Domingo 5 do Tpo. Ordinario - ciclo A

    Oracional Galego en Spotify 

+ Enlace orixinal Oracional iVoox



LECTIO:

Homilía Domingo V Ordinario

8.II.2026

            As limpas palabras coma auga clara de montaña do profeta Isaías son aducidas con frecuencia por teólogos e biblistas para pór de relevo a importancia que xa no Antigo Testamento tiña a práctica da caridade, do amor ós pobres e necesitados. Pola nosa parte non podemos renunciar a facérmonos eco do dito polo profeta: “Reparte o teu pan co famento e acolle na túa casa os pobres... Viste o espido e non te agaches da túa propia carne. Entón resplandecerá a túa luz coma a alba... Entón chamarás o Señor... e dirache: Aquí estou... Entón a túa luz brillará na escuridade e a túa tebra será coma o mediodía”. Xa viamos en eucaristías anteriores como Xesús Cristo, o Fillo de Deus no que Deus Pai se manifesta ó mundo, dicía de si mesmo: “Eu son a luz do mundo”. El é aquel que, coma a luz, ilumina, orienta e ofrece sentido a toda a realidade, incluídos nós. Sabemos tamén que Paulo na súa carta ós Efesios (5, 8-9) lles dicía a estes seren eles “luz no Señor”, “fillos da luz”. Ó el dicir isto, faise eco evidentemente do evanxeo de hoxe. “Vós –dilles Xesús ós seus oíntes- sodes a luz do mundo”. Ser luz non é só, xa que logo, función súa; tamén nóssomos “luz do mundo”. E a luz ten que se deixar ver e sentir, porque se se agacha deixa de ser tal.

            Mais o símil da “luz”está acompañado por outro que o completa e perfila: “Vós sodes o sal da terra”. O sal continúa a ser elementoimportante para a conservación e degustación de non poucos alimentos, mais en tempos de Xesús érao en moita maior medida ca hoxe. Como ben sabedes, a palabra “salario” provén deste humilde e importante elemento que nos ofrece a natureza. Ademais, o sal, aínda que non ilumina, conserva e está, coma a luz, ó servizo da vida. De modo que asícomo a luz non debería facer desleixo da súa función iluminadora, tampouco o sal: se o sal se volve insulso, insípido, deixa entón de salgar e pérdese.Por iso o símil do sal pode servirnos para unha mellor comprensión do símil da luz, aplicado por Xesús non só a si mesmo, senón tamén a nós: “Eu son a luz do mundo”, “Vós sodes a luz do mundo”. É unha luz que non só aluma, senón que tamén quenta e dá calor. Por iso adoitamos, sobre todo no inverno, aproveitar as curtas raxeiras que nos ofrece o vello astro rei para quentarnos. Por isoen galego “lume” significa tanto “luz” coma “fogo”. Ámbolos dous aluman e quentan.

            Isaías semella darlle más importancia ao quentar da luz. Para el quen dá calor, convértese tamén de feito en luz orientadora. E sabemos ben que non son as frías, descarnadas e abstractas teorías as que moven o mundo, senón as que van acompañadas polo compromiso e as boas obras de quen as anuncia ou propón. Neste senso ébensorprendente o feito de que Isaías faga depender ser “luz” iluminadora de ser antes boas persoas, é dicir, xente que practica a xustiza, a bondade e a misericordia cos demais. Lembrade, se non, a primeira Lectura. Isaías coloca en primeiro lugar o “repartir o pan co famento”, o “acoller na casa os pobres”, o “vestir o espido” para dicir despois, a modo de consecuencia: “Entón resplandecerá a túa luz coma a alba”. E de xeito máis decidido e concreto cara ó final da mesma Lectura: “Se apartas do medio de ti o xugo (é dicir, a opresión e o asoballamento)..., se lle quitas ó famento a gana que ti sentes, e fartas a gorxa aflixida, entón a túa luz brillará na escuridade e a túa tebra será coma o mediodía”.

            En consecuencia, se realmente queremos ser “luz” para os demais, é dicir, ser persoas capaces de anunciar ós demais a palabra de Deus, entón temos que ser previamente e ó tempo activos practicantes do amor, da caridade e da bondade. De non sermos así, non chegaremos a ser luz para os demais. Isaías indicará incluso que esa luz (que se acende nas persoas que practican o ben cos demais) se converterá en certo modo en palabra que interpela a Deus mesmo, en palabra á que El responde e á que El corresponde: “Entón –comenta Isaías- clamarás o Señor e responderache, pediraslle axuda e dirache: Aquí estou”.


Manuel Cabada Castro

 

 

 

[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos) - As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia]


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/5-tempo-ordinario-a-mateu-513-16-3/

https://remoldapalabra.blogspot.com/2026/02/5-domingo-to-2026-mans-unidas.html






 

Comentarios

Publicacións populares