DOMINGO XXXI DO TEMPO ORDINARIO B
LECTIO:
SANTOS E FIEIS DEFUNTOS
2
novembro 2024
Comezamos onte o mes de santos, tal e como chamamos tamén o
mes de novembro. A razón diso é clara: este mes empeza sempre coa festividade
de tódolos “santos”. Son, pois, estes santos os que lle dan nome ó mes no que,
ademais, hoxe facemos lembranza de tódolos defuntos. Así pois, onte e hoxe
santos e defuntiños andan mesturados entre si en boa compaña. É bo que así
sexa. Porque, por un lado, os primeiros declarámolos santos só despois de
morreren e, por outro, debemos confiar e esperar tamén que tódolos defuntos
sexan aceptados polo Deus Pai de todos como queridos fillos e como
participantes na mesa do seu reino.
Lembramos, pois, hoxe os defuntos, os queridos defuntos, que
na nosa terra tiveron e seguen a ter tanta relevancia cultural, social e
relixiosa. Moitas lendas, moitos imaxinarios da nosa Galicia tradicional teñen
que ver con isto. Aí está, por exemplo, a “Santa Compaña”, a celebración nestes
días do tradicional Samaín, presente tamén noutras culturas celtas como a
irlandesa: candeas e cabazas, que recordan as caveiras dos defuntos; magostos
coa degustación das primeiras castañas e do viño novo. Todos eses rituais están
tradicionalmente moi relacionados co mundo do alén, cos defuntos e cos santos,
como ben saben os antropólogos.
Coido que está ben que anden así xuntos no noso imaxinario
santos e defuntos. Porque en realidade os santos só chegan a selo de maneira
definitiva coa súa morte, cando teñan pasado a ponte que xunta e separa as
cousas do aquén e as do alén. De xeito que os santos están unidos ó feito mesmo
de teren cumprido entre nós a súa función benfeitora e santificadora.As dúas
festividades, a de Tódolos Santos e a de Tódolos defuntos, están, polo tanto,
moi relacionadas entre si. Temos, ademais, dereito a esperar que o amor que
Deus Pai-Nai nos ten sexa quen de facer que a salvación que nos trae Xesús
afecte universalmente a todos.
Quero dicir que pola graza de Deus temos dereito a esperar
que a salvación nos abranga a todos. Baseándonos sobre todo na bondade e
misericordia deste noso Deus paternal e maternal. Deus quere salvar todos.Os
teólogos fálannos neste sentido da vontade salvífica universal divina. Deus é
suficientemente poderoso e misericordioso para acadar que a súa vontade de
salvación e o seu amor a todos non rematen en fracaso. Deus non veu en Xesús salvar algúns, senón todos. Por iso temos
pleno dereito, tal como dicía, a confiar e a esperar.Deus non ten nada que ver
cos “mortos”; para El todos están vivos: “deixade que os mortos enterren os seu
mortos; para El todos están vivos”.A vida é un proceso que pasa polo que
chamamos a morte. Nós só experimentamos a vida, non a propia morte; cada un só
experimenta a morte dos demais, non a súa.
Do alén só podemos falar simbolicamente, porque é
indescritíbel.Nós cremos na nosa resurrección porque Cristo, que tamén é ser
humano coma nós,resucitou.El é a garantía da nosa resurrección.Específico tamén
do cristianismo é que resucitaremos tamén cos nosos “corpos”, édicir,con toda a
nosa persoa. Non resucita só o que chamamos “alma”.Lembramos hoxe ós nosos
defuntos,familiares, amigos, coñecidos.E queremos facelocon agradecemento. Ou
porque recibimos deles a vida ou porque nos axudaron a vivila con alegría e
ilusión.Pensamos tamén no noso futuro.Porqueo futuro dá perspectiva e esperanza
ás nosasvidas. Agradezámoslle a Deus Pai o noso pasado e o noso futuro, vivindo
con alegría e intensidade cristiá o presente.
Pedímoslle a Deus Pai, por medio do seu fillo Xesús,
primeiro resucitado de entre os defuntos, que queira acoller no seu reino a
tódolos nosos irmáns defuntos que, sabéndoo ou non, participaron de feito na
súa morte redentora e salvadora, dicindo: Escóitanos,
Pai.
- Por tódolos nosos parentes defuntos, pais, irmáns,
familiares todos, que creron en Cristo e esperaron, malia as súas feblezas,
participar na súa resurrección. TODOS: Escóitanos,
Pai.
- Por tódolos amigos e coñecidos, compañeiros de traballo
e colaboradores que, dunha forma ou doutra, creron na nova humanidade do reino
de Deus e ofreceron as súas persoas e recursos con este fin. TODOS: Escóitanos, Pai.
- Por tódolos que morreron sen coñecer explicitamente a
vida e a verdade de Xesús, mais viviron o misterio pascual dun xeito só
coñecido por Deus, para que sexan admitidos na cidade da comuñón e da
fraternidade universal. TODOS: Escóitanos,
Pai.
- Por cantos deron a súa vida con xenerosidade por unha
causa xusta e así participaron da entrega de Cristo ó xurdimento dun mundo
novo, para que o Señor os introduza na cidade onde reina só o Amor. TODOS: Escóitanos, Pai.
- Por todos nós, para que aprendamos que a fecundidade da
vida non se mide polos anos vividos, senón polos valores dun servizo
humanitario a prol dos máis desfavorecidos
e así, paradoxalmente, nos enchamos de vida baleirándonos dela por amor.
TODOS: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai,
por Xesús Cristo, noso Señor. Todos: AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/31-tempo-ordinario-b-marcos-1228-34-2/
Comentarios
Publicar un comentario