FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO - DOMINGO XXII DE ORDINARIO C

FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2


LECTIO:

Dilixentes no servizo

 (28 agosto 2022)

 

         Como tantas veces ocorre nas escenas que aparecen nos evanxeos, tamén na de hoxe aparece Xesús tentado polos que non queren entrar con bo e humilde corazón na novidade do que nos anuncia. A mensaxe boa, alegre e dadora de felicidade do seu reino. Un reino que se artella en realidade bastante a contracorrente dos habituais modos de pensarmos.

         Trátase hoxe de símiles ou parábolas, en directa conexión cos feitos mesmos, que levan en si unha gran carga significativa, orientadora, en relación coas maneiras de procedermos. Aínda que non soubésemos formalmente da autoría destes textos, poderiamos xa sospeitar de quen procederían. Son e tiñan que ser de Lucas, pois el adoita insistir unha e outra vez en presentar Xesús como desprendido dos bens materiais, animándonos así a entrarmos nesa gran novidade de vivirmos a fraternidade, construíndoa co sentimento de sabérmonos fillos dun mesmo pai Deus, pai especialísimo de Xesús e pai noso tamén.

         Por iso é o evanxeo de Lucas o único no que podemos atopar estas parábolas relacionadas co modo, politicamente incorrecto, de comportámonos nun banquete. Unha escena moi válida para que nela se poida reflectir o modo de pensar e de proceder dun cristián.

         Como vemos, Xesús non rexeita relacionarse con ninguén, aínda que poida tratarse de alguén sobre o que el sabe de antemán que non conxenia co seu comportamento nin coas súas ensinanzas. É o que ocorre no caso do que esta vez o convida, sendo como é un “xefe dos fariseos”, que está polo tanto á espreita dalgún erro doutrinal ou comportamental por parte de Xesús. Decátase un así de que a semente que el vai deixando caer nos corazóns non está preseleccionada para caer sempre en boa e acolledora terra, senón que pode caer tamén sobre pedra ou nunha silveira.

         O caso é que este convite lle vai valer a Xesús como magnífica ocasión para expresar de maneira moi plástica o modo como, pola nosa parte, nos deberiamos comportar na nosa relación con Deus e cos demais.

         En primeiro lugar, teriamos que pensar que para el a súa e a nosa relación cos demais ten que fluír directamente da súa e da nosa relación con Deus. El sabe que toda a súa dignidade e grandeza vén de arriba, do Pai Deus. Ese Deus Pai é o que descende cara a nós en Xesús, facéndose nel un de nós, creando igualdade, fraternidade, e non “superioridades” coas correspondentes “inferioridades”. Pois estas últimas relacións que rompen coa igualdade non son máis ca perversións do que é algo básico e fundamental na mensaxe cristiá. O que nos comunica, pois, Xesús -á vista do habilidoso comportamento dos convidados e comensais para se colocaren estratexicamente nos postos supostamente máis dignos e apetecíbeis- non é máis cá tradución visíbel da relación de Xesús co Pai e deste con el, así como tamén a tradución e expresión concreta da relación de Xesús connosco e da nosa relación con el.

         Hai polo tanto aquí, nestes comentarios sobre a escena do banquete, profundidades teolóxicas relacionadas co máis fundamental do acontecemento orixinario cristián, consistente na encarnación de Deus en Xesús. Non se trata polo tanto (no dito de Xesús de que “cando alguén te convide a unha voda non te poñas no primeiro posto”), non se trata –digo- dunha norma ou consello máis, moral ou simplemente táctico, de entre os variados que calquera entendido en asuntos éticos ou educativos nos podería indicar pra acadarmos unha vida digna e humanamente apreciada por todos. Pois así, dese prudente e táctico modo, acadaremos evitar vernos expostos a fracasos ou desenganos procedentes da nosa incauta fachenda...

         Na escena apúntase máis ben a algo que está no fondo mesmo da nosa relación con Deus e, polo tanto, cos demais. É dicir, se Deus se achegou a nós e se igualou connosco, non podemos nós pretender ser superiores ós que viven ó noso lado.

         Por esta razón, o segundo consello, o que Xesús lle dá directamente ó xefe dos fariseos que o convidou, está estreitamente relacionado co primeiro, afondando aínda máis decididamente nel. É aquí, neste segundo consello, cando a mensaxe de Xesús se converte limpamente en “anti-cultural” ou “politicamente incorrecto”. Pois abonda con preguntármonos a nós mesmos se algunha vez na vida fixemos algo que polo menos se lle asemelle ó que nel se di: “Ti, cando deas un xantar ou unha cea, non chames os teus amigos, irmáns, parentes ou veciños ricos”, senón “convida os pobres, eivados, coxos e cegos; e serás ditoso...”. Cantas veces fixemos isto na nosa vida? Posiblemente nunca.      Mais do que aquí verdadeiramente se trata non é de realizar, literalmente e sen máis, o que na norma ou no consello de Xesús se nos di pra fachendear a continuación ante os demais sobre a nosa xenerosidade ou altruísmo. Do que sobre todo se trata é de intentarmos ir cambiando a nosa actitude en relación cos que están máis precisados de axuda ca nós, sen esperarmos deles recompensa algunha.

         Estamos hoxe ben informados do que está a pasar con  tantas persoas e familias que foxen de lugares de conflitos e guerras cara a zonas que consideran máis seguras, cara a Europa por exemplo. E tamén sabemos das dificultades coas que se encontran esas persoas cando solicitan axuda e protección onda nós. Pois ben, cando o papa Francisco fala sobre estes temas, en relación por exemplo cos refuxiados, sabemos ben que non se morde a lingua. Temos que supoñer que el estará ben informado sobre que o cristianismo non é unha serie de bonitas teorías ou crenzas nas que debemos teoricamente crer, senón que é un modo de proceder na vida polo que, fronte ás excesivas preocupacións particularistas, deberiamos estar abertos ós problemas dos demais. Abertos no sentido de que esteamos dispostos a lles abrir a nosa casa, a nosa mesa, etc., tal como reza o consello de Xesús: “Cando deas un banquete, convida os pobres, eivados, coxos e cegos...”.

         Non deberiamos esquecer, con todo, que a este consello de Xesús seguen un par de breves, mais fermosas palabras. Son estas: “e serás ditoso”. Fermosas digo, porque a veces pensamos que xa está ben o de que Deus nos estea pedindo sempre renuncias, sacrificios e cousas así cando a verdade é que foi Deus mesmo quen puxo nos nosos corazóns ese insaciábel desexo de felicidade. E se nos deu ese desexo é porque quere que sexamos felices e que busquemos a felicidade. Mais a felicidade non se acada, polo menos tal como se nos di no relato de Lucas, a golpe de egoísmos e de se pechar un nos propios intereses, apartando así a nosa vista das necesidades dos demais. Xa o formula ben, ademais, o coñecido dito popular: “é máis feliz quen dá ca quen recibe”.

 

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN: 

 https://www.gruposdejesus.com/22-tempo-ordinario-c-lucas-141-7-14-3/



Comentarios

Publicacións populares