DOMINGO XXII DO TEMPO ORDINARIO B
LECTIO:
DOMINGO XXII ORDINARIO.
OLLADA E CORAZÓNS LIMPOS.1.IX.24
Concentrarémonos nalgúns puntos importantes do evanxeo nos que cómpre sempre profundar para
acadarmos así que o vigor e a forza da palabra de Deus mova eficazmente as
nosas vidas.
Son temas en principio ben coñecidos, mais non podemos permitir que o seu ben sabido coñecemento derive
en perda do seu valor permanente. Son os profetas e os renovadores das
relixións os que se esforzaron ao longo dos tempos na actualización do que
podemos chamar o centro da nosa relación con Deus. Xesús é neste sentido para
nós, no que di e no que el fai, a derradeira palabra que Deus dirixe ao mundo.
Unha palabra que se presenta como o “camiño”, a “verdade” e a “vida”.
Pois ben, no texto de Marcos
volve aparecer a acostumada resistencia de fariseos e outros á visión da nosa relación con Deus como ancorada no corazón, no interior
das persoas e non nas prácticas rituais ou simplemente legais, ligadas a
costumes ou tradicións. Niso pecaban entón os que se opuñan á mensaxe limpa,
diáfana e cordial de Xesús e podemos pecar tamén hoxe nós a pesar de tantos
séculos transcorridos desde o tempo de Xesús.
Marcos detense na descrición dalgunhas desas prácticas que os contrincantes de Xesús realizaban
seguramente con gran satisfacción, crendo que dese modo se convertían nas máis
observantes e relixiosas persoas que se podería pensar: lavando por exemplo
mans e xerros con moito coidadiño, sen se ocuparen nin un minuto en lavar ben
por dentro e por fóra o máis importante que un leva consigo, o corazón. Quero
dicir, aquela agachada fonte interior da que proceden a bondade ou a maldade de
cada quen.
Os opositores de Xesús non pensaban máis ca en semanteren fieis á “tradición dos devanceiros”.
Agora ben, postos a falar de devanceiros, Xesús lémbralles aquí un profeta a
quen xa puxera, ata certo punto, como guieiro e modelo da súa propia actitude
no mesmo comezo da súa actividade pública misioneira. Trátase naturalmente de
cando Xesús botou man do seguinte texto do profeta Isaías: “O Espírito do Señor
está sobre min porque El foi quen me unxiu para lles proclamar a Boa Nova aos
pobres. Mandoume para lles anunciar a liberación aos secuestrados e a vista aos
cegos, para lles dar liberdade aos asoballados e proclamar o ano de graza do
Señor”. E tras lles ler o texto do profeta, limitarase a lles comunicar aos
seus abraiados oíntes o seguinte: “Hoxe cúmprese diante vosa esta pasaxe da
Escritura”.
É dicir, no programa relixioso de Xesús, non entran (a non ser nun moi
segundo plano) mandados ou preceptos concretos, legais, ligados a aqueles ritos
e prácticas aos que se aferran os fariseos legalistas. O que Xesús pretende é a
transformación do corazón, do interior das persoas, que é a fonte de onde
xorden as boas ou malas obras. Obras ou prácticas que non teñen nada ou case
nada que ver cos ritos externos e exteriores cos que os fariseos pensaban
encher a súa carteira de méritos pra acadaren así a salvación.
Porque o que para Xesús é decisivo é entrar ou non no camiño da xustiza, do amor, da atención a
pobres e necesitados, da liberación de calquera tipo de asoballamento das
persoas. Todo, como vedes, na liña do texto de Isaías que el adopta como lema
da súa relación e actuación coa xente. Onde queda aquilo que os fariseos
consideraban como o verdadeiro centro de todo verdadeiro comportamento
relixioso?
Que isto non é unha vella historia de hai vinte séculosdemóstrao o feito de que o papa
Francisco se vexa obrigado aínda a referirse a iso cando nos di: “Cando a
predicación é fiel ao evanxeo, maniféstase con claridade a centralidade
dalgunhas verdades e queda claro que a predicación moral cristiá non é unha
ética estoica. É máis ca unha ascese. Non é unha simple filosofía práctica nin
un catálogo de pecados e erros. O evanxeo convida ante todo a responder ao Deus
amante que nos salva, recoñecéndoo nos demais e saíndo de nós mesmos para
buscarmos o ben de todos. Este convite non se debe ensombrecer en ningunha
circunstancia! Todas as virtudes están ao servizo desta resposta de amor. Se
ese convite non brilla con forza e atractivo, o edificio moral da Igrexa corre
o risco de se converter nun castelo de naipes, e alí está o noso peor perigo.
Porque non será propiamente o evanxeo o que se anuncie, senón algúns acentos
doutrinais ou morais que proceden de determinadas opcións ideolóxicas”.
O papa Francisco quere, pois,
que loitemoscontra esa va autocompracencia de
pretender basear a relixión no cumprimento dun suposto “catálogo de pecados e
erros”. Insiste aínda nesta idea no mesmo escrito sobre “A alegría do evanxeo”
criticando que nos aferremos a “estruturas”, “normas” e “costumes”, deixando de
lado o principal: o anuncio da paternidade de Deus e da irmandade entre todos. Así
se expresa el: “Se algo debe inquietarnos santamente e preocupar a nosa conciencia
é que tantos irmáns nosos vivan sen a forza, a luz e o consolo da amizade con
Xesús Cristo, sen unha comunidade de fe que os conteña, sen un horizonte de
sentido e de vida. Máis ca o temor a equivocarnos, espero que nos mova o temor
a pecharnos nas estruturas que nos dan unha falsa contención, nas normas que
nos converten en xuíces implacábeis, nos costumes onde nos sentimos tranquilos
mentres fóra hai unha multitude famenta e Xesús nos repite sen se cansar.
‘Dádelles vós de comer!’ (Mc 6, 37)”.
En realidade, no caso de Xesús son as persoas necesitadas, os pobres, os leprosos etc. os que o obrigaron a non ter medo a se manchar as mans, a se facer a si mesmo “impuro”. O apóstolo Santiago sintetiza ben esta idea na súa carta de hoxe deste xeito: “A relixión limpa e sen lixo ningún aos ollos de Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste mundo”.-
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario