DOMINGO 1 DE ADVENTO - CICLO C

 Oracional Galego en Spotify

LECTURAS DO DÍA


LECTIO:

DOMINGO I DE ADVENTO 

Esperanza a nosa. 1.XII.24

         Comezamos hoxe, con este primeiro domingo de Advento, o novo ano litúrxico, coa vista posta xa na festa do Nadal que celebraremos antes dun mes. O tempo corre e nós con el. E así chegamos ó Advento. “Advento” significa vinda, chegada. Irémonos, pois, preparando, neste e nos próximos domingos, para a lembranza comunitaria e festiva da vinda, da chegada onda nós do Deus feito home. Un acontecemento que marca misteriosamente a historia humana toda.

         Ano tras ano, estamos así convidados, impulsados a “esperar”, a esperar sempre. Unha esperanza que ten os seus alicerces nunha fe robusta. A fe nun Deus Pai Todopoderoso -tal como dicimos no Credo- que se nos manifestou en Xesús para a nosa liberación e felicidade. Porque esta nosa esperanza renovada na manifestación humana de Deus no Nadal é en realidade unha esperanza que está previamente apoiada e alicerzada no feito mesmo de que Deus está xa desde sempre connosco.

         O Deus do Advento non é polo tanto só un Deus futuro, un Deus que virá. É conxuntamente un Deus que veu, que vén e que virá. Un Deus que é, ó mesmo tempo, pasado, presente e futuro. Pasado, porque des que o mundo é mundo e des que existe a humanidade alí está xa Deus, construíndonos, dándonos vida e agarimándonos. Nel estamos todos desde sempre, tal e como nos comenta o apóstolo Paulo cando nos di: “Nel, é dicir, en Deus, vivimos, nos movemos e existimos”. Deus é desde sempre polo tanto o facedor e sustentador de todo. Del procede e nel está desde sempre a humanidade toda.

         Pero é que ademais o acontecemento do Deus que se encarnou e que puxo, como se nos di no evanxeo de Xoán, “a súa tenda entre nós” ocorreu historicamente hai xa máis de dous mil anos. El é dende aquela un de nós, un coma nós. Dende entón e para sempre veu Deus onda nós e emparentou, por dicilo así, con todos e cada un dos seres humanos. De maneira especial cos humildes, necesitados e marxinados. De xeito que neste sentido a Deus non o deberiamos esperar coma se el non tivese estado xa antes onda nós. Mais este Deus que veu onda nós, segue a vir, está vindo onda nós acotío, en cada intre da nosa vida. Está sempre presente na nosa interioridade, na nosa propia conciencia, mais tamén no noso exterior, nas persoas coas que un día e outro nos atopamos de maneira esperada ou imprevista. Lembremos o dito de Xesús: “Eu estarei convosco ata a fin do mundo”. Ou aquel outro: “Onde dous ou tres están reunidos no meu nome, alí estou eu no medio deles”.

         Por iso, cando a Igrexa nos convida neste tempo de Advento a esperar, faino sabendo que é o Deus que desde sempre está connosco o que nos dá as forzas e a graza para podermos así ter azos para esperalo. Esperar a súa repetida chegada, porque nós nunca seremos capaces de recibilo en toda a súa grandeza por ela ser absolutamente infinita. Deus non é nunca algo así coma unha lección que se aprende dunha vez no cole e sobre a que xa non precisariamos volver. Deus é sempre algo que nin nesta vida nin na vindeira chegaremos a comprender plenamente. Para iso teriamos que ser nós mesmos absolutamente infinitos, é dicir, coma Deus. E isto é imposíbel.

         Por iso, para nós, Deus está sempre a chegar. As nosas alforxas deberían estar en todo intre repletas de esperanza. Unha esperanza que é ela mesma un inmenso e prezado galano, un inconcibíbel agasallo, que Deus mesmo nos dá para podermos estar así en disposición de recibilo. É de maneira especial neste tempo de Advento cando deberiamos repetir a invocación que comunitariamente proclamamos na Eucaristía: “Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección. Ven, Señor Xesús!”.

         Un desexo de que o Deus que se fai un de nós no Nadal se converta en pensamento ardente e concreta vida práctica en todos. Porque a súa vinda onda nós no Nadal, participando así en todo da nosa humanidade, é un acontecemento que, por sabido e aceptado que sexa, non deixará nunca de nos sorprender por pouco que nel pensemos. Por iso toda preparación vén sendo cativa, todo “advento” queda curto,  en relación cun acontecemento tan inimaxinábel e incríbel.

         Por outra parte, a liturxia deste Domingo relaciona a vinda de Xesús no Nadal coa súa vinda ó final dos tempos e da historia. Dinos Lucas, en referencia a esta derradeira vinda de Xesús, que deberiamos entón poñernos de pé e erguer a cabeza “porque chega o día da nosa liberación”. Unha liberación que empeza xa coa festa do próximo Nadal. Tódalas vindas de Xesús son liberadoras, porque todas nos traen boas noticias. O Evanxeo é xa por definición “boa nova”. Por que? Porque nos ofrece e asegura futuro. Ninguén podería recibir peor noticia cá que se lle dixese que “non ten futuro”, que non hai nada que esperar... No evanxeo non hai nada que se poida parecer a este tipo de noticias desalentadoras.

         Por iso remato dicindo que a mellor maneira de practicarmos este espírito de agradecida “esperanza” é xustamente levarmos á práctica o que a vinda de Xesús nos anunciará: o exercicio consciente e constante dunha irmandade verdadeira e real entre todos en canto irmás e irmáns dese Xesús que no Nadal se converte para sempre en verdadeiro e querido irmán noso.


Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/1-advento-c-lucas-2125-28-34-36-5/



FICHAS ADVENTO C






Comentarios

Publicacións populares