DOMINGO I DE CORESMA - ciclo B


Primeira Lectura   Xén 9, 8-15

Alianza de Deus con Noé liberado das augas do diluvio

LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE


            Deus díxolle aínda a Noé e mais a seus fillos:

            — Vou establecer amiña alianza convosco e cos vosos descendentes, con todos os animais que están convosco, os paxaros, os gandos e as feras todas do monte, cantos saíron da arca e agora viven na terra.

            Fago convosco esta alianza: Endexamais será outra vez destruída vida ningunha polas augas do diluvio; non haberá outro diluvio que estrague a terra.


            E Deus engadiu:

            — Este será o sinal da alianza que eu fago convosco e con todos os seres vivos que vos fan compaña, para todos os tempos: “Poño o meu arco nas nubes, sinal da miña alianza coa terra”. Cando amoree nubes sobre a terra e apareza o arco nelas, lembrarei a miña alianza convosco e con todos os seres vivos, e non haberá máis augas de diluvio que destrúan a vida.


     Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL           Sal 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9

R.: (Cf. 10) Os camiños do Señor son todos misericordia e lealdade

                        para os que gardan a súa alianza.


Amósame, Señor, os teus camiños,

ensíname os teus sendeiros,

diríxeme na túa verdade, apréndeme,

que ti es o meu Deus salvador.


Lémbrate, Señor, da túa compaixón e da túa misericordia,

pois existen desde sempre.

Acórdate de min segundo a túa misericordia,

pola túa bondade, Señor.


O Señor é bo e recto,

por iso lles ensina o camiño aos pecadores.

El dirixe na xustiza os humildes,

e amósalles o seu camiño aos pobres.



Segunda Lectura   1 Pe 3, 18-22

Agora salvouvos o bautismo

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO


            Benqueridos irmáns:


            Cristo morreu unha vez polos vosos pecados,

o xusto polos pecadores, para vos achegar a Deus;

sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito.


            Foi daquela cando lles foi proclamar a salvación

mesmo aos espíritos encadeados, que foran rebeldes,

cando, nos tempos de Noé,

Deus, cheo de paciencia,

os estaba agardando, mentres se construía a arca;

dentro dela, uns poucos,

en total oito persoas,

salváronse pola auga;

esta auga simbolizaba o bautismo que vos salva a vós,

non por ser unha limpeza do corpo lixoso,

senón por ser o compromiso con Deus dunha conciencia honrada,

pola mediación de Xesús Cristo resucitado,

que subiu ao ceo e está á dereita de Deus,

despois que se lle someteron os anxos, os poderes e as forzas.


        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus


 

VERSÍCULO   Mt 4, 4b


O home non vive só de pan,

senón de toda palabra que procede da boca de Deus.


Evanxeo   Mc 1, 12-15

Era tentado por Satán e os anxos servíano

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS


            Naquel tempo, o Espírito encamiñou a Xesús ao deserto. Alí permaneceu corenta días, alí o tentou Satán; vivía entre as feras, e servíano os anxos.

            Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus, dicindo:

            — O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos e crede na Boa Nova.


        Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares