FICHA E LECTIO: Domingo 3 de Coresma B
FICHAS ANTERIORES:
https://www.slideshare.net/NuriaMNezElissetche/coresma-renovacin
LECTIO:
A
sorprendente casa de Deus
(7.III.2021)
O
misterio da personalidade de Xesús amósase en case sempre ser desconcertante. Acostumados
a velo cheo de amor e agarimo coas persoas e as cousas, a escena de hoxe co
vergallo ou látego na man parece que non casa ben con iso.
Mais
dado que sobre Xesús temos que supoñer que está ben ó tanto do que é e de como
é o seu Pai Deus, teremos que estar moi atentos cando nos fala sobre el. Como
Fillo proclamado polo Pai unha e outra vez como o “benquerido”, ten que estar ben
informado de como é a casa de seu Pai.
Polo
que se nos di no evanxeo de hoxe, nin seu Pai é un “negociante” nin a casa de
seu Pai é unha casa de “negocios”. Nin Deus nin a súa morada poden ter nada que
ver con ganancias, con intereses ou con cousas que se mercan baseándose nos
propios haberes ou poderes. “Non fagades da casa do meu Pai unha casa de
negocios”, bérralles Xesús ós asustados vendedores e cambistas. Na casa de Deus
non se está por méritos propios nin á busca de medras particulares. A súa casa
é simplemente a casa na que se vive agradecido a familiaridade con Deus, onde hai
fraternidade e igualdade entre todos.
Por
iso, propiamente, a casa de Deus non é casa ningunha, senón esa relación filial
fonda que se ten con el e que crea fraternidade, esteamos onde esteamos ou
fagamos o que fagamos. É verdade que no templo de Xerusalén se practicaban
ritos de sacrificios de animais, bois, ovellas, pombas, etc. e que para iso se
precisaban persoas que se ocupasen tamén diso. Mais Xesús non quere que estes
materiais e actividades de tipo exterior rematen ó final por afogar e
distorsionar o que máis importa: o amor a Deus Pai e ós máis necesitados. E
nisto non fai Xesús máis ca continuar coa denuncia que xa antes del fixeran
moitos profetas en relación cos cultos baleiros e puramente exteriores que se
realizaban no templo.
Naturalmente,
todo isto era nos tempos de Xesús un asunto complicado e delicado, porque se
xogaban aquí moitos intereses das clases dirixentes, relixiosas e políticas. De
feito, el aludirá algunha vez con suficiente claridade a este problema cando
nunha determinada ocasión, tal como sabemos por outras pasaxes dos Evanxeos, se
parou a conversar tranquilamente cunha muller afectada polos seus problemas
persoais e con dúbidas sobre se a súa fe era a verdadeira ou non. Refírome a
aquela fermosa escena na que el, cansado e con sede, lle pide de beber a unha
muller samaritana que vai co seu caldeiro a tirar auga do pozo.
Naquela
mutua conversa hai, sen dúbida, fonduras moito meirandes cás do pozo. Ela
séntese sorprendida polo feito de que Xesús a atenda con tanta delicadeza e
amor, xuntándose como se xuntaban nela varios feitos dos que cada un deles
semellaba ser xa razón suficiente para non atendela como de feito a atendería
Xesús. Era xa en principio unha muller (polo tanto, culturalmente
discriminada), ademais pobre e para máis inri non xudía, pertencente a maiores
a outra relixión distinta da dos xudeus. Por iso, ó longo da conversa,
atreverase ela a lle manifestar as súas dúbidas sobre a súa propia fe,
comentándolle a Xesús: “Os nosos pais adoraron a Deus neste monte [a samaritana
refírese ó monte sagrado do seu pobo, o Garizim] e vós [é dicir, os xudeus]
dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar...”.
É
unha consulta moi importante, porque aquí a muller estalle a preguntar en
realidade (aínda que ela non o saiba) onde ten el, é dicir Xesús, a súa casa, é
dicir, o seu “templo”. Porque, claro, o templo do verdadeiro Deus, a verdadeira
casa de Deus, é tamén a casa do seu Fillo, é dicir a casa de Xesús. E este,
naturalmente, terá que saber moito destas cousas.
Cal
é a resposta de Xesús a esta cuestión que, se lle preocupaba á samaritana hai
vinte séculos, segue a ser hoxe actual nun mundo tan interrelacionado coma o
noso? A resposta é a seguinte: “Mira, muller, nin o teu templo nin o noso van
ser dende agora en adiante a casa de Deus”. Dito coas palabras do texto de
Xoán: “Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte [é dicir, o dos
samaritanos] nin no de Xerusalén [é
dicir, o dos xudeus] adoraredes o Pai ... Chega a hora –é xa agora- na que os
verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os
adoradores que procura o Pai”. Como vedes, Xesús non pretende en modo algún varrer
pra a súa casa xudía fronte á casa samaritana...
A
resposta, pois, de Xesús á Samaritana é a de que a verdadeira casa de Deus é
aquela onde hai espírito e verdade. É dicir, onde queira que haxa sinceridade,
boa conciencia, humildade, amor, xustiza, rectitude de miras, etc. etc., alí
está o Pai Deus. Polo tanto, Deus habita nunha casa moito máis espazosa có
templo de Xerusalén ou calquera outra sinagoga, mesquita, igrexa etc. etc.
Onde
está, pois, a casa, o templo de Deus? Desde logo non onde haxa egoísmos,
particularismos excluíntes, dogmatismos e cousas semellantes. Xesús diranos
incluso que en realidade todos e cada un de nós somos os verdadeiros “templos”
de Deus e que o Espírito Santo habita en nós, se nos mantemos en comuñón con el
na fe, no amor ó Pai e a todos. Que onde queira que nos reunamos dous ou tres
no seu nome, alí está el no medio de nós... O verdadeiro templo de Deus son,
pois, os humildes, os sinxelos, os perseguidos, os tratados inxustamente pola
sociedade. Xesús identifícase con eles, como ben sabemos por tantísimas pasaxes
do Evanxeo. E se Xesús está alí, con eles e con elas, entón o Pai Deus está alí
tamén. Esa é a súa casa.
Agora pódenos servir tamén unha anécdota do P. Seixas,
cando falaba da súa estancia na República Dominicana, antes de se vir para
Vigo: “Eu procuraba facer
actos un pouco rechamantes para educar. Por exemplo, nas reunións de xente,
cando viñan doutras partes, abríalles a casa parroquial para que vivisen nela e
ocupábana toda, pero había un cuarto moi importante, o dedicado ó bispo, que
era a habitación máis grande e a mellor posta. Unha vez chamei o cociñeiro que
tiña, de raza india, e mandeille preparar o cuarto do bispo. E acórdome que
entre a xente que viñera había un da cidade veciña, Dajabón, que era moi negro,
limpabotas de oficio, collino e díxenlle, aquí tes a túa habitación: ó vela
quedouse un pouco abraiado e díxenlle:
Mira, este é o cuarto do bispo, que para nós é a representación de
Cristo, pero ti representas para min a Cristo máis có bispo, porque ti
representas unha raza explotada e oprimida, que é a raza de Cristo, así que ti
estarás aquí con todo o dereito. E na mesa tamén ocupou o lugar e usou os
cubertos do bispo. O cociñeiro andaba dicindo: non saio do meu asombro...”.
Cal
é, pois, a casa do Pai Deus?
Quizais saibamos agora algo máis sobre o tema.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/3-coresma-b-xoan-213-25/
Comentarios
Publicar un comentario