DOMINGO XVIII DO TEMPO ORDINARIO B

 Oracional Galego en Spotify

LECTURAS DO DÍA


LECTIO:

PAN BO E GRATIS PRA TODOS

Domingo XVIII Ordinario. 4 agosto 24

         Trala a escena da multiplicación dos pans e dos peixes era en certo modo presumíbel que a xente quixese utilizar Xesús coma quen lles ía solucionar os problemas materiais, á maneira dun político, dun grande empresario ou dun mago realizador de posibles prodixios.

         Si, Xesús realizoufeitos extraordinarios, tal como nolos transmitiron en diversas ocasións os redactores dos evanxeos. Mais non era ese o seu modo normal e ordinario de se comportar. Eran só manifestacións puntuais da súa bondade e do seu poder, para non perdermos de vista a súa íntima e fonda relación co poder e a bondade de seu Pai Deus. Pois o que nel chamaba verdadeiramentea atención era o seu modo de ser, o que dicía e como o dicía. El era unha persoa sinxela, pobre, falaba con humildade e ao tempo con íntimo convencemento e autoridade, creaba e promovía acotío irmandade e fraternidade, anunciaba un Deus Pai común a toda a humanidade, do que todos somos fillos empezando por el mesmo, o irmán maior noso e fillo primoxénito e especialmente benquerido do seu pai Deus, pai noso tamén.

         Toda a súa vida estaba en consonancia con esta incribelmente complexa personalidade súa: coa súa misteriosa orixe divina e coa súa característica identificación humana cos pobres e necesitados. A multiplicación dos pans e dos peixes hai que vela así como unha manifestación máis do poder e da bondade do Fillo de Deus, que se preocupa tamén polas necesidades materiais dos seus irmáns.

         Mais El é sempre algo máis ca iso. O Xesús multiplicador de pans e de peixes é o mesmo que, ao el ser tentado por Satán no deserto para que convertese as pedras en pan (segundo nos refire Mateo), respondía deste xeito: “non só de pan vive o home, senón de toda palabra que sae da boca de Deus” (Mt 4, 4). É o mesmo Xesús do que Mateo nos transmite tamén este outro dito: “Non amoreedes tesouros aquí na terra, onde a traza e o caruncho os roen, onde os ladróns abren buratos e os rouban. Amoreade tesouros no ceo” (Mt 6, 19-20). É o mesmo tamén que, unha vez máis segundo Mateo, nos advertía: “Non andedes agoniados pola vosa vida (o que ides comer, o que ides beber), nin polo voso corpo (o que ides vestir)... Por todas esas cousas andan angustiados os pagáns; e ben sabe o voso Pai celestial que as precisades. Procurade primeiro o Reino de Deus e mais a súa xustiza, e todas esas cousas hánsevos dar de máis a máis” (Mt 6, 25-33).

         De modo que se trata, en definitiva, dunha cuestión de prioridades. Pois el anúncianos que a fraternidade ou irmandade que el nos ofrece e nos dá, ao se facer en canto Fillo de Deus irmán de todos, é o verdadeiro alicerce da xustiza e do benestar universal. Se todos nos unimos a esta fraternidade, o reino de Deus estabelecerase na terra, converténdose así, como se di tamén na mesma liturxia, nun “reino de xustiza, de amor e de paz”.

         Todos estamos chamados a traballar a prol desta fraternidade. Un traballo que debería ser cousa doada, porque se basea nun “don” grandioso de Deus Pai ao mundo, o galano mesmo que é Xesús. É el quen nos di no evanxeo de hoxe que “traballemos non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica a vida eterna”. E resulta que é el mesmo quen nos di que é el ese pan: “Eu son o pan da vida: quen vén onda min non pasará fame e quen cre en min endexamais terá sede”. Desde logo, a xente debería quedar engaiolada e abraiada con estas palabras, porque non eran elas expresións normais ou ordinarias. Xesús preséntase a si mesmo como o pan que vén de arriba, do Deus Pai que olla polo ben do mundo, un pan que saciará a fame do mundo: “Meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo: pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e dá vida ao mundo”.

         Deberiamos aprender, pois, a poñernos na perspectiva de Xesús nun mundo onde tantas veces se pensa que o que hai que facer na vida é acadar como sexa un prestixioso posto social e económico para termos así asegurado un porvir libre de problemas. Xesús dinos, polo contrario, que o primeiro que deberiamos meter e empaquetar ben nas nosas alforxas de viaxe é ese pan que non balorece nin se estraga co tempo. Un pan que se identifica coa palabra e a persoa mesma de Xesús. Un pan que non ten outros aditivos nin mesturas que lle cambien o seu auténtico sabor nin lle rebaixen ou minoren a súa capacidade de fortalecer as nosas vidas para a transformación do mundo nun reino de xustiza, de amor e de paz.

         Un pan, ademais, gratuíto, polo que nada temos que pagar. Un panque non é igual ao que mercamos nas tendas, porque así, de maneira totalmente gratuíta, Deus Pai nolo dá en Xesús para a vida do mundo.

         A relación que todo isto ten coa Eucaristía e de maneira especial coa recepción sacramental do corpo de Cristo na comuñón é moi estreita. No pan eucarístico recibimos en realidade ese pan, tan gratuíto como inmensamente fortalecedor: Xesús mesmo en forma dun anaco de pan. Un claro símbolo de sermos alimentados realmente por Deus mesmo para a realización das nosas tarefas diarias onde queira que nos atopemos. Con esta que poderiamos chamar carga divina recibida no interior de nós mesmos ímonos transformando paseniñamente nesas “persoas novas, creadas a imaxe de Deus” das que Paulo nos fala na súa carta aos Efesios.

         Naturalmente, para todo isto precisamosdesa fe da que nos fala Xesús ao nos pedir que “creamos naquel que Deus Pai mandou”: el mesmo. Pidámosllo, pois, ao Pai por medio do seu fillo, Xesús.


Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/18-tempo-ordinario-b-xoan-624-35-3/









Comentarios

Publicacións populares