LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 25 Tpo.Ordinario (18/09/11)


DOMINGO XXV ORDINARIO - CICLO A


Primeira Lectura     Is 55, 6-9
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
Os meus plans non son os vosos plans

            Buscade o Señor mentres se deixa atopar,
invocádeo mentres está cerca.
            Que o malvado deixe o seu vieiro,
e que o home pecador (deixe) os seus plans,
que se volva  ao Señor para que teña misericordia del,
que se volva  ao noso Deus
que tanto engrandece  ao perdoar!
            Pois si, os meus plans non son os vosos plans,
nin os vosos vieiros son os meus vieiros
‑ é o Señor quen fala ‑.
            Canto máis altos son os ceos cá terra!
Así son máis altos os meus plans cós vosos plans,
e os meus vieiros cós vosos vieiros.

            Palabra do Señor                             
            R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 144, 2-3. 8-9. 17-18

R/.  (18a):  O Señor está cerca dos que o chaman.

Hei bendicirte cada día,
hei loar o teu nome por sempre.
Grande é o Señor e digno de loanza,
a súa grandeza é insondable.

O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en misericordia.
O Señor é bo para todos,
agarimoso con todas as súas obras.

O Señor é xusto en todos os seus camiños,
e santo en todas as súas obras.
O Señor está cerca dos que o chaman,
dos que o chaman con sinceridade.


Segunda Lectura     Flp 1, 20c-24. 27a
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
A miña vida é Cristo

            Irmáns:
            Manifestarase a grandeza de Cristo na miña persoa, tanto que eu siga vivindo como que morra.
            Porque para min a vida é Cristo; e morrer, unha ganancia.
            Ora, como vivir neste mundo me permite  traballar con proveito, non sei o que escoller. As dúas cousas tiran por min: quería morrer para estar con Cristo, pois é moitísimo mellor. Sen embargo, por mor de vós, cómpre que eu fique neste mundo.
            Unha cousa só: mirade de vos comportar conforme  ao Evanxeo de Cristo.

                        Palabra do Señor                                         
                        R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Cf. Feit 16, 14b
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Abre, Señor, o noso corazón,
para que comprendamos as palabras do teu Fillo.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 20, 1-16a
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos esta parábola:
            - O Reino dos Ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar xornaleiros para a súa viña. Axustou con eles o xornal dun denario e mandounos á súa viña. Saíu outra vez á media mañá e atopou outros sen traballo na praza. E díxolles:
            ‑ Ide vós tamén á miña viña, e dareivos o xusto.
            Eles foron. De novo saíu polo mediodía e pola tarde, facendo o mesmo. Pero aínda volveu saír á tardiña, e atopando outros parados na rúa, díxolles:
            ‑ Pero, que facedes aquí, todo o día sen traballar?      
            Eles responderon:
            ‑ É que ninguén nos contratou.
            El díxolles entón:
            ‑ Ide vós tamén á miña viña.
            Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña  ao administrador:
            ‑ Chama os xornaleiros e págalles o xornal: empézasme polos últimos e acabas polos primeiros.
            Chegan os da derradeira hora e dálles un denario a cada un. Cando chegaron os primeiros coidaron que lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. Ao recibilo, murmuraban contra o propietario:
            ‑ Eses, os derradeiros, traballaron unha hora só e trátalos igual ca a nós, que aturamos o peso e a caloraza do día.
            Pero el replicoulle a un deles:
            ‑ Amigo, non che fago ningunha inxustiza. Non axustamos un denario? Pois colle o teu, e vaite. E logo, se quero darlle  ao último igual ca a ti, non teño dereito a facer o que quero co que é meu? Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?
            Así, dese mesmo xeito, os últimos serán os primeiros.

                        Palabra do Señor                                         
                        R/. Loámoste, Cristo


SAÍU O PAI CEDIÑO

Saíu o pai cediño,
na mañá primeira da historia,
buscar obreiros para a súa viña.
E atopou obreiros por todas partes.

Saíu pola media mañá da historia ...
saíu polo medio día da historia ...
saíu pala tarde e á tardiña da historia ...
e sempre atopou obreiros.

Obreiros de todas as razas e cores,
católicos e non católicos, crentes e non crentes,
homes e mulleres, mozos e vellos.
Onde menos se pensaba, á hora menos pensada,
chegaba un obreiro novo.

Á noitiña, que gozo polo traballo feito!
Como medrara a xente,
os pobos, as conciencias ... todo!

O Pai estaba contento, e foi, coma sempre,
xusto e xeneroso, abundante e espléndido.
Quen menos o pensaba viuse coa vida cheíña de apertas.
Algúns murmuraban, os que menos coñecían o Pai
a pesar de ser moi cumpridores.
Os máis, sobre todo os frouxos,
os inexpertos, os preguiceiros
pasaron a noite festexando
que o Pai fora espléndido con eles.

                M. Regal, Co Evanxeo pola man


ONDE UNS POÑEN A PURA LEI ECONÓMICA, DEUS PON CORAZÓN E SENTIMENTO, QUE FAI IR MÁIS ALÁ DO QUE É SIMPLEMENTE LEGAL
PÓRTICO
O mundo da economía vai marcando o noso tempo. Todo o traducimos a números. Todo o valoramos desde o punto de vista da rendibilidade económica. Todo ten un prezo... mesmo as persoas. E esta actitude mercantilista, máis pronto ou máis tarde, vólvese en contra nosa. Sabémolo ben, porque é o que estamos a experimentar nas nosas propias carnes coa forte crise económica que estamos a vivir e que ten a súa orixe en ter equivocado o punto de partida, cambiando as persoas pola economía.
Porén, Xesús volve lembrarnos hoxe algo que, nos tempos que corren, pode resultar, cando menos, chocante: para El o que menos importa é o valor económico das cousas. O verdadeiramente valioso é o valor humano: a nosa capacidade de tenrura, o noso esforzo, a nosa dispoñibilidade, a nosa coherencia.... a nosa capacidade de poñernos no lugar da outra persoa para compartir as súas inquedanzas, tristuras e ledicias.
Esta mañá invítasenos a deixar de lado o puro mercantilismo para camiñar con corazón e sentimento, que fai ir máis alá do que é simplemente legal.
O PERDÓN
        Por ter pensado só en min, nos meus problemas, nas miñas preocupacións, no meu beneficio..., esquecéndome de que os demais son importantes para a miña felicidade, SEÑOR, QUE VIVAMOS CON CORAZÓN QUENTE.
        Por non ter sabido valorar e descubrir que as cousas verdadeiramente valiosas son as que non teñen prezo: a amizade, a saúde, o amor.... CRISTO, QUE VIVAMOS CON CORAZÓN QUENTE.
        Porque o noso exclusivismo e o noso afán de protagonismo lévannos a crernos con dereitos adquiridos e mellores cós demais, SEÑOR, QUE VIVAMOS CON CORAZÓN QUENTE.
REMUÍÑO
        Nun tempo no que tanto escoitamos falar de recortes: no ensino, na sanidade, mesmo nos ministerios e nos concellos, debemos agradecerlle a Deus que non recorte as oportunidades que pon nas nosas mans, senón que mesmo as multiplica. Porque... menos mal que Deus non pensa e non é coma nós queremos!!!!!!!! Nós queremos un Deus xusto, que lle dea a cadaquén o seu, que lle dea máis a quen máis produce e menos a quen rende menos, que leve unha contabilidade rigorosa do que facemos para pagarnos proporcionalmente. E, como pensamos así, case tod@s, ao ler a parábola, poñémonos de parte dos que se queixan ao final, cando reciben por todo un día de traballo o mesmo que os que traballaron só un pouquiño. Teñen toda a razón!!!!!!!!: se traballaron máis, se produciron máis, se… deben recibir máis.
Que parvos e torpes somos!!!!!!!!!!!. Non temos entendido nada!!!!!!!. Non é así como se comporta o Deus de Xesús… e, se falamos en termos contables… tampouco nos convén, porque apañados andariamos se Deus nos dese só o que merecemos e nos esixira rendemento por todo canto nos dá, se Deus castigara as nosas infidelidades cun criterio de capataz de empresa, se fose recortando oportunidades!!!!!!!!!!!!
        Os primeiros protestan …e nós tamén. Porque acaso non nos consideramos con máis dereitos diante de Deus que aqueles que non pensan e non actúan coma nós?, coma un ateo ou un agnóstico vai recibir o mesmo ca nós?, como unha muller ou un simple segrar vai recibir o mesmo salario que un membro da xerarquía que consagra a súa vida a “servir” a Deus?, non estamos cheos de prexuízos cara ás persoas doutras relixións? Por que nos custa tanto entender que diante de Deus non temos mérito ningún que esixir, que non merecemos nada, que é El o que nos quere e nos chama, ofrecéndonos de balde o seu amor? Por que nos custa tanto comprender que o noso esforzo non nos autoriza a considerarnos superiores aos demais e a miralos por riba do ombreiro?
Tristemente, hai demasiados cristiáns que pensan que a relixión se reduce ao que eles lle dan a Deus. Non descubriron que a relixión consiste no que Deus fai connosco. Se non varremos do noso maxín a idea de inspectores de facenda, se esperamos a vida eterna coma unha xusta recompensa ao noso concurso de méritos, estamos pechándonos á posibilidade de asombrarnos, coma os operarios das horas tardías, diante da xenerosidade de Deus.
        Os primeiros non protestan porque a súa paga fora escasa, senón porque os igualaron cos demais. Hai tanto tempo que servimos a Deus que nos cremos dignos dunha recompensa maior á daqueles que non tiveron que pasar tantos traballos: fixemos sacrificios, aburrímonos tantas veces na Misa, privámonos de tantos praceres, fixemos tantas renuncias….que temos envexa e mesmo celos daqueles xornaleiros de última hora para os que todo foi máis doado. Tiveron sorte: gozaron da vida e a última hora cambiaron… Pensando así demostramos que non coñecemos a vida nin a verdade de Deus, porque se as coñeceramos diríamos: que sorte tivemos descubrindo tan pronto o sentido da nosa vida, que afortunados somos por sabérmonos e sentírmonos amad@s por Deus desde sempre!!!! E entón… tamén pediriamos que o Pai lles dese aos outros o mesmo denario que nos dá a nós para que compensase a tristura da longa separación. Xustiza? Si, xustiza de Deus, é dicir, xenerosidade.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Deus sigue a chamar por nós e a darnos novas oportunidades. Agradecid@s pola súa confianza, dicimos xuntos:
GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS A TRABALLAR NA TÚA VIÑA
        Pola Igrexa, para que sempre teñamos en conta que o dereito a gozar da salvación non o dá a pertenza a unha raza, relixión ou pobo, senón a fidelidade en responder á chamada de Deus, independentemente da hora da vida na que se reciba, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS A TRABALLAR NA TÚA VIÑA
        Polas nosas comunidades, para que sempre testemuñemos de palabra e obra ao Deus para quen o verdadeiramente importante é o valor humano, e que pide de nós tempo para compartir coas persoas necesitadas, enfermas e tristes, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS A TRABALLAR NA TÚA VIÑA
        Acaba de comezar un novo curso escolar e pedimos hoxe por todas as persoas que conforman o mundo do ensino, e dun xeito especial por aquelas que fan presente a túa mensaxe nel. Para que sempre traballen con ilusión, responsabilidade e coherencia, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS A TRABALLAR NA TÚA VIÑA
        Por cada un e cada unha de nós, para que nunca lle neguemos a ninguén o pan e o sal da escoita, da comprensión e do amor, que nos fan medrar coma persoas irmás, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS A TRABALLAR NA TÚA VIÑA
Grazas Señor por mostrarnos, unha vez máis, cal é o camiño que nos fai medrar coma persoas cheas de esperanza e buscadoras de felicidade. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Non fai falla que mo digas,
non fai falla que ninguén mo diga:
eu son xornaleiro, xornaleira da última hora.
Na tarefa do Reino,
na tarefa da xente pobre, pequena e diminuída,
ando tarde e rendo pouco.
Pertenzo á caste dos ociosos ou ociosas,
que falan e falan na praza
mentres caduca a sorte dos esquilmados da vida.
Un día chegaches Ti
-cantas horas xa pasaran, cantas oportunidades perdidas!-.
e ofrecíchesme o mundo como casa común e tarefa.
Pouco afeito ao traballo, fixen o que puiden;
aprendín ao teu carón o gozo da tarefa ben feita,
a humildade dos pequenos esforzos.
Grazas ao traballo de moitos e moitas,
o pan e a paz apareceron nas mesas das persoas diminuídas,
e a alegría abrollou nas leiras das persoas que non contan.
Á noitiña, rematado o traballo,
recibimos de Ti, con alegre sorpresa,
a paga do amor, que non sabe de medidas.
E volvemos contentos,
e foi grande aquel día,
pasado onda ti no traballo da vida.
E ao día seguinte, cando a luz apuntaba,
estabamos na praza,
agardando por ver se de novo chegabas.

(M. Regal “Xesús, aquel home de aldea”)

CANTOS
·         ENTRADA: Con ledicia vimos
·         LECTURAS: O pouco que Deus nos dá
·         OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas
·         COMUÑÓN: O amor é o meirande




Comentarios

Publicacións populares