DOMINGO XVII DO TEMPO ORDINARIO B
LECTIO:
Domingo XVII Ordinario. 28 xullo 2024
Neste domingo e nos seis
seguintes os evanxeos van falarnos de Xesús como “pan de vida”. Iníciase isto co relato da multiplicación dos pans e
dos peixes.
Hai que ter en conta que o
relato é narrado por tódolos evanxelistas. Isto
quere dicir que en principio á escena
habería que lle supoñer un concreto transfondo histórico. De todos modos, o que
aquí máis interesa, como sosteñen eséxetas e entendidos bíblicos, é o seu
carácter simbólico.
Este carácter vénnos dado sobre todo pola súa relación coa Eucaristía. Pero, claro,
unha relación coa celebración eucarística que non esquece o seu orixinario e
fundamental carácter. É dicir, sabemos que para os primeiros cristiáns a
celebración eucarística se caracterizaba por compartir amizade, bens e
alimentos ao tempo que os participantes na celebración lembraban o
acontecemento fundamental da vida e morte de Xesús, o Fillo de Deus, que se
entregara a si mesmo en comida e bebida para todos. Deste xeito, a dimensión
que poderiamos chamar espiritual e a material ou corporal estaban, entón polo
menos, ben xuntas.
Moito diso segue presente aínda hoxe na nosa celebración comunitaria, concretamente na colecta por
medio da cal queremos axudar aos que están en calquera necesidade, nos xestos
de dármonos mutuamente a paz etc. Mais é posíbel que os primeiros cristiáns
vivisen e practicasen isto de maneira máis normal e natural.
En calquera caso, o que
teriamos que poñer de relevo é que a
fe cristiá non pode ser unha fe aérea, abstracta, puramente espiritual ou
mística, senón moi atenta ao feito de que Xesús tiña un corpo coma o noso,
sentía fame coma calquera persoa e, polo tanto, sabía das necesidades e dos
problemas da xente coa que estaba en contacto. Os seres humanos precisamos de
bens materiais e tamén dos que podemos chamar espirituais. Ambos os dous tipos
de bens quere Xesús proporcionarnos, pois el sabe ben que o Deus que el nos
anuncia e fai presente é un Deus de vivos e non de mortos, un Deus que quere
para todos vida plena tanto na nosa vida mortal coma na vindeira.
Agora ben, no relato de hoxe
da multiplicación dos pans e dos
peixes hai algo que non se debería desatender. Dísenos nel que a xente que alí
estaba chegou a resolver máis que satisfactoriamente a súa necesidade de comer
poñendo á disposición dos demais o que tiñan. É dicir, os que tiñan algo de pan
ou algún peixe non o gardaron para si, senón que o puxeron á disposición dos
que alí estaban, aínda que puidesen sospeitar que ese xesto non chegaría a
resolver o problema de todos os que alí estaban.
Podemos supoñer que aquel rapaz do que se nos di que tiña “cinco bolos de pan de cebada
e dous peixes” quedaría abraiado ao ver que a súa renuncia a gardalos para si
chegase a producir uns efectos tan inesperados. Mais temos tamén que aprender a
ver que o “compartir” o moito ou pouco que teñamos pode producir verdadeiros
milagres.
A verdade é que é moi certo aquilo que tantas veces se di de que ten máis alegría
quen dá ca quen recibe. A razón disto é que quen recibe, aínda que pareza que
non fai máis ca recibir, en realidade está dando tamén: dá ou ofrece o seu
agradecemento, a súa amizade, o seu apoio a aquel que lle dá sen esperar pola
súa parte nada a cambio.
Por iso Deus é bo ou, como dicía Xesús, “só Deus é bo”, porque só el dá de maneira
absolutamente xenerosa, porque non ten necesidade algunha de nada noso, nin
sequera do noso agradecemento, porque el se basta desde sempre a si mesmo.
Unha vez máis, vexamos o que ocorre en Deus mesmo. Porque o que aquí se realiza coa
multiplicación dos pans e dos peixes é o que ocorre no interior mesmo de Deus.
Xesús apréndenos a compartir os nosos bens, aínda que sexan cativos e
limitados, cos demais. É iso o que produce o milagre de a xente se sentir satisfeita
polos bens físicos e morais recibidos.
Pois ben, Xesús fai iso porque Deus mesmo é “compartir”. Con isto volvo aludir ao
misterio grandioso da Trindade de Deus. Non é que queiramos ou tentemos
desvelar o misterio que é en si mesmo Deus. Mais podemos sospeitar que algo moi
importante hai nel para entendermos dalgún xeito Xesús e as súas ensinanzas
fundamentais.
Por que Deus é “tres” e non só “un”? Poderiamos dicir que porque se Deus fose só un, non
podería compartir con ninguén a súa infinita e grandiosa realidade. Para dicilo
dalgunha maneira, Deus (o Deus Pai) ten necesidade de compartir porque isto é
algo grandioso. E para compartir, Deus non o pode facer dentro de si mesmo de
maneira limitada, porque iso non sería propio de Deus. Por iso o seu Fillo (que
se vai encarnar en Xesús) é igual en grandeza e infinitude a seu Pai, tan Deus
coma o é o Pai. E o mesmo poderiamos dicir do Espírito Santo, porque o amor que
se teñen o Pai e o Fillo é tan grande que tal amor se constitúe no que chamamos
a terceira persoa da Santísima Trindade, Deus polo tanto tamén coma o Pai e o
Fillo. Mais é un compartir tan marabilloso que aínda sendo os tres diferentes
non son máis ca un único Deus.
En fin, son profundidades
misteriosas estas, mais que poden axudarnos para ver a importancia e a grandeza
da mensaxe de Xesús. Porque el non
está aí por exemplo para nos resolver, de maneira técnica e directa, os
problemas sociais e económicos que ten o mundo no noso século XXI, pero si está
aí para darnos pautas éticas e morais de comportamento para os resolver. Dinos
Xoán, ao final do seu texto de hoxe, que a xente, despois de ver o milagre de
Xesús, quería facelo rei, mais que el se retirou ao monte só. Para falar alí a
soas co seu Pai. A mensaxe e a misión de Xesús era moito máis fonda e eficaz ca
a que podería realizar -digamos- como rei ou presidente de goberno do seu país.
No fondo, o que nos vén dicir Xesús sería, pois, que así como Deus non existe sen compartir
canto é no seo de si mesmo, así tampouco pode haber vida humana (que non pode
provir senón de Deus mesmo) sen que lle deamos amplo espazo a compartir cos
demais o pouco ou moito que poidamos ser ou ter.
Que a comuñón de hoxe, na que Xesús comparte connosco en forma de pan e de viño canto
el é, nos dea luz e forzas para facermos o mesmo con cantos precisen de nós.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/17-tempo-ordinario-b-xoan-61-15-3/
Comentarios
Publicar un comentario