Domingo 4 de Coresma - ciclo A
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DE SAMUEL
Primeira Lectura 1 Sam 16, 1b. 6-7. 10-13a
David é unxido como rei de Israel
Naqueles días, díxolle o Señor a Samuel:
‑ Enche o corno de óleo e vaite, de parte miña, onda Iexé, o de Belén, pois escollín entre os seus fillos un rei para min.
Cando chegou a Belén, viu a Eliab e pensou:
‑ "De seguro que o Señor ten diante de si o seu unxido".
Pero o Señor díxolle a Samuel:
‑ "Non te fixes no seu aspecto, nin na súa moita estatura. Ese téñoo excluído, pois Deus non olla como os homes. Os homes ven as aparencias, pero Deus ve o corazón".
Iexé fixo pasar a sete dos seus fillos á vista de Samuel e Samuel dixo:
‑ "Ningún destes é o escollido do Señor".
Samuel preguntoulle a Iexé:
‑ "Xa non tes máis rapaces?" E el respondeulle:
‑ "Queda aínda o pequeno, que está gardando as ovellas".
Samuel díxolle:
‑ "Pois manda que o traian, xa que non nos sentaremos á mesa ata que el chegue". Iexé mandou que o fosen buscar.
Era louro, de ollos fermosos e de bo parecer.
O Señor dixo a Samuel:
‑ "Érguete e únxeo, pois é este".
Samuel colleu o corno do óleo e unxiuno diante dos seus irmáns.
Palabra do Señor
SALMO RESPONSORIAL Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
R/. (1): O Señor é o meu pastor: nada me falta.
O Señor é o meu pastor, nada me falta:
En pastos verdecentes faime repousar.
El lévame a beber en augas tranquilas
e repón as miñas forzas;
Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.
Se tiver de pasar por valgadas sombrizas,
ningún mal temería, pois ti vas comigo:
o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.
Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.
O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo
tódolos días da miña vida.
Eu habitarei na casa do Señor
por días prolongados sen fin.
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Segunda Lectura Ef 5, 8-14
Érguete de entre os mortos e hate iluminar Cristo
Irmáns:
Antes erades tebras, pero agora sodes luz no Señor. Así que andade coma fillos da luz, (porque o froito da luz é toda bondade, xustiza e verdade), tendo en conta o que agrada ao Señor.
E non compartades as obras estériles das tebras; polo contrario, evidenciádeas, que do realizado por eses tales ás agachadas dá vergonza mesmo falar.
Pero todo iso, cando o delata a luz, queda ao descuberto, pois todo o que se manifesta é luz. Por iso di a Escritura:
Acorda, ti que estás a durmir,
érguete de entre os mortos
e Cristo iluminarate.
Palabra do Señor
VERSÍCULO Xn 8, 12
Eu son a luz do mundo, di o Señor;
quen me segue, terá a luz da vida.
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Evanxeo Xn 9, 1-41 (longo)
Foise, e lavouse, e volveu vendo
Naquel tempo, ao pasar, Xesús viu a un cego de nacemento. Entón preguntáronlle os seus discípulos:
‑ Mestre, quen pecou, para que nacese cego: el ou seus pais?
Xesús respondeu:
‑ Nin pecou el nin os seus pais, senón que está cego para que se mostren nel as obras de Deus. Precisamos facer as obras do que me mandou mentres é día; está a chegar a noite e daquela ninguén pode traballar. Mentres eu estou no mundo, son a luz do mundo.
Dito isto, cuspiu na terra e fixo lama co cuspe e untouna polos ollos do cego, dicíndolle:
‑ Vaite lavar na piscina de Siloé (que quere dicir "enviado").
El foi, lavouse e volveu con vista. Entón os veciños e os que antes o viran andar a pedir preguntaban:
‑ Non é este o que estaba sentado a pedir?
Uns dicían: "éche o mesmo"; outros, "non, é un que se lle asemella"; e el dicía: "son eu".
Entón preguntábanlle:
‑ Daquela, como se che abriron os ollos?
El respondeu:
‑ O home que se chama Xesús fixo lama, untoume os ollos, e díxome: "Vai a Siloé e lávate". Entón fun e, ao que me lavei, comecei a ver.
Preguntáronlle:
‑ Onde está ese?
El contestou:
‑ Non o sei.
Levaron onda os fariseos o que fora cego. (Era sábado o día que Xesús fixera lama e lle abrira os ollos). E outra vez lle preguntaban tamén os fariseos como chegara a ver. El respondeulles:
‑ Untoume lama polos ollos, laveime e vexo.
Algúns dos fariseos dicían: "Este home non vén de Deus, que non garda o sábado". Outros, en cambio, dicían: "Como ía poder un home pecador facer estes sinais?" E había división entre eles.
Entón preguntáronlle outra vez ao cego:
‑ A ti que che parece ese home que lles deu a vista aos teus ollos?
El contestou:
‑ Que é un profeta.
Os xudeus non lle creron que fose cego e que chegase a ver, ata que chamaron polos seus pais e lles preguntaron:
‑ É este o voso fillo, o que vós dicides que naceu cego? Logo, como é que agora ve?
Os pais responderon:
‑ Nós sabemos que este é o noso fillo e que naceu cego: como é que agora ve, non o sabemos; nin sabemos tampouco quen lle deu a vista. Preguntádelle a el, que ten anos para falar en por si.
(Isto dixérono os pais, porque lles tiñan medo aos xudeus, pois xa se puxeran de acordo en que, se alguén o recoñecía como Mesías, botábano da sinagoga. Por isto dixeron seus pais: "Ten idade, preguntádelle a el").
Chamaron por segunda vez polo home que fora cego e dixéronlle:
‑ Dá gloria a Deus: nós sabemos que ese home é un pecador.
El entón respondeu:
‑ Eu non sei se é un pecador; só sei unha cousa: que eu antes era cego e que agora vexo.
Dixéronlle entón:
‑ Pero, que foi o que che fixo? Como che deu a vista?
Respondeulles:
‑ Xa volo dixen e non me fixestes caso. Por que queredes oílo outra vez? Ou é que tamén queredes facervos discípulos del?
Eles enchérono de aldraxes e dixéronlle:
‑Serás ti discípulo del; nós somos discípulos de Moisés. Nós sabemos que a Moisés lle falou Deus; deste, polo contrario, non sabemos de onde é.
O home replicoulles:
‑ Pois nisto precisamente está o admirable: en que vós non sabedes de onde é e el deulles a vista aos meus ollos. Sabemos que Deus non escoita os pecadores, pero se un é piadoso e fai a súa vontade, a ese escóitao. Endexamais se soubo de ninguén que dese vista a un cego de nacemento: se este non viñese de Deus, non podería facer nada.
Respondéronlle eles:
‑ Ti naciches todo metido en pecados, e vasnos ensinar a nós?
E botárono fóra.
Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:
‑ Cres ti no Fillo do Home?
El respondeulle:
‑ E quen é, Señor, para que crea nel?
Díxolle Xesús:
‑ Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo.
El dixo:
‑ Creo, Señor.
E prostrouse diante del.
Entón dixo Xesús:
‑ Para realizar un xuízo vin eu a este mundo: para que os que non ven, vexan; e os que ven, se volvan cegos.
Oíron isto algúns dos fariseos que estaban onda el, e preguntáronlle:
‑ E, logo, nós tamén estamos cegos?
Xesús contestoulles:
‑ Se estivésedes cegos, non teriades pecado; mais, como dicides que vedes, o voso pecado permanece.
Palabra do Señor
_____________________________________________________
Ou máis breve: 1. 6-9. 13-17. 34-38
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel tempo, ao pasar, Xesús viu a un cego de nacemento. Cuspiu na terra e fixo lama co cuspe e untouna polos ollos do cego, dicíndolle:
‑ Vaite lavar na piscina de Siloé (que quere dicir "enviado"). El foi, lavouse e volveu con vista. Entón os veciños e os que antes o viran andar a pedir preguntaban:
‑ Non é este o que estaba sentado a pedir?
Uns dicían: "éche o mesmo"; outros, "non, é un que se lle asemella"; e el dicía: "son eu".
Levaron onda os fariseos o que fora cego. (Era sábado o día que Xesús fixera lama e lle abrira os ollos). E outra vez lle preguntaban tamén os fariseos como chegara a ver. El respondeulles:
‑ Untoume lama polos ollos, laveime e vexo.
Algúns dos fariseos dicían: "Este home non vén de Deus, que non garda o sábado". Outros, en cambio, dicían: "Como ía poder un home pecador facer estes sinais?" E había división entre eles.
Entón preguntáronlle outra vez ao cego:
‑ A ti que che parece ese home que lles deu a vista aos teus ollos?
El contestou:
‑ Que é un profeta.
Respondéronlle eles:
‑ Ti naciches todo metido en pecados e vasnos ensinar a nós?
E botárono fóra.
Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:
‑ Cres ti no Fillo do Home?
El respondeulle:
‑ E quen é, Señor, para que crea nel?
Díxolle Xesús:
- Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo.
El dixo:
‑ Creo, Señor.
E prostrouse diante del.
Palabra do Señor
Comentarios
Publicar un comentario