FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO XVI DE ORDINARIO A

 FICHAS ANTERIORES:

FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3

LECTIO:

Deus é ecoloxista 

(23 de xullo 2023)

            Dende o domingo anterior nas lecturas litúrxicas as parábolas relacionadas coa vida agrícola, especialmente coa semente e co sementador, son habituais.

            Xesús aparece así entre nós como a palabra de Deus Pai ó mundo, como a Palabra coa que Él se dirixe á humanidade e á creación toda. O sinal de que Deus nos quere é precisamente o feito mesmo de dirixirnos a palabra. Unha Palabra que ademais se identifica con el mesmo e que non é só o que el nos di. Así o fai quen nos saúda dirixíndonos a palabra e amosando desa maneira que nos aprecia, que se preocupa por nós e que nos quere. Do contrario, pasaría ó noso lado sen nos dirixir a palabra, como fan os que non se falan, os que non se queren, os que non se levan ben.

            Deus Pai diríxenos, pois, a súa palabra, sementándoa no mundo e en nós. Xesús é así a súa Palabra, a semente, o formento, que Deus coloca agarimosamente no mundo, na humanidade para írmonos facendo cada vez máis divinos. É así como Deus fai nacer o seu Fillo Xesús no mundo coma un máis entre nós, converténdose deste xeito en compañeiro e irmán. Nace pobre e humilde, como calquera planta ou árbore que ó principio son sempre pequerrechas. Faise el así irmán de todos, convive con todos, padece con todos e coma todos, traballa, loita, sofre inxustizas e morre inxustamente sentenciado. Non ergue a súa man, o seu poder infinito, contra ninguén. Dá simplemente testemuño coa súa vida e co seu modo de proceder do amor que Deus Pai e mais el lle teñen ó mundo, ós homes e mulleres de calquera raza, cultura ou relixión.

            Así é Deus e así é o seu ritmo vital na súa manifestación humana. Deus non ten présa. Tampouco é vingativo ou está á espreita para, como quen di, castigarnos á traizón. Ese é tamén o ritmo que lle deu a canto fixo.

            Os apóstolos preguntábanlle ó seu Mestre por que lles falaba en parábolas e non lles dicía as cousas máis abertamente e sen rodeos. Nós mesmos, máis dunha vez, podemos pensar de maneira semellante. Mais cando el acode ás semellanzas do sementador, das plantas que se forman desde unha semente pequecha, ou á pouca cantidade de formento que é quen no entanto de transformar unha cantidade moito maior de masa de fariña de millo ou de trigo, ou cando fai uso doutras parábolas semellantes, en realidade tal modo de falar e de proceder é o único apropiado para nos transmitir a fonda mensaxe que nos trae do Pai. Mateo dinos que o seu Mestre “nada lle falaba á xente que non fose por medio de parábolas”. Por que?

            Pois porque o estilo específico de Deus se mantén dalgún modo sempre o mesmo en todo canto fixo. Plantas, animais, seres humanos, todo canto existe, reflicten sempre dalgún xeito o modo de ser de Deus. Algo así como un arquitecto, pintor ou novelista ten o seu propio estilo, o seu propio xeito de construír, de pintar ou de escribir. Se queremos polo tanto entendérmonos a nós mesmos, teremos que aprender a ollar tamén as cousas que están arredor noso. Porque todo canto existe, a natureza toda (e nós con ela) leva, onde queira que sexa, ese mesmo estilo, o de Deus, tan variado e tan semellante, tan fermoso e tan sorprendente.

            Por iso é tan importante a conservación da natureza, o respecto a todo canto existe. Se destruímos a natureza ou abusamos dela, iremos perdendo capacidade de achegármonos a Deus e tamén de comprendérmonos a nós mesmos.

            As parábolas deste domingo, a do xoio que medra co bo trigo, a do gran de mostaza que se converte nunha planta vizosa, ou a do formento que se transforma coa masa en pan, coinciden todas elas nunha mesma cousa, nunha mesma mensaxe fundamental: a vida humana e cristiá é un proceso. Ímonos cambiando e transformando, todas e todos, ó longo das nosas vidas. E -non o esquezamos- tamén a nosa morte non é senón un momento máis desa nosa transformación. Transformarémonos entón en algo novo, aínda que sigamos sendo nós mesmos.

            Por iso plantas e a natureza toda nos aprenden tanto. Apréndennos a decatármonos de que, se por exemplo o pequerrecho gran da mostaza podrece e desaparece como tal, non morre para sempre, senón que se converte nun arbusto no que ata os paxaros poden facer nel o seu niño. E poderiamos entón preguntar: ¿seriamos capaces de comprender algo do que significa a resurrección, a vida despois da nosa morte, se non tivésemos diante para velo, observalo e admiralo, o que ocorre con calquera semente dunha planta ou dunha árbore que enterramos na terra?

            Ese é -volvo repetir- o estilo de Deus en todo canto fai. Sorprendente e estraño, si, pero grandioso e esperanzador. Porque, como din tamén os nosos irmáns musulmáns, Deus é grande. Meirande có que podemos pensar del.

            ¿É pouco ou pequeno o noso formento cristián en comparanza coa gran masa de toda a humanidade que non semella ocuparse de Deus? Así parece. Con todo, ¿non é tamén moi cativa a cantidade de formento en relación coa masa de millo ou de trigo que se encargará el de transformar e de facer medrar para que dela saia un saboroso pan?

            Lembro ben de cando, sendo cativo, ía eu buscar á casa dunha veciña unha cunca de barro con formento para que a miña nai o mesturase logo na artesa coa masa de millo. Tras mesturala, facía ela un gran sinal da cruz sobre a masa que se ía cocer, e todo quedaba así preparado para que despois, coa calor do forno, se transformase en pan quente e primoroso.

            Se, como se nos di no evanxeo, somos formento dunha masa a transformar, revistámonos tamén de fe, espera e esperanza, de amor e de paciencia, para asemellármonos así tamén no noso ritmo persoal ó ritmo tranquilo e misterioso, mais eficaz, que Deus lle deu a toda a natureza. É el mesmo quen pon diante nosa este ritmo da natureza como parábola e exemplo de como el se comporta e de como tamén nós nos deberiamos comportar.

 

Manuel Cabada Castro   








Comentarios

Publicacións populares