DOMINGO XIX DO TEMPO ORDINARIO B
LECTIO:
SOÑOS DE INMORTALIDADE OU MÁIS.
Domingo XIX ordinario. 11 de agosto de 2024
Polo que Xoán nos conta, os oíntes da afirmación de
Xesús que el era o “pan da vida” entenderan bastante ben o que el lles quería
dicir con iso.
O que pasa é que, para o modo de eles veren as
cousas, non acababan de casar ben a persoa de Xesús coa idea que eles tiñan de
Deus. Pois Deus era para eles aquel ser grandioso que estaba alá arriba no ceo,
máis arriba das últimas estrelas. Un Deus creador e gobernador do mundo, mais que só é anunciado a través
das palabras da lei e dos seus profetas. Mais resulta que agora Xesús se nos
presenta a si mesmo como a verdadeira e definitiva palabra de Deus ao mundo, a
palabra dun Deus que agora se nos descobre como Pai agarimoso de todos. Comonos
di Xoán noutra pasaxe, “a Palabra fíxose carne”. Carne de Deus, polo tanto, que
se pode tocar, oír e comer.
En consecuencia, o Deus “que está no ceo” é tamén, en Xesús, o
Deus que se fai presente na terra, o “Emmanuel”, é dicir, o “Deus connosco”.
Toda a grandeza, o misterio e o segredo do cristianismo radica nisto. De Xesús
sabían os seus oíntes quen eran os seus pais e mais a súa parentela, a que se
dedicaban e de onde eran. Como podía ser el o pan que baixou do ceo? Tal como
nos di Xoán: “Non lle coñecemos o pai e mais a nai?”.
Xesús sabía que estas cousas son
humanamente incomprensíbeis sen a axuda do alto. Por iso, non intenta basealas
en argumentos racionais ou simplemente humanos, senón que apela á fe. Unha fe
que non procede só de Xesús, senón do Pai que manda o seu Espírito aos corazóns
dos que coa súa axuda se converten en crentes. Tal e como lles dicía Xesús,
“ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou”.
Con todo, a verdade é que, se
Deus se nos mostra misterioso en Xesús (e así o viron tamén os seus
contemporáneos), tamén a nosa vida humana toda resulta ser moi misteriosa.
Misteriosa porque non deixa de ser ben estraño que por moito que saibamos que
non podemos vivir sempre, non deixemos a pesares diso de querelo, de desexarmos
ser eternos. Un desexo dese calibre infinito non pode provir dun ser só
simplemente limitado ou finito. Ten que vir en última instancia de alguén que é
en si mesmo absolutamente infinito e que deixou a pegada desta procedencia no noso
ser, que resulta ser así finito mais dalgún xeito tamén infinito.
Pois ben, Deus puxo eses
desexos ou marca infinita en nós e el váinolos satisfacer, converténdose el mesmo na
persoa de Xesús en alimento da nosa inmortalidade. Unha inmortalidade que
comeza nesta nosa vida, pero que non nos vai fallar estrepitosamente ao
atopármonos co noso pasamento concreto e individual.
Deste xeito, a nosa fe cristiá entra, como vedes, no máis fondo é
íntimo da nosa apetencia de vida e de inmortalidade. Nesta busca de vida e
inmortalidade traballaron e traballan, sufriron e sofren, loitaron e loitan as
persoas todas de todas as culturas e países do mundo enteiro.
Se Deus non tivese posto en nós tales desexos, uns desexos que son en
realidade os que conforman o noso verdadeiro carácter humano, entón a mensaxe
de Xesús non tería obxecto nin sentido ningún. Para que anunciarnos e
prometernos Xesús unha vida eterna se non tivésemos ningunha apetencia dela? En
realidade, a humanidade nin sequera existiría, nin estariamos hoxe polo tanto
aquí se o desexo de vivirmos e existirmos sempre non nos mobilizase fondamente desde
o máis fondo de nós mesmos.
Sabemos, por outra parte, moi
ben que os alimentos materiais que sosteñen e prolongandurante un tempo a nosa
existencia non nos fan inmortais. Nisto reis, gobernantes, ricos e pobres non
nos diferenciamos en definitiva gran cousa.De modo que quen verdadeiramente nos permite e nos capacita para sermos
inmortais é o Xesús no que cremos. Así nolo anuncia el con toda claridade: “Eu son o
pan da vida. Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. Este é o
pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra... Se alguén come deste
pan, vivirá para sempre”.
Non deberiamos, con todo,
individualizar excesivamente en Xesús a nosa comuñón coa súa persoa coma se
el estivese apartado ou desvencellado daqueles que non se identifican con nós. Porque
alimentármonos de Xesús, é dicir, da súa palabra e da súa persoa, quere dicir asumir
tamén nós mesmos as preocupacións, necesidades e problemas daquelas persoas
coas que nos atopemos na vida. Se nos alimentamos dun Xesús que deu a súa vida
por todos, os seus sentimentos deberían converterse tamén en nosos cando
escoitamos a súa palabra ou o recibimos con agradecemento na comuñón
eucarística.
Realizamos deste xeito aquilo do que nos fala Paulo na súa
carta de hoxe aos Efesios: “Facédevos imitadores de Deus, coma fillos queridos,
e camiñade no amor, igual que Cristo vos amou e se entregou por nós”.É así
tamén como nos iremos convertendo de verdade en “divinos”. Pois xa sabemos a
diferenza que existe entre tomar un alimento de orixe vexetal ou animal e
recibir en nós o alimento da palabra de Deus ou de Xesús na comuñón
eucarística. No primeiro caso o alimento transfórmase en constituínte do noso
corpo, que queda así robustecido grazas a el. En cambio, no segundo caso, somos
nós en definitiva os que nos imos transformando paseniñamente en Cristo,
chegando así a formarmos parte do que adoitamos chamar o corpo místico de
Cristo. Somos, pois, nós os que nos imos divinizando, porque Deus, o don recibido,
é infinitamente superior a nós.
Para podermos acadar esta
divinización teremos que alimentarnos, xa que logo, cunha comida que garde proporción
con tan grandiosa meta. E esta comida témola sempre á nosa disposición, pois é
o propio Xesús quen se nos dá sempre como comida.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/19-tempo-ordinario-b-xoan-641-51-3/
Comentarios
Publicar un comentario