LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 26 Tpo.Ordinario (25/09/11)

DOMINGO XXVI ORDINARIO -  CICLO A


Primeira Lectura     Ez 18, 25-28
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Cando o malvado se arrede da súa impiedade, salvará a súa vida

            Así fala o Señor:
            Comentades entre vós: "Non é xusto o proceder do Señor".
            Escoitade, Casa de Israel:
            ‑ Non é xusto o meu xeito de comportarme?
Non é máis ben o xeito de vos comportardes vosoutros o que é inxusto?
            Cando o xusto se aparta das súas obras de xustiza
e comete iniquidades e morre debido a elas,
morre debido ás iniquidades que el cometeu.
            Cando o malvado se aparta da maldade que cometeu
e practica o dereito e a xustiza,
entón el consegue a vida.
            Se cae na conta e se aparta da maldade que cometeu,
vivirá de certo, non morrerá.

            Palabra do Señor                             
            R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 24, 4bc-5. 6-7. 8-9

R/.  (6a):  Lémbrate, Señor, da túa compaixón.

Amósame, Señor, os teus camiños,
ensíname os teus sendeiros,
diríxeme na túa verdade, apréndeme,
que ti es o meu Deus salvador:
todo o día te estou a esperar.

Lémbrate, Señor, da túa compaixón e da túa misericordia,
pois existen desde sempre.
Dos erros e das culpas da miña mocidade non te lembres:
acórdate de min segundo a túa misericordia,
pola túa bondade, Señor.

O Señor é bo e recto:
por iso lles ensina o camiño aos pecadores;
El dirixe na xustiza os humildes,
e amósalles o seu camiño aos pobres.


Segunda Lectura     Flp 2, 1-11 (longa)
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Tede entre vós os mesmos sentimentos que Cristo Xesús

            Irmáns:
            Se de algo vale o alento que recibides en Cristo, se vos anima o amor mutuo, se hai comuñón no Espírito e se hai en vós sentimentos de agarimo e misericordia, facede completa a miña alegría, levándovos ben, tendo un mesmo amor, unha soa alma, unha mesma idea.
            Non fagades nada á retesía nin por fachenda. Que cadaquén pense humildemente que os outros son máis ca el.
            Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que interesa aos outros.
Tede entre vós a mesma idea de Cristo Xesús.
            El, con ser de condición divina,
non se agarrou con cobiza  ao seu ser igual a Deus;
senón que se espiu do seu rango,
e asumiu a condición de escravo,
feito en todo semellante aos homes.
Presentándose coma un home calquera, abaixouse a si mesmo,
facéndose obediente ata á morte, e á morte na cruz.
            Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome,
para que  ao nome de Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e mais no abismo,
e toda lingua proclame que Xesús Cristo é o Señor
para gloria de Deus Pai.

            Palabra do Señor                             
            R/. Grazas a Deus
_____________________________________________


Ou: 1-5 (máis breve)

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES

            Irmáns:
            Se de algo vale o alento que recibides en Cristo, se vos anima o amor mutuo, se hai comuñón no Espírito e se hai en vós sentimentos de agarimo e misericordia, facede completa a miña alegría, levándovos ben, tendo un mesmo amor, unha soa alma, unha mesma idea.
            Non fagades nada á retesía nin por fachenda. Que cadaquén pense humildemente que os outros son máis ca el.
            Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que interesa  aos outros.
            Tede entre vós a mesma idea de Cristo Xesús.

                        Palabra do Señor                                         
                        R/. Grazas a Deus




ALELUIA     Xn 10, 27
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;
e eu coñézoas, e elas séguenme.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 21, 28-32
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Arrepentido, foi. Os publicanos e as prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
            ‑ Que vos parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro, e díxolle: "Meu fillo, vai traballar hoxe na viña". El respondeu:
            "Non quero"; pero despois, arrepentido, foi.
            Foise onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu: "Vou, señor"; pero non foi.
            ‑ Quen dos dous fixo a vontade do pai?
            Respondéronlle:
            ‑ O primeiro.
            Entón díxolles Xesús:
            ‑ Asegúrovos que os recadadores e mais as prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós. Porque veu Xoán para vos ensinar o camiño da xustiza, e non lle fixestes caso; en cambio, os recadadores e mais as prostitutas, si que llo fixeron. Pero vós, aínda despois de ver aquilo, nin vos arrepentistes nin crestes.


            Palabra do Señor                                         
            R/. Loámoste, Cristo


Oración:
LOANZA AO AMENCER

Que gusto dá espertar
Coa túa luz cada día
E ir contemplando as cousas
Coas que nos enches a vida.

Que gusto verte a ti nelas
Rompendo a noite co día.

Que gusto dá espertar
E verte nas causas todas!
Que gusto mover as mans
Para que a xustiza as envolva!


Que gusto dá espertar
E cantar a túa gloria!
                               (Da Liturxia das horas)

O QUE VERDADEIRAMENTE CONTA: A EXPERIENCIA DE DEUS NO QUEFACER COTIÁN

PÓRTICO

Son bastantes as persoas que, dicíndose cristiás, terminan por instalarse comodamente na súa fe, sen que a súa vida se vexa afectada no máis mínimo pola súa relación con Deus. Cristiáns que se desdobran e cambian de personalidade segundo se axeonllen para rezar ou se entreguen ás súas ocupacións cotiás. Deus non penetra na súa vida familiar, no seu traballo, nas súas relacións sociais, nos seus proxectos e intereses. A fe é para eles un costume, un reflexo, unha medida de seguridade, unha relaxación persoal.
Porén, a Palabra que proclamamos invítanos a que, con sinceridade, nos preguntemos que significa realmente Deus no noso quefacer cotián. O que se opón moitas veces á fe non é a increnza, senón a falta de vida. Porque, que importa o credo que pronuncian os nosos beizos se falta logo na nosa vida un mínimo esforzo de seguimento de Cristo?  Que importa que un fillo lle diga a un pai que vai traballar na viña se logo en realidade non o fai?  Non será que temos reducido, a miúdo, a nosa fe a palabras, ideas ou sentimentos?.
A celebración que agora comezamos quere axudarnos, unha vez máis, a descubrir que a verdadeira fe, hoxe coma sempre, é a que viven aqueles homes e mulleres que traducen en feitos o Evanxeo. Porque.... do dito ao feito, haiche un gran treito.


O PERDÓN
·         Polo tempo deixado atrás que non soubemos aproveitar para crecer como persoas libres e tolerantes, dicímosche: LÉMBRATE, SEÑOR, DA TÚA MISERICORDIA.
·         Porque facemos o que non debemos e queremos o que non estamos dispost@s a facer, pedímosche, LÉMBRATE, CRISTO, DA TÚA MISERICORDIA.
·         Polas veces en que, baixo unha falsa fe, somos capaces de xustificar comportamentos que están lonxe do evanxeo e das persoas, dicímosche, LÉMBRATE, SEÑOR, DA TÚA MISERICORDIA.

REMUÍÑO

*     Unha das cousas que máis deteriora a vida da sociedade é que a palabra perda a súa fiabilidade. E iso é o que lle pasa á nosa sociedade actual: cremos pouco nos programas e promesas dos políticos, nas sentencias dos xuíces, na solidariedade dos empresarios ou dos banqueiros... e na profesión de fe de moitos crentes. Cremos pouco en palabras e promesas, propias e alleas. A palabra xa non é expresión de compromiso, xa non é fiable; deteriorouse, desvalorizouse. E isto non é bo para ninguén, porque é sinal de que algo importante non marcha ben. Cando a palabra perde fiabilidade, as relacións, persoais e sociais, deterióranse, e a desconfianza, o temor, o secretismo, a manipulación, as diferenzas... fan a súa aparición.



*     Na parábola dos dous fillos que vimos de proclamar no Evanxeo, o importante non son as palabras que estes din, senón a súa conduta. Non estaría de máis que tod@s nós, que formamos a Igrexa, tomaramos boa nota deste recadiño que hoxe nos manda Xesús: a fe non é algo que se posúa, senón algo que ten que vivirse. Ser crente é algo máis que recitar fórmulas de fe ou confesar a nosa simpatía pola concepción cristiá da vida.... cómpre esforzarse na práctica por chegar a ser cristiáns e cristiás verdadeir@s, e non pola boca pequena. Dito doutro xeito: a ortodoxia temos que saber conxugala coa ortopraxe. Non vale con dicir “vou”, hai que ir. Velaí o cerne da cuestión. Pero claro, que difícil é!!! Porque son demasiadas as ocasións nas que dentro da nosa Igrexa poñemos o acento na ortodoxia e esquecémonos por completo da ortopraxe. Como chamarlle senón á actitude de tantos e tantos membros da xerarquía que reducen a fe a un mero culto que proporciona uns suculentos cartiños?, como podemos pasar horas e horas diante do Santísimo (mesmo rezando o rosario) mentres non estamos dispost@s a perder o noso tempo visitando ás persoas enfermas, como temos a cara de “falar no nome de Deus” para acusar, condenar ou ferir a quen temos enfronte?, como casar unhas celebracións solemnísimas cunha frialdade e un afastamento entre nós?, como é que nos confesamos cristiáns e cristiás, mesmo de celebración e comuñón dominicais, e logo explotamos aos nosos traballadores, coméndolles a suor e a saúde?, como falamos de ser crentes e non somos responsables no noso traballo?, que sentido ten dicir que Deus é importante na nosa vida se logo non estamos dispost@s a mover nin un dedo para que isto cambie? Que ben nos vai aquilo de “xuntémonos e ide”.
*     Teñamos entón coidadiño, porque non vaia ser que aqueles que se sintan perfectos, en posesión da verdade absoluta, aqueles que se cren con máis dereitos que os demais, aqueles que xulgan e censuran.... se atopen coa sorpresa de que os pobres, os agnósticos, os ateos, as mulleres (mesmo as prostitutas) lles leven a dianteira para entrar no reino dos ceos.


ORACIÓN DA COMUNIDADE
Recemos xunt@s a este Deus que é presenza constante e consolo agarimoso na nosa vida, e digámoslle:
QUE APRENDAMOS A DESCUBRIRTE NAS COUSAS DE CADA DÍA
ö      Para que a Igrexa, en fidelidade á mensaxe de Xesús, nunca canse de acompañar a quen o necesita, escoitar a quen chama na súa porta e colaborar con quen pide axuda, Oremos.
QUE APRENDAMOS A DESCUBRIRTE NAS COUSAS DE CADA DÍA
ö      Polas nosas comunidades, para que non fomentemos unha fe individualista, intimista e desleigada da realidade de cada un e polo contrario sexamos quen de facer unha vida comunitaria rica en experiencias e vivencias compartidas. OREMOS:
QUE APRENDAMOS A DESCUBRIRTE NAS COUSAS DE CADA DÍA
ö      Por nós, para que nunca separemos a relixión da vida, o dicir do facer, o rezar do actuar, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A DESCUBRIRTE NAS COUSAS DE CADA DÍA
Grazas, Señor por volver lembrarnos que a fe non ha quedar pechada dentro das paredes do templo. P.X.N.S. Amén.



PARA A REFLEXIÓN

E disme ti, Xesús:
Non mires para min cos brazos cruzados,
co pensamento e a decisión cruzada.
Arríscate a facer ti o teu camiño
do teu Nazaré ao teu Xordán.
Arríscate a abrirte ao Pai, totalmente,
e abriráseche o ceo a ti,
e o Espírito collerate
e levarate a onde non pensas nin soñas,
e farate sentir, seguro,
que es fillo ou filla de Deus no pobo.
Anímate.
Arríscate.
Confía.
Dá o paso.
Aínda na adultez redonda,
hai camiño e hai tarefa.
Eu vou contigo.

(Manolo Regal, A graza daquel verán. P. 58/9)

Cantos

·        ENTRADA: Unha xuntanza de amor
·        LECTURAS: Con todas as criaturas
·        OFERTORIO: Grazas Señor na mañá
·        COMUÑÓN: Acharte presente na vida

Comentarios

Publicacións populares