Ficha e Lectio - Domingo 6 de Ordinario A







LECTIO:

DOMINGO VI do T. O. 
(12 febreiro 2017)

            Imos ser hoxe algo máis breves aínda ca outras veces, porque o texto do evanxeo foi xa suficientemente longo, ademais de moi rico e variado no seu contido. De modo que intentarei agora comentar convosco unicamente algunhas  ideas ou reflexións, ben simples e sinxelas, que se me ocorren.
            Pois ben, unha das funcións máis importantes dos nosos encontros comunitarios co Señor nas celebracións dos domingos é, como ben sabemos, a de “agradecer”. Agradecerlle ó Señor porque nos deu a vida; porque estamos aquí cos nosos familiares e outras persoas e familias cristiás; porque nos deu e nos segue a dar fe, esperanza e caridade; porque nos dá azos, coa forza do seu Espírito Santo, para seguirmos adiante na confesión e na práctica da nosa fe; porque nos promete unha vida con Él que endexamais rematará.
            Ó sermos deste xeito “agradecidos” co Señor, estamos ó tempo recoñecendo a súa bondade e a súa grandeza. Trátase dunha grandeza, a grandeza de Deus, que supera calquera pensamento noso sobre Él, por moi grandes e elevadas que coidemos que sexan as nosas ideas sobre Él. Hoxe en día, os que se dedican ó estudo da realidade material, os científicos que intentan afondar por así dicilo nos máis pequenos elementos da materia, é dicir, os físicos, ou aqueles que observan e estudan a inmensidade e grandiosidade do universo ou dos universos, é dicir, os astrofísicos ou astrónomos, todos eles decátanse con sorpresa de que a realidade é moito máis grande e misteriosa có que se pensaba. De que por moito que creamos saber das cousas, moitísimo maior é a nosa ignorancia.
            Agora ben, isto non debería en principio estrañarnos ou abraiarnos, se é verdade que os produtos que saen da intelixencia e do poder de calquera creador ou artista teñen que levar en si unha certa semellanza co que os ideou ou construíu. Quero dicir: se os estudosos da materia ou da natureza ademais de dedicarse á súa especialidade tivesen tempo e capacidades para reflexionar filosófica ou teoloxicamente sobre a realidade, decataríanse seguramente tamén de que se Deus é absolutamente infinito, tamén as cousas que saíron das súas mans deberían asemellarse dalgún modo ó seu autor. E que, polo tanto, as cousas, a realidade, todo, tería que ser algo dalgunha maneira “infinito”.
            Todo isto que vos estou a comentar vén a propósito do que acabamos de escoitar nas Lecturas primeira e segunda, nas que se nos fala da grandeza da “sabedoría” de Deus aínda que nun senso máis antropolóxico ca estritamente cósmico. O autor do Libro do Eclesiástico dinos por exemplo: “Grande é a sabedoría do Señor. El é potente e egrexio e todo o dexerga. Os ollos de Deus contemplan as súas criaturas e Él penetra as accións de cadaquén”. Na súa primeira carta ós Corintios, comunícalles pola súa parte Paulo ós seus destinatarios que el lles anuncia a eles a misteriosa e insondábel grandeza de Deus. “Nós predicamos –dilles o apóstolo Paulo- unha sabedoría de Deus, misteriosa”. Tan misteriosa e grandiosa que o propio Paulo non terá reparo algún en engadir: “O que o ollo non viu, o que o oído non sentiu, e o que non pasou pola mente do home: iso preparou Deus para os que o aman”.
            É dicir, o Deus e Pai noso quérenos tan de verdade e tan de corazón que nin sequera podemos maxinar o que É ten preparado para nós. Un agasallo tan grande, en correspondencia co amor que nos ten, que poderiamos dicir que nos deixará seguramente durante toda a eternidade coa boa aberta. Iso vén ser, falando de maneira moi informal, o que os teólogos chaman a “visión beatifica”, esa felicidade que Deus quere para nós e á que Él nos destinou desde sempre e para sempre.
            Iso si. Os que xa se consideran satisfeitos co que cren ser ou co que teñen non dispoñen xa posibelmente de capacidade para seren destinatarios da bondade, da “misteriosidade” e da grandeza de Deus. Ó contrario dos humildes, é dicir, dos que teñen ou temos conciencia de que non somos nada sen o poder do Deus que nos creou e que nos sostén. Xesús así o dicía en agarimoso diálogo co seu Pai Deus: “Bendito es ti, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque revelaches os misterios do Reino ós humildes”.
            Esta misteriosidade e grandeza de Deus é a razón de que Él nos quixese de tal maneira que chegase a nos converter en fillos seus e destinados en consecuencia a un futuro de felicidade que endexamais rematará. Por iso, as esixencias de Xesús, o noso irmán maior, en relación connosco están loxicamente en correspondencia con esta especial e grandiosa situación nosa: a de sermos todos fillos dun mesmo Pai, irmáns todos polo tanto entre nós e convidados a formarmos parte desa futura comunidade de igualdade e irmandade que Xesús chama o Reino dos Ceos”.
            Se esa é a verdadeira situación dos que nos chamamos cristiáns, entón Xesús ten razóns abondas para esixirnos, tal como o acabamos de escoitar, que, máis alá do “Non matarás”, nin sequera nos “enrabechemos” cos nosos “irmáns”, pois iso, o de “enrabecharnos”, non é un comportamento axeitado entre irmáns. Ou tamén para amoestarnos non só a que non cometamos adulterio exterior ou externamente comprobábel, senón tamén –tal como se nos di-  a nin sequera cometelo “no corazón”, no desexo consentido. Pois é aquí onde comeza xa a destrución da fraternidade, da boa relación entre as persoas coas que se convive.
            Á fin e o cabo todo pecado, segundo a mensaxe de Xesús, é un atentado contra a irmandade mutua entre todos e, polo tanto, contra o grandioso destino de Deus. Agradezámoslle este inmerecido e gratuíto destino ó que Él nos chama.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS:
            Presentémoslle a Deus Pai os nosos desexos e oracións en comunidade de irmáns entre nós e fillos queridos seus, dicindo: 
TODOS: Pedímoscho, Pai.
-         Polo mundo enteiro, pola humanidade toda, para que saibamos ver e agradecer a grandeza e misteriosidade de Deus: Pedímoscho, Pai.
TODOS: Pedímoscho, Pai.
-         Polo sentido de fraternidade entre todos nós e con tódalas persoas do mundo enteiro, especialmente as máis necesitadas, para que así progresemos no coñecemento e na práctica desa fraternidade: Pedímoscho, Pai.
TODOS: Pedímoscho, Pai.
-         Por tódalas persoas que se dedican ó coñecemento da realidade material e humana, para que no seu esforzo intelectual poidan descubrir e admirar a grandeza e misteriosidade de Deus: Pedímoscho, Pai.
TODOS: Pedímoscho, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.


Manuel Cabada Castro



VER MÁIS:

Comentarios

Publicacións populares