DOMINGO XXXIII DO TEMPO ORDINARIO B
LECTIO:
APRENDENDO DA FIGUEIRA.
Domingo XXXIII Ordinario-17.XI-24.
Dicimos que os tempos das
nosas vidas corren moito. Mais os tempos de Deus son distintos. Mellor dito,
Deus non ten tempo. Deus é eterno. É a mesma
eternidade. Nós non sabemos como se pode vivir a eternidade. Como é o seu
misterio, a súa grandeza. De tódalas maneiras, algo de eternidade si que
levamos dentro, porque a verdade é que nos gustaría sermos eternos, vivirmos
sempre. Mais isto non podería ser así se non soubésemos algo dela. Cousa que
non nos debería estrañar porque, á fin e ao cabo, de Deus, que é a mesma
eternidade, procedemos todos.
Vivimos, xa que logo, cada un
de nós e toda a humanidade entre o tempo e a
eternidade. Un bo día e sen que se nos consultase atopámonos, moi sorprendidos,
neste mundo. Empezamos a berrar forte, a respirar os primeiros “airiños,
airiños, aires” e aquí estamos. En plena aventura da vida con outras persoas ás
que lles pasou outro tanto.
Pois ben, os tempos litúrxicos son tamén cambiantes. Case sen dármonos conta, estamos xa na
antesala do chamado Tempo de Advento. Co domingo seguinte ao próximo (que será
a festividade de Cristo Rei) estaremos xa metidos nese especial tempo
preparatorio do nacemento de Xesús. Nacemento, vida, paixón, morte e
resurrección de Xesús son para nós algo así como o modelo ou paradigma do noso
propio proceso vital.
Tanto para Xesús coma para nós, vivirmos é un proceso que non se detén, unha verdadeira
aventura. Para nós o máis grandioso e insospeitábel é que Deus estea no comezo,
no centro e no descoñecido futuro das nosas vidas. Unhas vidas que en realidade
non rematarán, porque ao estarmos como estamos nas mans de Deus seremos tamén
inmortais á semellanza del.
Refírome a todo isto porque as lecturas deste domingo nos levan un pouco por aí. Hai nelas,
tanto na primeira (do libro de Daniel) coma no mesmo evanxeo, unha linguaxe de
signo apocalíptico. Fálasenos nelas sobre o futuro dunha maneira que nos
podería arrepiar. Mais é, como digo, unha linguaxe que naqueles tempos era
normal utilizar.
Xesús participaba tamén desta
maneira de se referir aos acontecementos futuros. En relación con isto cóntanos
Manuel Regal Ledo: “A encarnación de Deus é moito máis ca o feito puntual dunha
persoa humana que toma corpo nas entrañas de María; tamén toma corpo nas
entrañas da historia, das culturas, do pensamento humano”.En calquera caso, Xesús non se deixa levar
totalmente por esa maneira apocalíptica de falar ao nos dicir concretamente no
evanxeo de hoxe: “En canto ao día e maila hora no que iso vai acontecer,
ninguén sabe nada”.Malia esta
advertencia, semella que os primeiros cristiáns estaban convencidos da próxima ou inmediata volta de Xesús, “con gran
poder e gloria” (tal como se nos di). O que significaría que o final da
historia humana tería acontecido xa.
Ante a nosa ignorancia sobre
os misterios de Deus (en calquera caso, misterios bondadosos e misericordiosos,
porque o noso Deus é e seguirá a ser
sempre un Deus Pai bondadoso e misericordioso), deberiamos seguir o consello de
Xesús de “aprender da figueira”.
Pois ben, na nosa terra temos
moitos nomes de lugares e apelidos chamados “Figueroa”, aínda que máis correctamente deberiamos dicir “Figueiroa”. Nome
que proviría dalgunha “pequena figueira” (“ficariola”, no latín vulgar) que
habería por alí. Tamén “Figueirido” ou “Figueiredo”: sitios onde abondan as
figueiras etc. A figueira ten para min gratas lembranzas dos meus tempos de
rapaz. Non era unha “ficariola”, unha pequena figueira, senón unha ben
grandeque chegaba case ata o tellado da nosa casa familiar que tiña bastante
altura. Como eramos seis os irmáns, a nosa nai repartiunos as pólas da gran
figueira para que non rifásemos demasiado entre nós cando apulitabamos a ela cando
os figos empezaban a madurar.
Tamén a Xesús lle gustaban os figos e incluso algunha vez maldiciu unha porque non
tiña figos. E iso que –tal como se nos di no evanxeo– non era tempo deles...
Pois ben, a figueira vén sendo un símbolo da nosa vida, que vai sempre
cambiando, avanzando, semellando ás veces estar morta, aínda que en realidade
no seu interior bule sempre, agachada, a vida. No inverno está amorriñada e as
follas –murchas– cáenlle ao chan; na primavera xorden os primeiros gromos nas
pólas e no verán os figos convértense en delicia para o padal. A figueira non
sabe do seu futuro, nin lle angustia. Limítase a seguir o ritmo interior que
lle dita a natureza. Por outra parte, a
figueira deixa que os necesitados se
alimenten dos seus froitos. Froitos que ela non sabe como é quen de os
producir. Mais aí están: ao servizo de quen se achegue a ela. Sexamos figueiras
xenerosas con cantos queiran alimentarse dos froitos que Deus lles queira dar
por medio de nós. Xesús dinos que aprendamos dela. Esteamos, pois, coma ela,
ben enraizados na humildosa terra e abertos cara ao ceo, cara ao futuro e cara
aos demais.
Deixémoslle, finalmente, ao noso Deus Pai que, así como foi el quen pensou en
nós para nos dar vida, sexa tamén el quen a goberne e dirixa polos seus misteriosos
camiños, aínda que poidamos consideralos unhas veces rectos e outras retortos.
Tanto os camiños da nosa vida coma os daqueles que levamos no corazón.
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/33-tempo-ordinario-b-marcos-1324-32-4/
Comentarios
Publicar un comentario