Domingo 25 de Ordinario A

DOMINGO XXV ORDINARIO  -   CICLO A



Primeira Lectura     Is 55, 6-9
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
Os meus plans non son os vosos plans
  
            Buscade o Señor mentres se deixa atopar,
invocádeo mentres está cerca.
            Que o malvado deixe o seu vieiro,
e que o home pecador (deixe) os seus plans,
que se volva  ao Señor para que teña misericordia del,
que se volva  ao noso Deus
que tanto engrandece  ao perdoar!
            Pois si, os meus plans non son os vosos plans,
nin os vosos vieiros son os meus vieiros
‑ é o Señor quen fala ‑.
            Canto máis altos son os ceos cá terra!
Así son máis altos os meus plans cós vosos plans,
e os meus vieiros cós vosos vieiros.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 144, 2-3. 8-9. 17-18
R/.  (18a):  O Señor está cerca dos que o chaman.

Hei bendicirte cada día,
hei loar o teu nome por sempre.
Grande é o Señor e digno de loanza,
a súa grandeza é insondable.

O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en misericordia.
O Señor é bo para todos,
agarimoso con todas as súas obras.

O Señor é xusto en todos os seus camiños,
e santo en todas as súas obras.
O Señor está cerca dos que o chaman,
dos que o chaman con sinceridade.



Segunda Lectura     Flp 1, 20c-24. 27a
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
 A miña vida é Cristo

            Irmáns:
            Manifestarase a grandeza de Cristo na miña persoa, tanto que eu siga vivindo como que morra.
            Porque para min a vida é Cristo; e morrer, unha ganancia.
            Ora, como vivir neste mundo me permite  traballar con proveito, non sei o que escoller. As dúas cousas tiran por min: quería morrer para estar con Cristo, pois é moitísimo mellor. Con todo, por mor de vós, cómpre que eu fique neste mundo.
            Unha cousa só: mirade de vos comportar conforme  ao Evanxeo de Cristo.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



ALELUIA    Cf. Feit 16, 14b
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Abre, Señor, o noso corazón,
para que comprendamos as palabras do teu Fillo.
Aleluia.



Evanxeo     Mt 20, 1-16a
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?
  
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos esta parábola:
            - O Reino dos Ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar xornaleiros para a súa viña. Axustou con eles o xornal dun denario e mandounos á súa viña. Saíu outra vez á media mañá e atopou outros sen traballo na praza. E díxolles:
            ‑ Ide vós tamén á miña viña, e dareivos o xusto.
            Eles foron. De novo saíu polo mediodía e pola tarde, facendo o mesmo. Pero aínda volveu saír á tardiña, e atopando outros parados na rúa, díxolles:
            ‑ Pero, que facedes aquí, todo o día sen traballar?   
            Eles responderon:
            ‑ É que ninguén nos contratou.
            El díxolles entón:
            ‑ Ide vós tamén á miña viña.
            Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña  ao administrador:
            ‑ Chama os xornaleiros e págalles o xornal: empézasme polos últimos e acabas polos primeiros.
            Chegan os da derradeira hora e dálles un denario a cada un. Cando chegaron os primeiros coidaron que lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. Ao recibilo, murmuraban contra o propietario:
            ‑ Eses, os derradeiros, traballaron unha hora só e trátalos igual ca a nós, que aturamos o peso e a caloraza do día.
            Pero el replicoulle a un deles:
            ‑ Amigo, non che fago ningunha inxustiza. Non axustamos un denario? Pois colle o teu, e vaite. E logo, se quero darlle  ao último igual ca a ti, non teño dereito a facer o que quero co que é meu? Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?
            Así, dese mesmo xeito, os últimos serán os primeiros.

       Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo





NOS CAMIÑOS DA VIDA, O CAMIÑO DE DEUS É UNHA INVITACIÓN A SUPERAR CANSAZOS E DIFICULTADES
25 domingo TOA

ESCOITA ACTIVA

Temos escoitado, tamén utilizado, moitas veces a expresión “camiños da vida”. Con ela queremos poñer de manifesto todos os nosos quefaceres, as nosas tarefas de cada día, de todos os días. Esta metáfora do camiño aplicada a vida de cada un de nós axúdanos a ir tomando conciencia que do mesmo xeito que non todos os camiños son iguais, tampouco, inda que sexa o mesmo, non todos o andan da mesma maneira. Cada un vai poñendo a súa propia historia, as súas propias forzas ou o seu propio obxectivo á hora de andalo.

Nos textos das lecturas que hoxe imos proclamar o camiño preséntasenos como un elemento que forma parte da mesma vida e das mesmas preocupacións e esperanzas que cada un de nós ten á hora de facelo. Ese camiño é un camiño de crecer en liberdade e de non deixarse levar da ilusión de querer ser coma Deus. Tampouco de querer facer un deus á nosa medida. Os criterios do Deus cristián son criterios de misericordia, solidariedade, perdón, paz... gratuidade. Podemos dicir que tamén son os nosos?

Tomemos logo conciencia de que non somos deuses, tampouco debemos ter a pretensión de querer selo, para poder deste xeito non ter medo a comezar esta andaina deixándonos acompañar pola presenza do Deus amigo que, sen confundir o seu camiño, goza de ser compañeiro do noso.


CORAZÓN MISERICORDIOSO

Para que non caiamos na ilusión de querer ser pequenos deuses que só buscan xustificar o cómodo e o fácil,SEÑOR, QUE FAGAMOS DA VIDA UN CAMIÑO DE GRATUIDADE E MISERICORDIA.
Para que non vivamos unha fe desconectada do compromiso de ser samaritanos de quen nos necesite, CRISTO QUE FAGAMOS DA VIDA UN CAMIÑO DE GRATUIDADE E MISERICORDIA.
Para que a nosa vida sexa unha tarefa sempre inacabada na busca de canto a renove e a faga vibrar chea de ilusión, SEÑOR ,QUE FAGAMOS DA VIDA UN CAMIÑO DE GRATUIDADE E MISERICORDIA.


PALABRA ENRAIZADA

•        O texto do profeta Isaías fainos unha chamada a que rompamos cunha maneira de entender e vivir a fe como se esta fose un produto que se pode comprar no mercado capitalista; no que todos/as, segundo se di, ten un prezo. Diante desta idea, que polo que parece xa non é nova, Deus fala por boca do profeta para que se rebele contra esta visión mercantilista do ser humano, que esquece que principal e basicamente somos dignidade....non cousa. De aí que afirme que este xeito de entender e actuar non entra nos plans de Deus. É máis, é imposible que se poida falar de Deus se o que queremos é facer o que nos peta, pretendendo logo buscar razóns que xustifiquen e lle dean “status” de actuar nobre e coherente ao que non é máis que puro egoísmo narcisista. Por iso os plans de Deus non son os plans de quen actúa así. Pero logo podemos preguntarnos: eses plans que só buscan a comenencia son tamén os noso plans? Se é así, teremos que preguntarnos cal é a razón que nos leva a que nos chamemos seguidores Del, cando o que facemos é todo o contrario ao seguimento ao que El nos invita. Cales son os nosos plans sobre o sentido da vida, a capacidade para non deixarnos levar do abatemento, a loita pola xustiza e a defensa radical da vida de todo ser humano, sen que nada xustifique atentar contra dela?

•        Poñendo a nosa confianza nel, tamén, como lle ocorría ao salmista, seremos capaces de percibir a súa achega; sentir a súa calor, o bafo do seu alento cheo de misericordia e xenerosidade. Camiñamos nesta disposición, ou mais ben somos dos que lle damos as costas, inda que se nos encha a boca de frases que chamamos oracións e repetimos de xeito mecánico? O Salmo 144 di: “preto está o Señor dos que o invocan”. Estar preto -entendida esta achega como disposición a dar razón da xustiza e da busca do ben común-, supón ter descuberto que Cristo o é todo para nós; de xeito que, coma Paulo, tamén nós podemos dicir que Cristo é a nosa vida. El é quen a enche de sentido, quen a transforma en verdadeira humanidade, quen a pon a dispor dos irmáns que non son nin recoñecidos nin tratados coma persoas. A fe , o seguimento de Xesús, non é un moralismo, senón un camiño de salvación; pero na medida en que o imos facendo, descubrimos a necesidade de convertelo en esixencia ética e compromiso moral, e este só pode estar na misericordia. A misericordia da que Cristo é primeira testemuña, e que nos invita a nós a ir construíndo.

•        E neste proxecto non caben nin a envexa nin o odio, senón o amor e o recoñecemento dos dons, dos valores que Deus puxo nese outro que para un crente non pode ser máis ca un irmán. A fraternidade que estamos chamados a construír desde o sinxelo da vida de cada un de nós. Cos pequenos pasos cara adiante que imos dando, e as pequenas frustracións que moitas veces nos fan sentir estancados e sen capacidade de seguir avanzando. E neste ir descubrindo novas perspectivas, tamén desde o fracaso, descubrímonos con capacidade para facer da bondade unha actitude que nos achega aos demais, e nos axuda a descubrir a Deus naqueles cos que compartimos esa bondade para facer da vida, do mundo e a da sociedade, a casa común onde non hai exclusións. Unha casa que no sobrado nos leva a descubrir os ceos novos e a terra nova á que nos chama Xesús.


FRATERNIDADE ORANTE

Poñamos a nosa vida na man de Deus dicindo xuntos:
QUE LOITEMOS NA NOSA VIDA POLA BONDADE Á QUE NOS CHAMAS

•        Señor, grazas por descubrirnos a importancia desta comunidade que todos conformamos e chamamos Igrexa. Para que desde ela esteamos sempre no mundo con actitudes de servizo e búsquea da igualdade, OREMOS.
QUE LOITEMOS NA NOSA VIDA POLA BONDADE Á QUE NOS CHAMAS
•        Señor, grazas por invitarnos a vivir a fe en comuñón coas nosas comunidades parroquiais, onde nos sentimos acollidos e agarimados para poder falar e escoitarnos uns aos outros, OREMOS.
QUE LOITEMOS NA NOSA VIDA POLA BONDADE Á QUE NOS CHAMAS
•        Señor, grazas porque non queres que a nosa vida camiñe no baleiro e na desidia, ofrecéndonos sempre oportunidades de sentir a alegría da fe cando estamos cos enfermos, axudamos aos necesitados e acompañamos aos tristes, OREMOS.
QUE LOITEMOS NA NOSA VIDA POLA BONDADE Á QUE NOS CHAMAS
•        Recén comezado un novo curso escolar, dámosche grazas, Señor, por todas as persoas que no eido do ensino tentan levar a túa mensaxe incluínte e liberadora aos nenos e mozos; para que fagan sempre este servizo con ledicia, esperanza e responsabilidade, OREMOS.
QUE LOITEMOS NA NOSA VIDA POLA BONDADE Á QUE NOS CHAMAS
Grazas, Señor, por este camiño de crecemento e liberdade que queres facer con nós, dándonos azos para non caer na tentación do abandono. P.X.N.S. Amén.


MIRADA ESPERANZADA

Na encrucillada da vida
Señor, comezo a camiñar pola miña conta
e teño que elixir un camiño e acertar con el.
O mundo ofréceme os seus camiños, fáciles, fascinantes.

Diante disto, Ti ofrécesme outro camiño,
o camiño da misericordia, da gratuidade, do amor.

Ser misericordioso/a coma ti,
aprender a compartir na gratuidade con quen non ten,
amar coa entrega e totalidade coa que amas Ti.

Un camiño que se vai enchendo de compromiso pola xustiza;
de achegas de fraternidade;
de entrega xenerosa e sincera de tempo, sorriso, ledicia ...
para con quen non o está a pasar ben.

Señor, que nunca me canse de camiñar,
e que ao longo do camiño, a quen atope,
agarimándoo nunha aperta chea de tenrura,
lle diga convencido e con verdade:
toma a miña man, irmán, para facer meu o teu sufrimento,
e compartir contigo o gozo a túa ledicia. Amén.


CANTO GOZOSO
* ENTRADA: 
Camiñarei na presenza do Señor
* LECTURAS: 
Señor Xesús
* OFERTORIO: 
* NOSO PAI: 
Co camiño do amor.....
* COMUÑÓN: 



POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares