Domingo de Pascua de Resurrección
LECTIO:
Sermos inmortais
(12 abril 2020)
O
ano litúrxico vainos levando pouco a pouco polas diversas experiencias cristiás
da fe. Vainos poñendo en contacto co Xesús que nace coma nós, aínda que máis
pobremente, no Nadal. Preparabámonos na Coresma para sentirmos con el as súas
tentacións, as súas renuncias e a súa vida adulta de anuncio da boa nova para
todos, de maneira especial para os máis necesitados e carentes de bens deste
mundo. E nestes días pasados viviamos con dor e compaixón os padecementos e a
morte de Xesús.
Mais
sabiamos tamén que detrás deste aparente fracaso absoluto da súa vida, deste
afundirse o sol no horizonte e na noite, ía acontecer un novo rexurdimento. Un
amencer de Xesús resucitado, que en adiante non morrerá xa máis. Xesús
converteuse así nun sol radiante, que non volverá ter máis solpores. Xoán
cóntanos hoxe no evanxeo que a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, “cando aínda
era escuro”. Cousa que podemos entender tamén simbolicamente. María Magdalena,
e con ela todos nós, camiñamos ou corremos cara á Luz do Resucitado, porque a
escuridade non nos vai. Somos todos bolboretas inquedas que voamos cara á luz
na noite escura.
Non
hai cousa que máis queiramos cá luz e a vida. E isto sempre e para sempre. Deus
púxonos esta querenza no corazón e coa resurrección do seu fillo e irmán noso,
Xesús, esta nosa fonda querenza atopa o que busca. A luz e a vida aquí e no
alén da morte están así en boas mans. Porque Xesús resucitou e se converteu en
“Señor” de todo.
Este
é o significado da Resurrección. Xesús e con el a humanidade toda estamos
destinados, máis alá das nosas particulares mortes biográficas, a sermos
inmortais. Morreremos, si, pero para non volvermos experimentar xa nunca máis
angustias mortais. A nosa morte coincidirá co comezo dun novo e definitivo
vivir para sempre. Por iso, os primeiros cristiáns loaban a Deus, ó celebraren
a Resurrección, dicindo e cantando “aleluia”, como fixestes vós despois da
Primeira Lectura. E “aleluia” quere dicir: “Loado sexa Deus”.
“Loado
sexa Deus” pola súa grandeza, polos seus grandes plans sobre nós. Porque os
pequenos ou grandes padecementos da nosa vida veñen sendo en definitiva moi
pouco en comparanza co grandioso destino que nos espera.
Por
iso, dicía Pedro en relación coa resurrección de Xesús que a alegría debería
rebordar en nós: “Loado sexa Deus –así nos di el-, que pola súa gran compaixón
resucitou Xesús Cristo da morte e nos fixo renacer a unha vida nova que se nos
dá en esperanza [...] Por iso –continúa a dicir Pedro- brincades de alegría,
aínda que agora, se fai falta, teñades que sufrir, por un pouco tempo,
diferentes probas”.
A
alegría debería ser, pois, o sentimento normal e estábel na vivencia da nosa
fe. Desta nosa fe, que ten os seus alicerces no acontecemento pascual da Resurrección
do Señor. O domingo de Resurrección é o modelo do que copian tódolos domingos
do ano litúrxico. Pois “domingo” quere dicir día do “Señor”, é dicir, de quen
“domina” sobre todo. Coa súa resurrección converteuse Xesús en “Señor” de toda
a creación e dos tempos todos: pasado, presente e vindeiro.
En
Xesús, o “Señor”, ten firme alicerce a nosa confianza, pois El é o noso irmán.
Da súa Resurrección provén, pois, a nosa alegría. Como repite a liturxia
pascual: “Este é o día que fixo o Señor. Alegrémonos e relouquemos nel”. Da súa
resurrección derívase a nosa. Esta é tamén, en último termo, a razón do dito
popular de estar alegre “como unhas pascuas”...
Agora
ben, se os discípulos creron porque “viron”, a nosa crenza en Xesús resucitado
terá que basearse na nosa “fe”, non na nosa “visión”. Mais trátase dunha fe
que, pola súa parte, está baseada no testemuño dos apóstolos e da igrexa que
nace con eles. Pola nosa parte, podemos dicir tamén que, como compensación de
non termos vivido aquela forte experiencia dos discípulos de Xesús, podemos en
cambio sentir a alegría das palabras que dalgunha maneira nos dirixe Xesús a
todos nós: “Benia os que creron sen veren!”.
Cómpre,
ademais, ter presente que a alegría que sentiron os discípulos pola
resurrección de Xesús non era unha alegría intimista ou particular, que
cadaquén en certo modo gardaría para si, para o seu propio consolo. Era, polo
contrario, unha alegría comunitaria, compartida, que ía máis alá dos propios
intereses e preocupacións. Da mesma maneira que Xesús non se pechara endexamais
en si mesmo, senón que vivira sempre para os demais, facéndonos partícipes
incluso da súa resurrección, os seus discípulos non podían proceder doutra
maneira. En consecuencia, estaban abertos ós problemas e ás necesidades dos
demais. Porque a todos viña dirixida a grandiosa mensaxe de Xesús: a de sermos
todos, con el en primeiro lugar, fillos dun mesmo Pai e destinados, alén dos
límites da nosa existencia particular, a unha resurrección para sempre.
Todo
isto ten aplicación non só a nós, os que formalmente nos chamamos cristiáns,
senón á humanidade toda, porque en Xesús resucitado Deus Pai quixo e decidiu
dar vida para sempre, máis alá da morte, a todos. Os cristiáns estamos así
convocados a encher o mundo enteiro, con humildade e agradecemento, da
esperanza de vida que nos vén de Xesús.
Isto
é o que fan os apóstolos e discípulos ó teren a experiencia do Xesús
resucitado. Antes ca eles as mulleres, que foran moi cedo a visitar o sepulcro
do Señor. Volveran axiña para lles anunciar ós apóstolos a resurrección do
Señor. Algo similar realizan os diversos apóstolos e discípulos comunicándose
mutuamente as aparicións ou experiencias do Señor resucitado que van
sucesivamente ocorrendo.
A
través dos tempos e dos séculos recibimos tamén nós por medio do anuncio do
evanxeo esta grande e boa nova da resurrección de Xesús e, consecuentemente, da
resurrección que nos espera tamén a nós.
Por
iso os que recibimos esta gran nova temos que anunciala coa nosa palabra e con
nosos feitos, no noso tempo e aquí onde vivimos, a cantos ou non saben dela ou
non son capaces de crer nela quizais incluso por ser tal nova algo tan incríbel
e marabilloso. É xustamente así por ser algo que procede de Deus, que é sempre
meirande ca canto poidamos maxinar del.
Digamos, pois, todos, agora con
alegría e agradecemento: ALELUIA! Loado
sexa Deus!
TODOS:
ALELUIA! Loado sexa
Deus!
Manuel Cabada Castro
+
Comentarios
Publicar un comentario