Ficha e Lectio - Domingo 3 de Coresma C
+ FICHAS:
LECTIO:
DOMINGO III DE CORESMA
(Ano C: 28. II. 16)
O
tempo de Coresma vai avanzando e nós deberiamos írmonos renovando interiormente
ó seu ritmo. Hoxe ofrécesenos a posibilidade de escoller na liturxia as
Lecturas do Ciclo A (o de hai dous anos)
en vez das do Ciclo C no que propiamente estamos. Non quixen desaproveitar a
ocasión que se nos brinda, porque a lectura do encontro de Xesús coa muller
samaritana, descrito por Xoán, é unha verdadeira preciosidade pola súa
sinxeleza ou espontaneidade e mais pola fondura do seu contido.
Sérvenos
ademais para irmos afondando, cada vez máis decididamente, na enorme grandeza e
orixinalidade da mensaxe de Xesús. Pois, se no comezo da Coresma se nos pediu
que “nos convertésemos e crésemos no Evanxeo”, na “boa nova”, teriamos que
estar atentos ás novidades fundamentais que nos trae Xesús e que se distinguen
netamente das anteriores manifestacións de Deus na historia humana.
E
estas novidades de Xesús –estou diso moi convencido- seguen sendo
verdadeiramente novas nos tempos de hoxe e seguirano a ser nos tempos
vindeiros, porque o acontecemento da aparición e presenza de Xesús onda nós veu
romper tódolos moldes, incluso os moldes relixiosos. Isto é así pola mesma
razón pola que Deus, o Deus infindo e inabarcábel, rompe por si mesmo con
tódalas pequenas ideas e conceptos nos que nos gustaría apresalo. Pois Xesús
non é, nin máis nin menos, có anunciador elixido por ese Deus misterioso e
inabarcábel para comunicarnos quen é e como é ese Deus.
En
Xesús ofrécenos Deus, o Deus creador de todo, a doada e gratificante
posibilidade de achegármonos a El, ó Deus infindo e misterioso, sen utilizarmos
vellos ritos ou transitando por vías digamos oficiais, venerables ou
tradicionalmente admitidas polas diversas culturas. Se isto que digo vos parece
esaxerado ou estraño, escoitade unha vez máis o que lle comenta Xesús, cansado
e sedento, a esa muller samaritana, á que todos lle debemos agradecer moito por
ter sido tan oportuna como para ocorrérselle ir a por auga ó pozo cando Xesús
estaba alí a descansar un pouco.
Polo
relato de Xoán sabemos que a muller cambiou de terzo na súa conversa cando
Xesús lle fixo referencia ós cinco maridos que tivera. Xesús non a condena nin
a despreza por iso. Quen sabe se ela era unha muller ben consciente de si mesma,
con suficiente sentido da súa dignidade e liberdade para non se deixar someter
ós autoritarismos e desprezos respecto dela por parte dos sucesivos maridos?
Non esquezamos que naquela cultura e naquel tempo a muller era unha persoa
moito máis discriminada aínda que nos nosos tempos.
Esta
benévola e comprensiva actitude de Xesús en relación con ela é a que a ela lle
fai de súpeto intuír que a persoa que está alí a falar con ela é alguén que non
se parece en nada ós seus anteriores maridos. Coa intuición propia dunha muller
intelixente e coñecedora da vida humana, a samaritana decátase axiña de que alí
diante dela está un home de Deus ou, como ela lle di a Xesús, un “profeta”.
Para
ela é, polo tanto, o momento axeitado para formularlle unha pregunta digamos
directamente “relixiosa”. A pregunta que lle fai a Xesús é sobre o lugar no que
está Deus, sobre cal é a relixión “verdadeira”, a del, é dicir, a do xudeu
Xesús, ou a dela, a dos samaritanos. Unha pregunta que moitos nos podemos facer
tamén hoxe en día ante a presenza ó noso lado de crenzas ou confesións
relixiosas tan diversas. Se ve que a intelixente muller non era unha
“dogmática” respecto da súa propia relixión, senón que tiña dúbidas sobre a
lexitimidade do seu modo concreto de incardinarse ou vincularse a uns
determinados ritos ou lugares de culto.
Xesús
non a vai defraudar. Porque se a muller samaritana, polo que se ve, era unha
muller amante da liberdade e da verdade, Xesús serao aínda moito máis ca ela.
Pois Xesús é o fillo “benquerido” de seu Pai Deus, que é a mesma liberdade e
amor absolutos, presente en calquera tempo e lugar. En consecuencia, Xesús vai
encher o corazón da muller cun espírito de liberdade e verdade, que a converterá
en anunciadora ante os seus veciños da gran mensaxe que acababa de recibir.
Porque
Xesús vai liberar (unha vez máis Xesús como “liberador”!), vai descargar a esta
muller, aberta á verdade e á liberdade, das angustias e atrancos ós que estaba
sometida pola concreta sociedade na que estaba a vivir.
Coido
que a resposta que lle deu Xesús a esta muller hai vinte séculos non está aínda
suficientemente asimilada nos nosos tempos, incluso entre os que nos chamamos
cristiáns e seguidores de Xesús. É unha resposta absolutamente sorprendente,
pero totalmente coherente coa experiencia fonda e íntima que Xesús tiña do seu
Pai Deus naqueles sublimes momentos de conversa con El no cumio de calquera deses
montes a onde se dirixía para falar con El (como no monte do anterior domingo
onde se transfigurou durante a oración).
Escoitemos
a resposta de Xesús á muller, e fagámolo tendo presente aquel mandado do Pai:
“Este é meu fillo benquerido, o elixido. ESCOITÁDEO”. Velaquí, pois, a case
incríbel resposta de Xesús: “Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste
monte nin en Xerusalén adoraredes o Pai... Chega a hora –e velaí- en que os
verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os
adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran o
adoren en espírito e verdade”.
Con
esta resposta púxolle Xesús definitivamente no seu interior á samaritana aquela
auga, mellor dito, aquela –en palabras de Xesús- “fonte que salta ata a vida
eterna”, que ela en realidade estaba sempre no fondo a buscar.
Para
rematar xa. Un cristián éo de verdade cando achegándose concretamente á súa igrexa
habitual para escoitar a mensaxe de Xesús e alimentarse da súa doutrina e da
súa persoa, sabe e é perfectamente consciente de que a nosa “adoración” do Deus
de Xesús non se restrinxe ou limita a un concreto lugar, senón que ocorre e
pode ocorrer en calquera lugar do mundo, sexa ou non considerado como sagrado.
Por que? Porque o Deus de Xesús non é só o Deus dalgúns, senón o Deus de todos.
A súa Palabra, é dicir, Xesús, diríxese sempre a tódalas conciencias en calquera
tempo ou lugar e no seo de calquera cultura ou relixión. Así o entendía tamén,
como ben sabedes, o noso Pai Seixas. Deixemos, pois, neste tempo coresmal que
esta alegre mensaxe de Xesús ensanche os nosos corazóns, como o fixo coa muller
samaritana.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Rogamos a Deus Pai para que
saibamos escoitar o seu fillo Xesús e levar así a outros a quen é a Fonte de
augas vivas, dicindo: Escóitanos, Pai.
Todos:
Escóitanos, Pai.
-Dános,
Pai, fe na palabra do teu fillo Xesús, que se nos presenta como modelo da nosa
relación contigo.
Todos: Escóitanos, Pai.
-
Concédenos, Pai, apertura de entendemento e de corazón para sabermos verte e
adorarte en calquera lugar e cultura do mundo.
Todos: Escóitanos, Pai.
-
Fai, Pai, que saibamos recoñecerte e servirte en calquera persoa con fame e
sede de xustiza, felicidade e paz.
Todos:
Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso
Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER MÁIS:
http://www.gruposdejesus.com/3-coresma-c-lucas-131-9/
Comentarios
Publicar un comentario