DOMINGO XXV DO TPO. ORDINARIO C
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
DOMINGO XXV T. O.
21 setembro 2025
Ante
o anaco do texto de Lucas que fai referencia ó diñeiro cómpre indicar dende o
principio que nos atopamos unha vez máis cun tema moi central nel: o dos
pobres, o da preocupación de Xesús por estar entre os pobres e necesitados,
compartindo con eles amizade e proximidade. Por que e para que se comportaba
así Xesús? Simplemente, para que os pobres se tornasen conscientes da súa
dignidade, secularmente negada polos de arriba, é dicir, por cantos tenden a considerarse
a si mesmos máis dignos ca eles simplemente por teren unha mellor posición
social ou económica. Tamén para que os pobres e necesitados do mundo
saiban do especial amor que o Deus Pai
de todos lles ten a eles. Unha dignidade, a de seren fillos de Deus, que os
convida a viviren con alegría a súa vida. Poden saber así que son queridos polo
Deus que non fai diferenzas entre os seus fillos. E se houbese diferenzas no
seu comportamentoserían sempre a prol daqueles fillos máis desfavorecidos ou
máis discriminados polos demais. Pois non deixan eles, pese a todo, de seren os
que máis se lle parecen ó seu fillo “preferido” e “benquerido”.
A
parábola de hoxe é tamén exclusiva de Lucas. Nos outros redactores dos evanxeos
non aparece, por máis que eles non deixen por iso de estaren na liña de Lucas.
Este é, en calquera caso, moi decidido na cuestión da función que deberían ter
oshaberes materiais na vida dun seguidor de Xesús. Por suposto, a parábola
resulta moi actual e doada de entender se temos presente o que se nos di nos
medios de comunicación sobre a corrupción política, económica etc. Fálasenosna
parábola do comportamento corrupto dun administrador de bens alleos queos utiliza
fraudulentamente en proveito propio enganando con iso o seu dono. Mais ao el se
ver descuberto, manobra arteiramente para poder contar con amigos que o axuden
e apoien cando se atope no paro. Pois el non está afeito a traballar, senón
unicamente a manipular e a aproveitarse dos bens dos demais.
Está
claro que o que aquí se loa non é o comportamento fraudulento do administrador
infiel, senón a súa habilidade para conseguir amigos. Isto último é importante.
Un bo seguidor de Xesús non pode pecharse en si mesmo ou quererse só a si
mesmo. Polo menos co mesmo ardor co que un se ama a si mesmo (e ninguén pode en
realidade deixar de facelo) hai que amar tamén os demais. O mandamento de “amar
ó próximo coma a un mesmo” era xa en
realidade un mandamento importante no Antigo Testamento. De modo que un nin
pode nin debe nunca odiarse a si mesmo.
Pois
ben, da mesma maneira que un é necesariamente moi amigo de si mesmo, ten que selo
tamén cos demais. Hai que exercer de amigo e de irmán con calquera co que nos
atopemos na vida. Dándonos a eles e dándolles tamén o máis que poidamos daquilo
que teñamos e el precise. Pois non está ben entre irmáns que a uns lles sobren bens
e posesións e a outros lles falte. As escandalosas desigualdades sociais e
económicas non son cousa de Deus, senón nosa, ao comportármonos inxustamente
cos demais sendo eles en realidade irmáns nosos. Enténdese así ben a conclusión
que tira Xesús da súa parábola do administrador infiel: “Facede amigos coas
riquezas inxustas”.Porque toda riqueza é inxusta cando é resultado dunha
inxusta opresión sobre aqueles dos que inxustamente nos aproveitamos. Como
seguidores de Xesús temos que saber (e sobre todo practicar) que un cristián
non pode ser nunca escravo dos seus bens materiais. Tal e como se nos di no
texto de Lucas: “Non podedes servir a Deus e mailo diñeiro”.
Todo
isto aféctanos a todos. A Igrexa mesma como institución e organización
necesitaría tomar máis en serio as palabras de Xesús. Lembraredes quizais o que
dixo nalgún momento o anterior papa Francisco: “Cómo me gustaría unha Igrexa
pobre e para os pobres!”. Frase que eu polo menos sei que a algunhas persoas
ben situadas ou acomodadas non lles gustou moito cando o papa as dixo. Non
pensemos, por outra parte, que este modo cristián de comportármonos vaia
entorpecer ou danar a nosa vida. Todo o contrario. Gañaremos con iso en
felicidade e en persoas que pola súa parte nos devolven ou ofrecen o que teñen:
a súa amizade e a súa compañía. Todos sabemos ben que este tipo de cousas non
se mercan con cartos. Así será verdade o que se nos di no texto de Lucas: “Facede
amigos coas riquezas inxustas”.
Comentarios
Publicar un comentario