LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 3 de Coresma (27/03/11)

  

DOMINGO III DE CORESMA  CICLO A
27 marzo 2011



LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Primeira Lectura     Ex 17, 3-7
Dános auga para beber (Ex 17, 2)

     Naqueles días, o pobo padecía a sede e murmuraba contra Moisés pola falta de auga:
     ‑ Por que nos sacaches de Exipto, para facernos morrer de sede, a nós, aos nosos fillos e á nosa habenza?
      Moisés clamou entón cara ao Señor:
     ‑ Que podo facer con esta xente? Acabarán por acantazarme.
     O Señor respondeulle:
     ‑ Pasa diante do pobo, toma contigo algúns dos anciáns de Israel, leva na man a caxata coa que golpeaches o Nilo e camiña. Eu presentareime diante túa, sobre a rocha, alá no Horeb. Ti golpearás a rocha, e dela sairá auga para que o pobo beba.
     Moisés fíxoo así, á vista dos anciáns de Israel.
     Chamáronlle a aquel lugar Masah e Meribah, porque os israe­litas contenderon co Señor e puxérono a proba, preguntando: "Está o Señor connosco ou non?".

Palabra do Señor                             
R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9

R/. (8): Oxalá escoitedes hoxe a voz do Señor!
            Non endurezades os vosos corazóns.

Vinde, cantémoslle ao Señor,
Aclamemos a nosa Rocha salvadora;
acheguémonos á súa presenza dándolle grazas,
aclamémolo con cancións.

Vinde, adorémolo prostrados,
axeonllémonos perante o Señor, que nos creou,
pois el é o noso Deus,
e nós somos o seu pobo, o rabaño que el guía.

Oxalá escoitedes hoxe a súa voz:
non endurezades os vosos corazóns, coma en Meribah,
coma o día de Masah, no deserto,
onde os vosos pais me tentaron:
provocáronme, por máis que tiñan visto os meus feitos.



LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Segunda Lectura     Rm 5, 1-2. 5-8
O Amor derramouse en nós polo Espírito que se nos deu

            Irmáns:
            Xustificados pola fe, estamos en paz con Deus, por medio do noso Señor Xesús Cristo. Por El temos tamén acceso na fe a esta graza na que nos mantemos; e nos sentimos ledos pola esperanza de acadar a gloria de Deus.
            E a esperanza non falla, porque o amor de Deus verteuse nos nosos corazóns mediante o Espírito Santo, que se nos deu.
            Pois xa cando nós estabamos aínda, no tempo preciso, Cristo morreu polos impíos. Non é doado que alguén morra por un home xusto (aínda que por un home bo aínda haxa alguén que estea disposto a morrer); pero Deus demostrounos o seu amor no feito de que, sendo aínda  pecadores, Cristo morreu por nós.

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO     Cf. Xn 4, 42. 15

Señor, verdadeiramente ti es o Salvador do mundo;
dáme auga viva, para que non teña máis sede.



LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Evanxeo     Xn 4, 5-42  (longo)
Manancial de auga que salta ata a vida eterna

            Naquel tempo, chegou Xesús a unha cidade da Samaria chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob a seu fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era preto das doce da mañá. Chegou unha muller da Samaria sacar auga. E Xesús díxolle:
            ‑ Dáme de beber.
            (Os seus discípulos foran á vila, mercar comida).
            Preguntoulle entón a muller samaritana:
            ‑ Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber? (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).
            Respondeulle Xesús:
            ‑ Se coñeceses o don de Deus e quen che di "dáme de beber", ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.
            Replicoulle a muller:
            ‑ Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, de onde pensas quitar esa auga viva? Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mailo seu gando?
            Xesús contestoulle:
            ‑ Todo o que bebe desta auga terá sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.
            A muller suplicou:
            ‑ Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela.
            Díxolle Xesús:
            ‑ Vai chamar polo teu marido e volve aquí.
            A muller contestou:
            ‑ Non teño marido.
            Xesús díxolle:
            ‑ Falaches ben, dicindo "non teño marido"; tiveches cinco homes e o que tes agora non é teu marido. Desta si que falaches a verdade.
            A muller respondeu:
            ‑ Señor, vexo que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar a Deus.
            Xesús díxolle:
            ‑ Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraredes o Pai. Vós adorades o que non coñecedes; nós adoramos o que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. Pero chega a hora ‑ e velaí ‑ en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.
            Respondeu a muller:
            ‑ Sei que está para vir o Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos clarexar todas as cousas.
            Díxolle Xesús:
            ‑ Son eu, o que está falando contigo.
            Nisto chegaron os seus discípulos e chamoulles a atención que falase cunha muller. Pero ningún lle preguntou: "Que pretendes?" ou "De que falas con esa?"
            Entón, deixando a muller o seu cántaro, foi á vila e díxolles aos veciños:
            ‑ Vide ver un home que me dixo todo canto eu fixen. Non será el o Mesías?
            Eles saíron da vila e viñeron onda el.
            Mentres, os seus discípulos insistíanlle:
            ‑ Rabbí, come.
            Mais el díxolles:
            ‑ Eu teño para xantar unha comida que vós non matinades.
            Dicíanse entón os discípulos, uns aos outros:
            ‑ Traeríalle alguén de comer?
            Xesús díxolles:
            ‑ A miña comida é facer a  vontade daquel que me mandou e levar ao remate a súa obra. Non dicides vós que aínda faltan catro meses para que chegue a seitura? Ben, pois mirade o que vos digo: erguede os vosos ollos e veredes que os campos están brancos para a seitura. O que sega recibe a paga e recolle froito para a vida eterna, de xeito que se alegra tanto quen sementa coma quen sega. Pois nisto é verdadeiro o dito de que un é quen sementa e outro quen recolle. Eu mandeivos recoller o que vós non traballastes: outros traballaron e vós recollestes o froito do seu traballo.
            Moitos samaritanos daquela vila creron nel, pola palabra da muller, que declaraba: "díxome todo canto eu fixen". Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que quedase con eles; e quedou alí dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo. Dicíanlle despois á muller:
            ‑ Xa non cremos polo que ti nos contaches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo.

Palabra do Señor                             
R/. Loámoste, Cristo


_______________________________________________________________

Ou máis breve

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Xn  5-15. 19b-26. 39a. 40-42

            Naquel tempo, chegou Xesús a unha cidade da Samaria chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob a seu fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era preto das doce da mañá. Chegou unha muller da Samaria sacar auga. E Xesús díxolle:
            ‑ Dáme de beber.
            (Os seus discípulos foran á vila, mercar comida).
            Preguntoulle entón a muller samaritana:
            ‑ Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber?
            (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).
            Respondeulle Xesús:
            ‑ Se coñeceses o don de Deus e quen che di "dáme de beber", ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.
            Replicoulle a muller:
            ‑ Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, de onde pensas quitar esa auga viva? Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mailo seu gando?
            Xesús contestoulle:
            ‑ Todo o que bebe desta auga terá sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.
            A muller suplicou:
            ‑ Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela.
Vexo, Señor, que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar a Deus.
            Xesús díxolle:
            ‑ Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraredes o Pai. Vós adorades o que non coñecedes; nós adoramos o que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. Pero chega a hora ‑ e velaí ‑ en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.
            Respondeu a muller:
            ‑ Sei que está para vir o Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos clarexar todas as cousas.
            Díxolle Xesús:
            ‑ Son eu, o que está falando contigo.
            Moitos samaritanos daquela vila creron nel. Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que quedase con eles; e quedou alí dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo. Dicíanlle despois á muller:
            ‑ Xa non cremos polo que ti nos contaches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo.

Palabra do Señor                                         
R/. Loámoste, Cristo


ORACIÓNS

XESÚS, QUERO VERME CONTIGO

Xesús,
como fixeches coa samaritana aquela
faralo comigo tamén.

Quero verme contigo,
quero falar vagariño contigo,
quero contarche eu a miña vida toda,
sen deixar que nada pouse e podreza
no fondo do meu corazón

Quero que a túa luz
ilumine as tebras da miña vida,
sen cegarme nin destruírme;
quero que a túa esperanza
reanime os meus pés cansos;
quero que a túa auga viva
mate e cure para sempre a miña sede interminable.

Xesús,
entrarás ata o máis fondo do meu ser,
alí onde ti e soamente ti
sabes e podes entrar,
porque es o máis grande en humanidade,
o único que coñeces a fondo o meu corazón.
Descubrirás a miña verdade                                                                                                                                                                 e farasma ver.                                                                                                                                                                            Descubrirás o meu pecado                                                                                                                                                                e farasmo recoñecer.
Descubrirás o meu camiño
e farasmo emprender.

Xesús,
recuperado por ti,
serei contigo obreiro
na tarefa diaria da obra do Pai;
xuntos andaremos humildemente
na presenza de Deus,
practicando a xustiza,
e amando con tenrura e fidelidade.

Xesús,
quero verme contigo.

                M. Regal: “Co Evanxeo pola man”


SEÑOR, QUE ATOPEMOS SEMPRE

Señor,
que atopemos sempre
quen nos apague
a sede do corpo.
Que atopemos sempre
quen nos apague
a sede da alma,
a sede da vida.

Señor,
que podamos ter
ao pé da nosa casiña un pozo,
onde sacar auga diariamente
e apagar a sede
cando o camiño da vida
nos reseque.

Señor,
se é fondo o pozo
onde manan as augas verdadeiras,
que non nos falte nin corda
nin caldeiro para bater con elas
e subilas.

Señor,
sé ti para nós auga e pozo,
corda firme e caldeiro.

Señor,
dános as túas augas sempre,
danos a túas augas
cando se esgoten as nosas
ou xa non sexan quen
para devolvernos
a frescura.


UNHA ORACIÓN POR XAPÓN

Polos que se foron e por que quedaron e sofren.

Señor, quero dicirche GRAZAS,
porque hoxe me espertei e sabía
onde estaban os meus seres queridos.

Porque esta mañá a miña casa estaba en pé,
porque esta mañá non estou a chorar os meus fillos,
o meu esposo, os meus pais, o meu irmán ou irmá
que necesitan ser rescatados debaixo dunha pila de cascallos,
porque esta mañá puiden tomar un vaso de auga,
porque esta mañá non estou a planificar un funeral,
e antes de nada agradézoche, Señor,
que aínda estou vivo e teño voz
para rezar pola xente de XAPON. 

Señor, rógoche a ti, o único que fai posible o imposible,
o único que transforma a escuridade en luz,
rógoche que lles deas forza a esas nais,
que lles deas a paz que supera calquera entendemento,
que abras as rúas para que a axuda chegue,
que proveas doutores, enfermeiras, comida, auga
e todo o que eles necesiten nun dicir amén.

Para os que perderon ás súas familias, dálles paz,
esperanza e coraxe para seguir adiante.
Protexe aos nenos co teu poder.
Rógocho no nome de Xesús !!!



A XUSTIZA DE CRISTO ÁBRENOS CADA DIA
O CAMIÑO DA SALVACIÓN E DA FRATERNIDADE


SIGNO SINXELO E EXPRESIVO
Colocamos a terceira póla na nosa árbore da Coresma. Lembramos as frases escollidas polo noso equipo:
1) NON SÓ DE PAN VIVE O HOME
2) ERGUÉDEVOS, NON TEÑADES MEDO!
3) SEÑOR, DÁME LOGO DESA AUGA PARA NON TER SEDE
4) SÓ SEI UNHA COUSA: QUE EU ANTES ERA CEGO E QUE AGORA VEXO
5) EU SON A RESURRECCIÓN E A VIDA. QUEN CRE EN MIN, AÍNDA QUE MORRA, VIVIRÁ.
-------------------------------------------------------------------------------------------------
PÓRTICO
É difícil asomarse á vida de cada día sen percibir como medra entre nós a sensación de desencanto. Imos tomando conciencia e mesmo sufrindo en propia carne unha crise económica cuxa solución parece cada vez máis complicada. Medra o medo social, a necesidade de defenderse, a impotencia.... Parece coma se estivésemos tocando fondo.... E diante desta situación, coma voitres atraídos polos restos, aparecen os profetas de calamidades, esas persoas agoireiras que falan de castigo de Deus, de xustiza divina, de .... ao tempo que non moven un dedo para que a situación cambie.
Porén, hai un xeito de ler esta realidade con outros ollos, que nos axuden a ver este momento coma un momento privilexiado, porque espertamos do soño de depositar a seguridade e a confianza na sociedade de produción e consumo. Tal vez este tempo de desencanto sexa un momento preñado de posibilidades e de futuro, porque pode ser punto de arranque para unha busca máis axeitada da salvación: un momento que nos permita experimentar a verdade das palabras que hoxe escoitaremos: “Quen bebe desta auga que eu lle dou, nunca volverá ter sede”.
O PERDÓN
ö       Porque seguimos mirando por enriba do ombreiro e considerando de segunda o papel das mulleres, o seu traballo, a súa opinión, SEÑOR, DANOS DA AUGA DA IGUALDADE.
ö       Porque se non coincide co noso acento, coa nosa fala, coa nosa cultura, coa nosa clase social ou coa nosa relixión, consideramos á outra persoa coma unha descoñecida ou inimiga, CRISTO, DANOS DA AUGA DA IGUALDADE.
ö      Porque preferimos acaparar opinións, vontades e compromisos a favor do que é noso e non en ben de todos. SEÑOR, DANOS DA AUGA DA IGUALDADE.
REMUÍÑO
v      A nós pásanos moitas veces, non sempre coido, o que lles pasaba aos israelitas no deserto: non acabamos de entender que ou nos fiamos de verdade e enteiramente de Deus ou a vida acaba por non ter sentido, por non saber elixir o camiño que nos conforta e reconforta en canto facemos para nós, os demais e o mundo. Si, o mundo, porque moitas das veces, ou case que sempre, non somos conscientes de que as nosas covardías ou as nosas arroutadas non inflúen soamente en nós e nos que están na nosa contorna, senón que van moito máis alá, acabando por facer da sociedade un ámbito de insensibilidade, desapego, despreocupación por conservar canto temos recibido e así poder legarllo aos que veñen detrás... E ao non entender isto pasamos máis de media vida laiándonos de todo e todos, como se a culpa fora dos outros, e nós simples vítimas do quefacer dos demais. Porén, as palabras que Deus vai deixando ao longo do tempo a través da fala e o comportamento dos que no seu nome falan, móstrannos que acollelo supón seguir o seu camiño, esforzarse por vivilo con alegría e paz, traballar para que o amor solidario e xusto agrome en nós, nos demais e no mundo. Este tempo de coresma sempre é un bo momento para que revisemos, para que nos preguntemos e decidamos deixar atrás dúbidas e desconfianzas e comezar a dar froitos no tempo de pascua. Non perdamos tempo, non sexa que logo sexa tarde.
v       
v      E como ben di Paulo, este camiño que nós temos elixido vainos dando paz, ledicia, esperanza… desde as que ir afrontando todo o desgaste que supoñen os avatares da vida. A fe ofrécenos a esperanza que, se ben non nos saca os problemas, si que nos axuda a velos doutro xeito. Non para ser sufridores permanentes e submisos, senón para loitar con novos folgos contra canto vai entorpecendo que poidamos ser felices e axudar a que os demais tamén o sexan. É dicir, a fe axúdanos a loitar contra a tentación do desalento e da comodidade. Estariamos moi ben e moi cómodos metidos no noso mundo e nas nosas cousas, tantas veces temos cedido a iso!, pero non é o que quere Xesús. Polo que non nos queda máis remedio que apurar e comezar a tirar do carro.El demostrounos que amar é posible, mesmo esixe sacrificio, esforzo, renuncias… pero deixa a mellor das gratificacións: o sorriso naquel@s que se senten amad@s.
v       
v      Coma a samaritana, tamén hoxe Xesús se fai o encontradizo con nós e pídenos de beber. Pero non é a auga nin dos nosos mananciais nin das nosas traídas, senón a auga que cambia, limpa, transforma, renova, alenta… a nosa vida, a auga da súa palabra, da súa mensaxe, anunciada a invitada a ser vivida por cada un/ha de nós. A auga que fomos bebendo desde o día do noso bautismo: no testemuño dos noso pais e familiares, na catequese coa palabra dos catequistas e o descubrimento da persoa de Xesús a través deles, cos valores que día a día nos invitan a ser persoas de paz, libres e liberadoras, honestas, xustas, solidarias… e que imos descubrindo desde as páxinas do Evanxeo e o testemuño de tantos homes e mulleres ao longo da historia que van deixando pegada en nós. A auga que calma as nosas sedes de vinganza, odio, alporizamento, xenreira… que tanta sede nos producen e que moito dano nos fan. Agradezamos ao Señor a súa auga, e bebamos dela ata fartar a nosa sede, para que, deste xeito poidamos tamén nós dar de beber a cantos atopemos sedentos do que lle impide quererse e querer aos demais. Só saciando a nosa sede, poderemos compartir a auga do Señor.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, bebemos da auga que ti nos das e somos capaces de renovar as nosas forzas, agradecidos dicímosche:
SEÑOR, QUE SEMPRE BEBAMOS DA TÚA FONTE
v     Pola Igrexa, que formamos todos e todas nós, para que no noso camiño esteamos sempre ben atentos para poder ofrecer a auga da comprensión, da escoita, da voz, do agarimo... a todas as persoas que, sentíndose cansas polo peso da súa carga, non poden seguir adiante, porque non teñen forza, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEMPRE BEBAMOS DA TÚA FONTE
v     Polas nosas comunidades, para que nos deixemos de parvadas do tipo: este non é do noso barrio, aquel é moi raro, esoutro non pensa coma nós... e sexamos capaces de vivir esta Coresma como verdadeira conversión, deixándonos enchoupar pola misericordia dun Deus que é incluínte e nunca excluínte, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEMPRE BEBAMOS DA TÚA FONTE
v     Por tod@s nós, para que tomemos en serio o noso ser cristiáns e sexamos capaces de unir fe e vida, deixándonos enchoupar desa auga que dá Xesús e que pode saciar tantas pequenas sedes que nos levan á desesperación e ao abandono, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEMPRE BEBAMOS DA TÚA FONTE
Unímonos a Ti, Señor, para sentir a túa forza e o teu alento, dispostos sempre a escoitar a túa voz e a beber da túa auga. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
- Dáme de beber.
- Señor, tan sedento estás
  que non te decatas de quen son?
- Dáme de beber
- Estás de broma, Señor?.
- Dáme de beber
- Que esquemas me queres romper?
- Non me preguntes. Ti, dáme de beber.
- O que me faltaba escoitar de Ti!.
- Dáme de beber
- Eu non teño auga, senón que teño sede.
- Dáme, pois, a túa sede
- Negaríaste a soñar e a camiñar outra vez.
- Dáme a túa sede
- Ninguén me calmou.
  E ti non es quen de facelo
- Dáme a túa sede... e verás!
- Secaron as miñas entrañas,
  eu non son fácil de convencer
- Vamos!. Dáme a túa sede
- Non sei que pretendes facer
- Non te resistas, dáme a túa sede....
  Quero mirarte correr, e vivir, e suar, e rir...
  Só quero que sexas feliz.


Cantos
o      ENTRADA: Camiñando pola vida
o      LECTURAS: Oxalá escoitedes hoxe a súa voz
o      OFERTORIO: A auga do Señor
o      COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos



Comentarios

Publicacións populares