Domingo XV do Tempo Ordinario B
LECTIO:
TEORÍA E PRÁCTICA DO TODO.
Domingo XV ordinario-14 xullo 2024
Na segunda lectura deste domingo hai un famoso
himno que está incluído algo artificialmente nunha das cartas do apóstolo
Paulo. É o chamado “himno cristolóxico”. Os comentadores do Novo Testamento adoitan
dicir verbo deste himno que vén sendo un dos fragmentos máis densos e profundos
de todo o Novo Testamento. De modo que é bo que lle prestemos algo de atención.
Lembremos algunhas ideas que
se formulan neste precioso texto: “Bendito sexa Deus”, ese Deus grande e bo, que é o Pai de Xesús e que está
connosco como “Emmanuel”, é dicir, coma “Deus connosco”. Con este Xesús-Manuel
chégannos a nós “toda clase de bendicións”. Neste Xesús, Fillo de Deus,
habitamos todos nós en canto seres humanos que somos. En Xesús óllanos o Pai
bondadosamente a todos, pois somos da súa mesma carne e do seu mesmo sangue.
Neste Xesús estamos todos “predestinados “ a “sermos fillos adoptivos de Deus”.
Esa é a mente e o designio do Deus Pai de todos. Iso é o que El quere e vai
facer. En Xesús acadamos a redención e salvación, porque por medio del verte
Deus Pai abondosa e xenerosamente a súa graza sobre nós. El, por ser infinito,
non é agarrado nin avaro. Por moito que nos dea, segue a ser sempre absolutamente
infinito en poder e grandeza. Dísenos aquí que Deus Pai “verteu xenerosamente
sobre nós a súa graza”, é dicir, a súa bondade e o seu amor e que fixo
“rebordar sobre nós a riqueza da súa graza”.
Cal é, pois, o proxecto de Deus Pai sobre nós e sobre toda a realidade creada?
Gravemos nos nosos corazóns agradecidos a resposta que nos dá Paulo a esta gran
cuestión. O seu proxecto é “unificar en Cristo tódalas cousas, canto hai no
ceo e canto hai na terra”. En consecuencia, non
podemos ser apoucados, encollidos ou de curtas miras. Si, Deus Pai quere
asemellarnos a Xesús, o seu fillo
benquerido, ó el querer que o seu fillo fose semellante a nós. Quere que
participemos da vida divina, dunha vida divina chea de felicidade que endexamais
vai rematar. Deus amounos e ámanos por pura graza, por puro amor. Fomos
chamados a participar desta súa vida divina, tal como di Paulo, “desde antes da
creación do mundo”.
Á vista do marabilloso contido deste “himno cristolóxico”, no que Paulo ou
algún dos seus discípulos nos resume de maneira concentrada o proxecto divino
da nosa salvación, o que se nos di no Evanxeo non é máis ca algo que flúe de
maneira natural deste himno paulino. Así, os verdadeiros discípulos ou
“apóstolos”, é dicir, mandados, por Xesús están tan cheos da graza e das promesas
de Deus que non precisan practicamente de nada máis: “nin pan, nin alforxas,
nin cartos, nin faixa”. Só unha túnica lixeira e mais as sandalias para camiñar
e comunicar con presteza a “boa nova”. Pois todo o teñen e case non precisan de
nada. Téñeno todo, porque todo o teñen con Deus-Pai. Algo así como o ten todo
un neno pequeno, que vive feliz porque sabe que seus pais estarán sempre
amorosamente atentos a canto el precise.
Isto faime lembrar San Xoán da Cruz. O gran místico abulense escribiu uns fermosos versos sobre como
chegar ao que el chamaba o “Monte da perfección”. Para subir a este monte cómpre
andar lixeiro de equipaxe, tal como fan os montañeiros e escaladores. Cómpre
renunciar a cousas inútiles, pesadas ou entorpecedoras se se quere chegar ao
máis alto. Porque para Xoán da Cruz Deus ten que ver co que el chama “o Todo”. E como se chega a este chamado
“Todo”? Así nolo di el: Para vir gustalo todo, / non queiras ter gusto en nada. / Para vir posuílo
todo, /non queiras posuír algo en nada. / Para vir selo todo,/ non queiras ser
algo en nada ... / Cando reparas en algo, /
deixas de lanzarte ao todo. / Porque para vir de todo ao todo / has negarte de
todo en todo. / E cando o veñas de todo ter, / has telo sen nada querer. / Porque,
se queres ter algo en todo, / non tes puro en Deus o teu tesouro.
Linguaxe poética, dialéctica e conceptuosa, si, pero que vai ao
fondo da mensaxe de Xesús do desprendemento das cousas para comunicar a boa
nova de que Deus o é “todo”. Dicía o papa Paulo VI: “O home contemporáneo
escoita máis a gusto os que dan testemuño ca os que ensinan, ou se escoitan os
que ensinan é porque dan testemuño... Será sobre todo mediante a súa conduta,
mediante a súa vida, como a Igrexa evanxelizará o mundo, é dicir, mediante o
testemuño vivido de fidelidade a Xesús Cristo, de pobreza e desprendemento dos
bens materiais, de liberdade fronte aos poderes do mundo”. Por algo o papa Francisco insiste tanto no moito que a el lle gustaría unha Igrexa pobre e para
os pobres. En canto ó xesuíta padre Seixas (ó que de cando en vez me refiro), é
ben sabido o desprendido que el era en ter cousas para o seu propio proveito e
o seu fervoroso interese en axudar os necesitados. Unha persoa que entón era
unha nena e que actualmente desempeña un importante cargo político a nivel europeo
recordaba así unha das súas visitas á súa casa tras el aceptar o convite de
seus pais a ir xantar con eles: “Teño a lembranza limpa e nidia das súas grandes gargalladas inzando o seu
queixo cara ao ceo. A súa branca barba... e as fondas, ceibes gargalladas
perante a sobremesa asombrábanme e engaiolábanme. Tamén recordo a miña nai
remendando a mesma cazadora todos os domingos ao remate do xantar... - Pai, que
fixo coa chaqueta que lle dei...? -É que
había un moreniño que non tiña ningunha...”
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/15-tempo-ordinario-b-marcos-67-13-4/
Comentarios
Publicar un comentario