Homilía completa do Papa durante a bendición Urbi et orbi extraordinaria
É fácil identificarnos con esta historia, o difícil é entender a actitude de Xesús. Mentres os discípulos, loxicamente, estaban alarmados e desesperados, El permanecía en popa, na parte da barca que primeiro se afunde. E, que fai? A pesares do trafego e o bulicio, durmía tranquilo, confiado no Pai, é a única vez no Evanxeo que Xesús aparece durmindo. Despois de que o espertasen e que acougase o vento e as augas, dirixiuse aos discípulos cun ton de reproche: «Por que tedes medo? Aínda non tedes fe?» (v. 40).
Tratemos de entendelo. En que consiste a falta de fe dos discípulos que se contrapón á confianza de Xesús? Eles non deiraran de crer nel; de feito, invocárono. Pero vexamos como o invocan: «Mestre, non che importa que perezamos?» (v. 38). Non che importa: pensaron que Xesús se desinteresaba deles, que non lles prestaba atención. Entre nós, nas nosas familias, o que máis doe é cando escoitamos dicir: "É que non che importo?". É unha frase que magoa e desata tormentas no corazón. Tamén sacudiría a Xesús, porque a El lle importamos máis que a ninguén. De feito, unha vez invocado, salva aos seus discípulos desconfiados.
A tempestade desenmascara a nosa vulnerabilidade e deixa ao descuberto esas falsas e superfluas seguridades coas que construíramos as nosas axendas, os nosos proxectos, rutinas e prioridades. Móstranos como deixáramos durmido e abandonado o que alimenta, sostén e dá forza á nosa vida e á nosa comunidade. A tempestade pon ao descuberto todos os intentos de encaixonar e esquecer o que nutríu a alma dos nosos pobos; todas esas tentativas de anestesiar con aparentes rutinas "salvadoras", incapaces de apelar ás nosas raíces e evocar a memoria dos nosos anciáns, privándonos así da inmunidade necesaria para facerlle fronte á adversidade.
Coa tempestade, caeu a maquillaxe deses estereotipos cos que disfrazabamos os nosos egos sempre pretenciosos de querer aparentar; e deixou ao descuberto, unha vez máis, esa (bendita) pertenza común da que non podemos nin queremos evadirnos; esa pertenza de irmáns.
«Por que tedes medo? Aínda non tedes fe?». Señor, esta tarde a túa Palabra interpélanos, diríxese a todos. No noso mundo, que Ti amas máis que nós, avanzamos rapidamente, sentíndonos fortes e capaces de todo. Codiciosos de ganancias, deixámonos absorber polo material e trastornar pola présa. Non nos detivemos ante as túas chamadas, non nos espertamos ante guerras e inxustizas do mundo, non escoitamos o berro dos pobres e do noso planeta gravemente enfermo. Continuamos imperturbables, pensando en manternos sempre sans nun mundo enfermo. Agora, mentres estamos en mares axitados, suplicámosche: "Esperta, Señor".
«Por que tedes medo? Aínda non tedes fe?». Señor, diríxesnos unha chamada, unha chamada á fe. Que non é tanto crer que Ti existes, senón ir cara a ti e confiar en ti. Nesta Coresma resoa a túa chamada urxente: "Convertídevos", «volvede a min de todo corazón» (Xl 2,12). Chámasnos a tomar este tempo de proba como un momento de elección. Non é o momento do teu xuízo, senón do noso xuízo: o tempo para elixir entre o que conta verdadeiramente e o que pasa, para separar o que é necesario do que non o é. É o tempo de restablecer o rumbo da vida cara a ti, Señor, e cara aos demais. E podemos mirar a tantos compañeiros de viaxe que son exemplares, pois, ante o medo, reaccionaron dando a propia vida. É a forza operante do Espírito derramada e plasmada en valentes e xenerosas entregas. É a vida do Espírito capaz de rescatar, valorar e mostrar como as nosas vidas están tecidas e sostidas por persoas comúns ·correntemente esquecidas" que non aparecen en portadas de diarios e de revistas, nin nas grandes pasarelas do último show pero, sen dúbida, están escribindo hoxe os acontecementos decisivos da nosa historia: médicos, enfermeiros e enfermeiras, encargados de repor os produtos nos supermercados, limpadoras, coidadoras, transportistas, forzas de seguridade, voluntarios, sacerdotes, relixiosas e tanto pero tantos outros que comprenderon que ninguén se salva só. Fronte ao sufrimento, onde se mide o verdadeiro desenvolvemento dos nosos pobos, descubrimos e experimentamos a oración sacerdotal de Xesús: «Que todos sexan un» (Xn 17,21). Canta xente cada día demostra paciencia e infunde esperanza, coidándose de non sementar pánico senón corresponsabilidade. Cantos pais, nais, avós e avoas, docentes mostran aos nosos nenos, con xestos pequenos e cotiáns, como enfrontar e transitar unha crise readaptando rutinas, levantando miradas e impulsando a oración. Cantas persoas rezan, ofrecen e interceden polo ben de todos. A oración e o servizo silencioso son nosas armas vencedoras.
«Por que tedes medo? Aínda non tedes fe?». O comezo da fe é saber que necesitamos a salvación. Non somos autosuficientes; sós afundímonos. Necesitamos ao Señor como os antigos mariñeiros as estrelas. Convidemos a Xesús á barca da nosa vida. Entreguémoslle os nosos temores, para que os venza. Do mesmo xeito que os discípulos, experimentaremos que, con El a bordo, non se naufraga. Porque esta é a forza de Deus: converter en algo bo todo o que nos sucede, incluso o malo. El trae serenidade nas nosas tormentas, porque con Deus a vida nunca morre.
O Señor interpélanos e, no medio da nosa tormenta, convídanos a espertar e a activar esa solidariedade e esperanza capaz de dar solidez, contención e sentido a tal hora onde todo parece naufragar. O Señor espértase para espertar e avivar a nosa fe pascual. Temos unha áncora: na súa Cruz fomos salvados. Temos un temón: na súa Cruz fomos rescatados. Temos unha esperanza: na súa Cruz fomos sandados e abrazados para que ninguén nin nada nos separe do seu amor redentor. No medio do illamento onde estamos a sufrir a falta dos afectos e dos encontros, experimentando a carencia de tantas cousas, escoitemos unha vez máis o anuncio que nos salva: resucitou e vive ao noso lado. O Señor interpélanos desde a súa Cruz a reencontrar a vida que nos espera, a mirar a aqueles que nos reclaman, a potenciar, recoñecer e incentivar a graza que nos habita. Non apaguemos a chama fumarenta (cf. Is 42,3), que nunca enferma, e deixemos que reavive a esperanza.
Abrazar a súa Cruz é animarse a abrazar todas as contrariedades do tempo presente, abandonando por un instante o noso afán de omnipotencia e posesión para darlle espazo á creatividade que só o Espírito é capaz de suscitar. É animarse a motivar espazos onde todos poidan sentirse convocados e permitir novas formas de hospitalidade, de fraternidade e de solidariedade. Na súa Cruz fomos salvados para hospedar a esperanza e deixar que sexa ela quen fortaleza e sosteña todas as medidas e camiños posibles que nos axuden a coidarnos e a coidar. Abrazar ao Señor para abrazar a esperanza. Esta é a forza da fe, que libera do medo e dá esperanza. «Por que tedes medo? Aínda non tedes fe?». Queridos irmáns e irmás: Desde este lugar, que narra a fe pétrea de Pedro, esta tarde me gustaráa confiarvos a todos ao Señor, a través da intercesión da Virxe, saúde do seu pobo, estrela do mar tempestuoso. Desde esta columnata que abraza a Roma e ao mundo, descenda sobre vós, como un abrazo consolador, a bendición de Deus. Señor, bendí ao mundo, dá saúde aos corpos e consola os corazóns. Pídesnos que non sintamos temor. Pero a nosa fe é débil e temos medo. Mais Ti, Señor, non nos abandones a mercé da tormenta. Repites de novo: «Non teñades medo» (Mt 28,5). E nós, xunto con Pedro, "botade sobre El todas as vosas, porque El coida de vós" (cf. 1 P 5,7).
Comentarios
Publicar un comentario