferenza entre eles. Só que esa diferenza está decididamente a favor do recadador de impostos. Por que? Pola mesma razón pola que a Xesús non lle vai o comportamento do fariseo. Porque o fariseo, na súa relación con Deus, non fai máis ca presentarlle, na súa deturpada oración, o seu supostamente meritorio curriculum vitae, a súa presuntamente excelente folla de servizos. En troques, o recadador de impostos non ten nada diso, mais xustamente por isto vaise apoiar no Deus que todo o sostén, no Deus do que sabe e sente que é compasivo e misericordioso.

Resulta que aí está precisamente o cerne, o núcleo, da mensaxe do texto de Lucas: que Deus está por enriba de leis, normas ou condenas; Deus é, ante todo, un Deus liberador, non condenador; un Deus que ofrece confianza, amor e compaixón, de maneira especial a aqueles que máis o precisan, é dicir, ós pobres, ós política, social ou relixiosamente marxinados. O recadador de impostos, a pesar do seu cargo ou máis ben precisamente debido a iso, era na sociedade xudía do seu  tempo, un mal visto, un marxinado tanto política como relixiosamente. Por iso as preferencias de Xesús van dirixidas cara a el e non cara ós presuntamente máis relixiosos.

Compréndese así tamén ben por que o papa Francisco non ten problema ningún en recoñecerse ante todos como “pecador”. Nunha ampla entrevista dicía el textualmente: “Eu son un pecador. Esa é a definición máis exacta. E non o digo como unha forma figurativa de falar ou como xénero literario”.

Recoñecérmonos, pois, como pecadores ante Deus e ante os demais significa colocarnos ó lado dese recadador de impostos que recibiu os parabéns de Xesús fronte ó fariseo. Porque este recoñecemento de si mesmo como “pecador” é, paradoxalmente, o sinal máis claro de que, ó dicilo e sentilo así de verdade ante Deus e ante os demais, deixamos por iso mesmo de selo. Pois ese recoñecemento conmove o corazón do noso Pai-Nai-Deus e convértenos automaticamente en xustos, en reconciliadas ou reconciliados con Deus. Así nolo dá a entender claramente a parábola de hoxe ó rematar deste xeito: “Asegúrovos que este (é dicir, o recadador de impostos) baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non”.

Ó comezo das nosas eucaristías proclamamos conxuntamente: “Eu confésome pecador diante de Deus omnipotente e tamén diante de vós meus irmáns. Pois teño pecado moito, etc...”. Á luz da parábola de hoxe, vemos ben que esa é realmente a mellor maneira de preparármonos para o noso encontro eucarístico con el, co Deus que se rebaixou a si mesmo no seu fillo Xesús, converténdoo así en amigo e irmán de pobres e pecadores.


Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/30-tempo-ordinario-c-lucas-189-14-3/







Comentarios

Publicacións populares