Domingo 19º do Tpo. Ordinario - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
O Deus da paz e o demo
do medo-Domingo XIX T.O-9 agosto
2026
O texto do evanxeo continúa o do domingo pasado, que versaba
sobre o relato da multiplicación dopan e dos peixes. Terra e mar estaban alí
presentes. Coma quen di, a Galiza do interior (a que sementa cereais) -a dos
nosos labregos- e a dos mariñeiros, os que converten arados da terra en lanchas
que saben labrar tamén ó seu xeito nas augas do mar. Pan e peixes; barcos
pesqueiros e tractores como instrumentos de mariñeiros e labregos.
Dato importante. Xesús dá primeiro de comer á xente.
Aténdeos persoalmente con xenerosidade e despídeos despois con agarimo. Ós
discípulos, mentres tanto, ordénalles que se vaianá outra banda do mar. Só
despois encamiñarase o seu Mestre ó monte para falar cando anoiteza co seu Pai
a soas. Por moito que Xesús estivera xa sempre, no seu traballo e no seu trato
coa xente, en presenza do Pai, practicando -como modelo tamén para futuros
monxes- aquilo de “ora etlabora”, “reza e traballa”.Toda a vida e a mensaxe de
Xesús son resultado dese seu trato íntimo, amoroso e confiadocon quen era o seu
Pai. Pois seu Pai era pai para el dun xeito especial, único.De maneira distinta
a como somos tamén nós, e grazas a el, fillas e fillos de Deus. El era o seu
Fillo único, divino, da mesma natureza co seu Pai Deus, portador xa que logo dos
mesmos atributos ca Deus. “O meu Pai e o voso Pai”: así se expresaba el. Deus
Pai era e é pai de Xesús e tamén noso, de maneira distinta, aínda que
verdadeira en ámbolos dous casos.
Os apóstolos aprendían pouco a pouco a ver o seu mestre así.
Elpon os seus ollos de maneira especial en Pedro. Pois vai ser el quen se poñerá
ó temón da igrexa que Xesús botará a vogar e terá que aprender a ter plena
confianza nel. Pois ben, Xesús é posuidor dun poder igual ao do Pai, fronte a
calquera posible ameaza. O mar é dende sempre símbolo e paradigma dos medos,
dos abismos perigosos, do descoñecido que ameaza, dos monstros, das tebras que
non deixan entrar luz e a claridade nas súas augas.
A nosa vida non é sempre un pasear nun xardín de rosas.
Dende que empezamos a respirar os airiños deste mundo ata que o deixemos de
facer, a nosa vida pasa por angustias, pequenos ou grandes fracasos, proxectos
que non chegan ó fin desexado etc. Mais velaí que Xesús, nome que por algo significa
“Salvador”, vén na nosa axuda para darnos confianza en canto fagamos. Aí estará
El sempre para botarnos unha man, tal e como fixo con Pedro.Como cristiáns
temos que ter nel esta confianza, pois el é todo poder e amor, por máis que
exerza ese poder de modos aparentemente inesperados e insospeitados. E traballa
a longo prazo. Cando non o fai a curto.
Xesús non é, pois, nunca unha pantasma. Como podería selo a
Santa Compaña das nosas tradicións. Nin Deus nin o seu Fillo Xesús están aí
para nos asustar, angustiar ou aterrar. Todo o contrario. Por máis que non lle
dea a Pedro razóns concretas para el non ter medo a andar sobre as augas.
Simplemente fai referencia a si mesmo, presentándose como o que verdadeiramente
é: aquel que ten todo o poder e mais todo o amor para os poñer á nosa disposición.
Dilles,pois, ós discípulos e aotemeroso Pedro: “Tranquilos, que son eu”. Un
“son eu” no que resoa claramente o “Eu son Iavé” ou o “Eu son o que son” do Deus
do Antigo Testamento.
É significativo tamén, polo demais, que neste domingo, se
nos fale na primeira Lectura (a do Antigo Testamento) do marabilloso encontro
de Elías no monte co seu Deus. Tamén aquí Elías aprende a ver a Deus como relacionado
non co “rexo furacán”, co “tremor da terra” ou co “gran lume”. Uns fenómenos
que se poderíanrelacionar coas ondas que proviñan do forte vento do mar sacudindo
a pequena barca dos discípulos de Xesús.Sobre tales fenómenos dísenos no libro
dos Reis que neles, é dicir, no furacán, no tremor de terra ou no gran lume,
”non estaba o Señor”. En troques, si estaba o Señor naquel case imperceptíbel
“murmurio dunha airexa”, semellante á suave brisa ó anoitecer que nos pode vir
do mar despois do solpor dun verán.
Deus é, pois, sempre pacífico. E dicir, facedor e promotor
de paz. Non quere asustarnos ou angustiarnos cos acontecementos que ocorran nas
nosas vidas. Pois el é sempre meirande en poder e en amor que calquera ameaza
ou desgraza. Pola miña parte teño presente nasmiñas lembranzas aquilo que lle
oín hai xa moitos anos (era eu un mozo daquela) a un excelente director
espiritual: “Todo o que angustia –dicíame el- vén do demo”. A verdade é que sempre
me fixeron moito ben estas palabras. O que o mestre espiritual me quería dicir
éque Deus non está aí para angustiarnos ou meternos medo. El só está aí para nos
dar confianza e ánimo: “Tranquilos, que son eu”.
O mundo, tamén nos nosos tempos, precisa de persoas que lles
dean bo ánimo e “tranquilidade” acantos estean con medos, dúbidas ou con pouca
esperanza. Digámoslles, pois, a todos coas nosas palabras e co noso
comportamento: Tranquilos, que Xesús segue a ser tamén hoxe salvador e dador de
paz, de tranquilidade e de alegría.
Manuel Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos
novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos
(2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).
https://www.gruposdejesus.com/19-tempo-ordinario-a-mateu-1422-33-3/
https://remoldapalabra.blogspot.com/2026/08/19-domingo-to-2026.html
FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4


Comentarios
Publicar un comentario